LIMSwiki
Contidos
Os termos nazismo e nacionalsocialismo designan a política da ditadura que gobernou a Alemaña de 1933 a 1945, o Terceiro Reich. O nazismo é frecuentemente asociado ao fascismo, aínda que os nazis dixesen practicar unha forma nacionalista e totalitaria de socialismo (oposta ao internacionalismo proletario marxista).[1][2]
O Partido Nacionalsocialista alemán defendía o Nationalsozialismus ('nacionalsocialismo'). Algunha dereita e extrema-dereita, chegando por veces ata ao centro, en especial en países con máis forte tradición anticomunista (como os Estados Unidos de América), refírense ao nazismo como unha forma de socialismo, apuntando para o nome, para algunha da retórica nazi e para a estatización da sociedade como probas. A xeneralidade da esquerda rexeita esas ideas, apuntando á existencia, desde aínda antes da toma do poder por Hitler, dunha resistencia comunista e socialista ao nazismo, para o carácter internacionalista e fraterno do socialismo, totalmente oposto á teoría e práctica nazi, e para a manutención, polos nazis, de toda a estrutura capitalista da economía alemá, limitada apenas polas condicionantes dunha economía de guerra e pola abordaxe a aquilo a que os nazis chamaban o "problema xudeu".[1][3]
O ditador Adolf Hitler chegou ao poder como líder dun partido político, o Partido Nacionalsocialista Alemán dos Traballadores (Nationalsozialistische Deutsche Arbeiterpartei, ou NSDAP). A Alemaña deste período é tamén coñecida como "Alemaña nazi" e os partidarios do nazismo eran (e son) chamados nazis. O nazismo foi prohibido na Alemaña moderna, aínda que pequenos grupúsculos de simpatizantes, chamados neonazis, continúen a existir en Alemaña e noutros países. Algúns revisionistas históricos difunden propaganda que nega ou minimiza o Holocausto e outras accións dos nazis e tenta deitar unha luz positiva sobre as políticas do réxime nazi e os acontecementos que ocorreron baixo el.[4]
Teoría ideolóxica
De acordo con "Mein Kampf" (A miña loita), Hitler desenvolveu as súas teorías políticas pola observación coidadosa das políticas do Imperio Austrohúngaro. Naceu como cidadán do Imperio e acreditaba que a súa diversidade étnica e lingüística o enfraquecera. Tamén vía a democracia como unha forza desestabilizadora, porque colocaba o poder nas mans das minorías étnicas, que tiñan o obxectivo de debilitar e desestabilizar máis o Imperio.[5]
O centro da ideoloxía nacionalsocialista é o termo raza. A teoría nazi di que a raza aria é unha "raza mestra", superior a todas as outras, e xustifica esta crenza da seguinte maneira:[6]
O nacionalsocialismo di que unha nación é a máxima creación dunha raza. Consecuentemente, as grandes nacións serían a creación de grandes razas. A teoría di que as grandes nacións nacen do poderío militar e que este, á súa vez, se orixina en culturas racionais e civilizadas, que, tamén á súa vez, son creadas por razas con boa saúde natural e trazos agresivos, intelixentes e coraxosos.
As nacións máis débiles, para os nazis, son aquelas creadas por razas impuras, mulatas, porque teñen culturas divididas, briguentas e, polo tanto, débiles.
De acordo cos nazis, un erro obvio deste tipo é permitir ou estimular linguas distintas dentro dunha nación. Esta crenza é o motivo polo cal os nazis alemáns estaban tan preocupados coa unificación dos territorios dos pobos de lingua alemá.
Nacións incapaces de defender as súas fronteiras, dicían, serían a creación de razas débiles ou escravas. Pensábase que as razas escravas eran menos dignas de existir do que as razas mestras. En particular, pensábase que se unha raza mestra necesitaba espazo para vivir (Lebensraum), tiña o dereito de tomar o territorio e matar ou escravizar ás "razas escravas" indíxenas.
