Wikiversity
Contidos
Ad hoc é unha locución latina que significa literalmente «para isto», formada de preposición máis acusativo singular neutro do demostrativo hic, haec, hoc. Xeralmente refírese a unha solución elaborada especificamente para un problema ou fin preciso, e polo tanto, non é xeneralizable nin utilizable para outros propósitos. Úsase, pois, para referirse a algo que é adecuado só para un determinado fin. En senso amplo, ad hoc pode traducirse como «específico» ou «especificamente». Exemplo: “Para alumnos que desexen cursar Fotografía, o colexio habilitou unha clase con todo o material ad hoc.
Uso en lóxica
Unha hipótese ad hoc é unha hipótese concreta creada expresamente, xeralmente para explicar un feito que contradí unha teoría. Algunhas hipóteses non son suficientes por si soas e requiren que se poñan en conxunción con outras, que teñen un carácter instrumental ou auxiliar, e ás que se denominan hipóteses auxiliares. Estas hipóteses cumpren o papel de premisas adicionais, suponse que deben cumprir dous requisitos que son :
- Ser falsables.
- Ser contrastadas con anterioridade ou con independencia das hipóteses fundamentais.
De non cumprirse estes requisitos, dirase que se trata dunha hipótese ad hoc. Ou noutras palabras, é un enunciado irrefutable destinado a "blindar" á hipótese principal para salvala da falsación.
Uso en dereito
Como termo xurídico ad hoc pode ser interpretado como "para fin específico". Por exemplo, un "avogado ad hoc" significa que é un avogado nomeado ou designado para ese caso concreto. Polo mesmo motivo, unha norma ad hoc o un contrato ad hoc sería aquel ou aquela que foron elaborados para unha situación concreta, e que terán pouca ou nula aplicabilidade máis alá desa situación.
De igual xeito é utilizado para os domicilios dos avogados, cando pertencen a outra xurisdición e deben elixir un domicilio ad hoc na xurisdición onde se atopa ventilando un caso, razón para a cal elixen o domicilio ad hoc para ese caso en específico.
Uso en telecomunicacións e informática
En redes de comunicación, esta expresión fai referencia a unha rede (especialmente sen fíos) na que non hai un nó central, senón que todos os ordenadores están en igualdade de condicións. Ad hoc é o modo máis sinxelo para o armado dunha rede. Só se necesita contar con 2 placas ou tarxetas de rede sen fíos (da mesma tecnoloxía). Unha vez instaladas nos PC utilízase o software de configuración do fabricante para configuralas no modo ad hoc, definindo o identificador común que utilizarán (SSID). Este modo é recomendable só en caso de que necesitemos unha comunicación entre non máis de dous dispositivos. Son por exemplo redes ad hoc as que se crean de forma espontánea, sen unha infraestrutura específica e funcionando nun espazo e tempo limitados.
O termo tamén se utiliza en informática para referirse a consultas en bases de datos ad hoc querying ou ad hoc reporting. Isto implica que o sistema permite ao usuario personalizar unha consulta en tempo real, en vez de estar atado ás consultas predeseñadas para informes. Xeralmente as consultas ad hoc permiten aos usuarios con pouca experiencia en SQL ter o mesmo acceso á información da base de datos, para isto os sistemas que soportan ad hoc posúen GUIs para xeneralas.
Uso en medicina
Esta locución utilízase para facer referencia a grupos ou comités [ad hoc] creados cun fin específico para chegar a elaborar un consenso unificado en determinados temas. En dereito médico tamén se usa en conxunción ao termo lex artis xa que esta non é aplicable de forma xeral, senón a unha situación específica ou a un profesional en cuestión.