LIMSwiki

O sagrado[1] describe algo que está dedicado ou apartado para o servizo ou a adoración dunha deidade; considérase digno de respecto ou devoción espiritual; ou inspira temor ou reverencia entre os crentes. A propiedade adscríbese a miúdo a obxectos (un "artefacto sagrado" que se venera e bendice), ou lugares ("terra sagrada").

O sociólogo francés Émile Durkheim considerou a dicotomía entre o sagrado e o profano como a característica central da relixión: "a relixión é un sistema unificado de crenzas e prácticas relativas ás cousas sagradas, é dicir, as cousas apartadas e prohibidas".[2] Na teoría de Durkheim, o sagrado representa os intereses do grupo, especialmente a unidade, que se plasman en símbolos de grupos sagrados, ou tótems. O profano, pola contra, implica preocupacións individuais mundanas.

Etimoloxía

A palabra sagrado procede do latín sacer, referíndose ao que está consagrado, dedicado ou purificado aos deuses ou algo no seu poder, así como aos sacerdotes.[3]

Na relixión

As relixións orixinarias na India, é dicir, o hinduísmo e relixións derivadas como o budismo, o xainismo e o sikhismo, teñen o concepto de reverenciar e conservar a ecoloxía e o ambiente tratando diferentes obxectos como sagrados, como ríos, árbores, bosques, montañas etc.

As denominacións cristiás máis tradicionais, como as igrexas católicas, anglicanas, luteranas e metodista, cren nos Santos Sacramentos que realiza o sacerdote como o bautismo e a comuñón, así como nas Sagradas Escrituras, a Santísima Trindade e a Santa Alianza.

No islam, a palabra ħarām (en árabe: حرام), que adoita traducirse como "prohibido", enténdese máis como "sagrado" ou "santuario" no contexto dos lugares considerados sagrados.

A palabra hebrea kodesh (קֹדֶשׁ) utilízase na Tora para significar "apartado" e "distinto", como se atopa na cerimonia do matrimonio xudeu, onde o marido di á súa futura esposa: "Fixéchesme santo segundo a lei de Moisés e Israel" (en hebreo: את מקדשת לי כדת משה וישראל). Kodesh tamén se traduce habitualmente como "santidade" e "sacralidade".[4] A Tora describe que os sacerdotes aaronitas e os levitas foron seleccionados por Deus para realizar os servizos do Templo; eles, tamén, son chamados "santos".

Notas

  1. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para sagrado.
  2. Durkheim, Émile (1915). The Elementary Forms of the Religious Life. Londres: George Allen & Unwin. p. 47. ISBN 978-0-8341-2182-9. 
  3. Stormonth, James, e Philip Henry Phelp, eds. 1895. "Sacred." En A Dictionary of the English Language. Blackwood & sons p. 883.
  4. Blue Letter Bible. "H6944 - qodesh - Strong's Hebrew Lexicon (HNV)". Consultado o 28 de xuño de 2016. 

Véxase tamén

Bibliografía

  • Durkheim, Emile (1915) The Elementary Forms of the Religious Life. Londres: George Allen & Unwin (publicado orixinalmente en 1915, tradución ao inglés de 1915)
  • Eliade, Mircea (1957) The Sacred and the Profane: The Nature of Religion. Nova York: Harcourt, Brace & World
  • Thomas Jay Oord e Michael Lodahl (2006) Relational Holiness: Responding to the Call of Love. Kansas City, Missouri: Beacon Hill. ISBN 978-0-8341-2182-9
  • Pals, Daniel (1996) Seven Theories of Religion. Nova York: Oxford University Press. US ISBN 0-19-508725-9
  • Sharpe, Eric J. (1986) Comparative Religion: A History, 2nd ed., Londres: Duckworth, 1986/La Salle: Open Court. ISBN 0-8126-9041-9

Ligazóns externas