As razas sen patria eran, polo tanto, consideradas "razas parasitas". Canto máis ricos fosen os membros da "raza parasita" máis virulento sería o parasitismo. Unha raza mestra podía, polo tanto, de acordo coa doutrina nazi, endereitarse facilmente pola eliminación das "razas parasitas" da súa patria.
Foi esta a xustificación teórica para a opresión e eliminación dos xudeus e dos xitanos, un deber que moitos nazis (curiosamente) consideraban repugnante.
As relixións que recoñecesen e ensinasen estas "verdades" eran as relixións "verdadeiras" ou "mestras" porque creaban liderados por evitaren as "mentiras reconfortantes". As que proclamaban o amor e a tolerancia, "en contradición cos feitos", eran chamadas relixións "escravas" ou "falsas".
Os homes que aceptasen estas "verdades" eran chamados "líderes naturais"; os que as rexeitasen eran chamados "escravos naturais". Dicíase dos escravos, especialmente dos intelixentes, que contaminaban os mestres coa promoción de falsas doutrinas relixiosas e políticas.
Aínda que a raza fose crucial na mundovisión nazi, non o era todo. As raíces ideolóxicas do nazismo ían un pouco máis fondo que iso, visto que os nazis procuraron lexitimación en obras anteriores, particularmente nunha lectura, por moitos considerada no mínimo discutible, da tradición romántica do século XIX, e en especial do pensamento de Friedrich Nietzsche sobre o desenvolvemento do home en dirección ao Übermensch.
No seu libro de 1939, Alemaña:Jekyll & Hyde, Sebastian Haffner chama ao nazismo "unha primeira (autónoma e nova) forma de Nihilismo radical, que nega simultaneamente todos os valores, sexan valores capitalistas e burgueses ou sexan proletarios".
Nazismo e romantismo
De acordo con Bertrand Russell, o nazismo provén dunha tradición diferente do capitalismo liberal ou do comunismo. E por iso, para entender os valores do nazismo, é necesario explorar esta ligazón, sen trivializar o movemento tal coma era no seu auxe, nos anos 30, e descartalo como pouco máis que racismo.
Moitos historiadores sosteñen[Cómpre referencia] que o elemento antisemítico, que non existe nos movementos irmáns do nazismo (os fascismos de Italia e España), foi adoptado por Hitler para obter popularidade para o seu movemento. O preconcepto antisemita era moi común nas masas do Imperio Alemán. Por iso, dise que a aceptación das masas dependía do antisemitismo e da exaltación do orgullo alemán, ferido coa derrota na primeira guerra mundial.
Outros, pola contra, como o filólogo Victor Klemperer, aseguran que as orixes e os valores do nazismo proveñen da tradición irracionalista do movemento romántico do inicio do século XIX. Os nazis valoraban a forza, a paixón, a falta de hipocrisía, o utilitarismo, os valores tradicionais da familia e a devoción á comunidade.
O nazismo e o Imperio Británico
Hitler admiraba o Imperio Británico. Os intelectuais británicos desenvolveron teorías racistas no século XIX para controlar o pobo indiano e outros "salvaxes", e os nazis copiaron moitos destes métodos.
De forma semellante, na súa xuventude Hitler tamén admirou bastante os Estados Unidos de América. En Mein Kampf, louvou os Estados Unidos polas súas leis antiinmigración. De acordo con Hitler, os EUA eran unha nación exitosa porque se mantiñan "puros" de "razas inferiores". Porén, á medida que a guerra se aproximaba, a súa opinión dos Estados Unidos empeorou e comezou a acreditar que Alemaña conseguiría unha vitoria fácil sobre os EUA precisamente porque este país, na súa nova maneira de ver, se tiña tornado unha nación mestiza.
Teoría económica
A teoría económica nazi preocupouse cos asuntos domésticos inmediatos e, en separado, coas concepcións ideolóxicas da economía internacional.
A política económica doméstica concentrouse en tres obxectivos principais:
- eliminación do desemprego
- eliminación da hiperinflación
- expansión da produción de bens de consumo para mellorar o nivel de vida das clases media e baixa.
Todos estes obxectivos pretendían contrariar aquilo que era visto como os defectos da República de Weimar e para fortalecer o apoio doméstico ao partido. Nisto, os nazis foron bastante ben sucedidos. Entre 1933 e 1936 o PIB alemán creceu a unha taxa media anual de 9,5 por cento, e a taxa de crecemento da industria foi de 17,2 por cento. Moitos economistas, porén, afirman que a expansión da economía alemá nese período non foi resultado da acción do partido nazi, senón unha consecuencia das políticas económicas dos últimos anos da República de Weimar que comezaron entón a ter efecto.
En calquera caso, existen dúbidas sobre se a economía realmente creceu ou se só se recuperou da depresión porque os salarios na Alemaña nazi de 1939 eran un pouco menores que os salarios na Alemaña de 1929.
Alén diso, tamén é certo que aínda que sexa crenza xeneralizada que os nazis puxeron fin á hiperinflación, en realidade iso precedeu aos nazis en varios anos.
Esta expansión empurrou a economía alemá fóra dunha profunda depresión e o pleno emprego en menos de catro anos. O consumo público durante o mesmo período aumentou 18,7%, en tanto que o consumo privado aumentou o 3,6% anualmente. Porén, e unha vez que a produción era máis consumidora que produtora (a elaboración de proxectos de traballo, a expansión da máquina de guerra, a iniciación do recrutamento para retirar homes en idade produtiva do mercado de traballo), as presións inflacionistas reapareceron, aínda que non chegaran aos extremos da República de Weimar. Estas presións económicas, combinadas coa máquina de guerra cuada durante a expansión (e as concomitantes presións para o seu uso), levou a algúns expertos á conclusión de que bastaban esas razóns para tornar unha guerra europea inevitable. Dito doutra forma, sen unha nova guerra europea que soportase esta política económica consumista e inflacionaria, o programa económico doméstico nazi era insustentable. Isto non significa que as consideracións políticas non tivesen maior peso no desencadeamento da segunda guerra mundial. Significa só que a economía foi e continua a ser un dos principais factores de motivación para calquera sociedade que vai á guerra.
O partido nazi acreditaba que un complot da banca internacional estivo detrás da depresión global dos anos 30. O control desta complot foi identificado co grupo étnico formado polos xudeus, o que forneceu outra ligazón á súa motivación ideolóxica para a destrución dese grupo no holocausto. Porén, e dunha maneira xeral, a existencia de grandes organizacións internacionais da banca e de banca mercantil era ben coñecida neste tempo. Moitas desas institucións bancarias eran capaces de exercer presións sobre os estados-nacións a través da concesión ou da retención de créditos. Esta influencia non se limita aos pequenos estados que precederon á creación do Imperio Alemán en tanto estado-nación na década de 1870, mais xorde nas historias de todas as potencias europeas desde 1500. En realidade, algunhas corporacións transnacionais do período entre 1500 e 1800 (a Compañía Holandesa das Indias Orientais é un bo exemplo) foron creadas especificamente para entrar en guerras en lugar dos gobernos, e non ao revés.
Usando unha nomenclatura moderna, aínda que facelo poida ser algo discutible, é posible dicir que o partido nazi estaba contra o poder das corporacións transnacionais, que consideraba excesivo en relación ao dos estados-nación. Aínda que por motivos por veces opostos, esta posición anticorporativa é compartida por moitas forzas políticas desde a esquerda e centro-esquerda, ata a extrema dereita.
É importante facer notar que a concepción nazi da economía internacional era moi limitada. A principal motivación do partido era incorporar no Reich recursos que anteriormente non formaban parte del, pola forza e non a través do comercio. Isto fixo da teoría económica internacional un factor de soporte da ideoloxía política en vez dunha trabe mestra da plataforma política, como na maioría dos partidos políticos modernos.
Desde o punto de vista económico, o nazismo e o fascismo están relacionados. O nazismo pode ser encarado como un subconxunto do fascismo (todos os nazis son fascistas mais non todos os fascistas son nazis). Comparte moitas características económicas co fascismo, co control gobernamental das finanzas e do investimento (a través da atribución de créditos), da industria e da agricultura, ao mesmo tempo que o poder corporativo e sistemas baseados no mercado para crear os prezos se mantiñan. Citando a Benito Musolini: "O fascismo debía ser chamado corporativismo, porque é unha fusión do Estado e do poder corporativo".
En vez de ser o estado quen require bens das empresas industriais e a colocar nelas as materias primas necesarias para a produción (como nos sistemas socialistas/comunistas), o estado pagaba por eses bens. Isto permitía que o prezo desempeñase un papel esencial no fornecemento de información sobre a escaseza dos materiais, ou nas principais necesidades en tecnoloxía e man de obra (incluíndo a educación de man de obra cualificada) para a produción de bens. Alén diso, o papel que os sindicatos debían desempeñar nas relacións de traballo nas empresas era outro punto de contacto entre fascismo e nazismo. Tanto o partido nazi alemán como o partido fascista italiano tiveron inicios ligados ao sindicalismo, e encaraban o control estatal como forma de eliminar o conflito nas relacións laborais.
Efectos
Estas teorías foron utilizadas para xustificar unha axenda política totalitaria de odio racial e de supresión da disidencia co uso de todos os medios do estado.
Como outros réximes fascistas, o réxime nazi puña énfase no anticomunismo e no principio do líder (Führerprinzip). Este é un principio chave na ideoloxía fascista, segundo o cal se considera o líder como a corporización do movemento e da nación. Ao contrario doutras ideoloxías fascistas, o nazismo era virulentamente racista. Algunhas das manifestacións do racismo nazi foron:
- Antisemitismo, que culminou no Holocausto.
- Nacionalismo étnico, incluíndo a noción dos alemáns como o Herrenvolk ("raza-mestra") e o Übermensch ("super-home")
- Unha crenza na necesidade de purificar a raza alemá a través da euxenesia, que culminou na eutanasia non voluntaria de persoas diminuídas
O anticlericalismo tamén foi parte da ideoloxía nazi, o que é máis un punto de diverxencia con outros fascismos.
Efectos secundarios
Talvez o efecto intelectual máis importante do nazismo teña sido o descrédito, durante polo menos dúas xeracións, das tentativas de utilizar a sociobioloxía para explicar ou influenciar asuntos sociais.
Persoas e historia
O nazi máis importante foi Adolf Hitler, que gobernou a Alemaña Nazi entre 30 de xaneiro de 1933 ata ao seu suicidio a 30 de abril de 1945 e levou o Reich alemán á segunda guerra mundial. Con Hitler, o nacionalismo étnico e o racismo xuntáranse nunha ideoloxía militarista.
Despois da guerra, moitos nazis de primeiro plano foron condenados por crimes de guerra e contra a humanidade nos Xuízos de Núremberg.
O símbolo nazi é a esvástica orientada no sentido dos punteiros do reloxo.
Nazismo e relixión
As relacións entre o nazismo e o cristianismo só poden ser descritas como complexas e controvertidas.
Está claro que Hitler e os outros líderes nazis utilizaron o simbolismo e emoción cristiás como propaganda ante o público alemán, maioritariamente cristián, mais continua a ser controvertido saber se Hitler se consideraba, ou non, cristián. Algúns autores cristiáns tentaron tipificar a Hitler como ateo ou ocultista — ou mesmo un satanista — en tanto que autores non-cristáns puxeron énfase na utilización externa da doutrina cristiá, sen dar importancia ao que podería ter sido a mitoloxía interna do partido. A existencia dun Ministerio de Asuntos da Igrexa, instituído en 1935 e liderado por Hanns Kerrl, foi case ignorada por ideólogos como Alfred Rosenberg e por outros responsables políticos.
As relacións do Partido Nazi coa Igrexa católica son aínda máis polémicas. Moitos padres e líderes católicos opuxéranse con vigor ao nazismo, dicindo que era incompatible coa moral cristiá. Tal como aconteceu con moitos opositores políticos, moitos destes cregos, como Carl Lampert ou Engelmar Hubert Unzeitig, foron condenados aos campos de concentración pola súa oposición. A pesar diso, a xerarquía da Igrexa, representada polo Papa Pio XII, mantívose basicamente silenciosa, e as alegacións de complicidade papal son hoxe lugar común. Tamén existían líderes católicos pro nazis, como o Bispo Alois Hudal.
Nazismo e fascismo
O termo "nazismo" é frecuentemente (mais incorrectamente) usado como sinónimo de "fascismo". Ao paso que o nazismo incorporou elementos estilísticos do fascismo, as semellanzas principais entre os dous foron a ditadura, o irredentismo territorial e a teoría económica básica. Por exemplo, Benito Mussolini, o fundador do fascismo, non adoptou o antisemitismo ata se ter aliado a Hitler, en canto que o nazismo foi explicitamente racista desde o inicio. O ditador español Francisco Franco, frecuentemente chamado fascista, poderá talvez ser descrito como un monárquico católico reaccionario que adoptou pouco do fascismo para alén do estilo.
Para o fin do século XX, xurdiron movementos neonazis en varios países, incluíndo os Estados Unidos de América e varias nacións europeas. O neonazismo inclúe calquera grupo ou organización que exhibe unha ligazón ideolóxica co nazismo. Algúns partidos políticos da orla do espectro como, nos EUA, o Partido Verde Nacionalsocialista Libertario (LNSGP, ou Libertarian National Socialist Green Party), adoptaron ideas nazis.
Factores que levaron ao éxito do nacional-socialismo
Unha cuestión importante sobre o nacional-socialismo ten a ver cos factores que promoveron a súa ascensión, non só en Alemaña mais tamén noutros países europeos (podían atoparse movementos nacional-socialistas na Suecia, Gran Bretaña, Italia, España e Estados Unidos de América), nos anos 20 e 30 do século pasado.
Estes factores poden ter tido que ver con:
- A devastación economía en toda a Europa despois da primeira guerra mundial
- A falta de orientación en moitas persoas despois da queda da monarquía en moitos países europeos
- A fama de envolvemento xudaico en aproveitamentos ilexítimos coa primeira guerra mundial
- A rexeitamento do comunismo
O termo "nazi" na cultura popular
As múltiplas atrocidades e ideoloxía extremista que os nazis seguiron tornaron-nos tan dignos de nota na linguaxe popular como na historia. O termo "nazi" é usado de diversas formas. É frecuentemente utilizado para describir grupos de persoas que tentan impor solucións impopulares ou extremistas á poboación en xeral, ou entón que cometen crimes e outros tipos de violacións sobre terceiros sen mostrar remorso. Israel é un alvo común e extremadamente controverso do termo "nazi", ao describir o modo como trata os palestinianos e as súas políticas teoricamente racialistas.
Algúns dos usos do termo que se vén na cultura popular son extremamente ofensivos. Frases como "nazi do software libre" ou "feminazi" son dous exemplos de usos particularmente obxectabeis. Mesmo moitos dos que máis fortemente se opoñen ao movemento do Software Libre non gostan do que encaron como a trivialización dos nazis, que mataron millóns de persoas.
O termo é usado tan frecuentemente que inspirou a "lei de Godwin" que di que "co prolongamento dunha discusión online, a probabilidade de xurdir unha comparación envolvendo os nazis ou Hitler aproximase dun". Talvez estea a acontecer o mesmo que con outras palabras ofensivas e a comunidade estea a reclamar o termo.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 Weber, Mark. "Goebbels' Place in History" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2016.
- ↑ "Pre-1933 Nazi Propaganda" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2016.
- ↑ "Myth: Hitler was a leftist" (en inglés). Consultado o 3 de febreiro de 2016.
- ↑ "The Hitler Myth" (en inglés). History Today. 11 de novembro de 1985. Consultado o 3 de febreiro de 2016.
- ↑ Lukacs, John (1998). O Hitler da História (en portugués). Traducido por Ruy Jungmann. Rio de Janeiro: Zahar. pp. 48–52.
- ↑ Kershaw, Ian (1993). Hitler: um perfil do poder (en portugués). Traducido por Vera Ribeiro. Rio de Janeiro: Zahar.