LIMSwiki
En pintura, fresco aplícase á pintura realizada sobre un muro con revoque de cal húmida e coas cores disoltas en auga de cal.
O termo provén do italiano buon fresco ("moi fresco"), en contraposición a in secco ("sobre seco"). Para crear un fresco auténtico, ou buon fresco, prepárase o muro cun revoque de cal húmida ou escaiola e píntase inmediatamente. Como a intensidade das cores diminúe rapidamente a medida que se absorbe a cal, é preciso aplicar novas capas para obter tons vivos. Ao secar, fórmase unha película de carbonato de calcio que une indisolubelmente as cores á parede. Isto fai que a obra sexa moi duradeira; se se destrúe a parede non resulta difícil reconstruíla debido ás dimensións dos anacos.
A pintura in secco é a que usa a témpera. Con frecuencia resulta necesario retocar os frescos desta maneira. Algunhas veces tamén se lle chama buon fresco á pintura que non foi retocada despois e fresco seco á que si foi retocada.
A pintura ao fresco require unha planificación coidadosa, xa que esta técnica non permite experimentacións ou modificacións sobre a marcha. Ten a dificultade engadida de que se traballa en circunstancias de luz que non son as do estudio, co que as cores non se perciben igual; por outra parte, a iluminación que recibirá a obra será a mesma sempre, ao contrario doutras técnicas en que a obra pintada non se expón coa mesma luz coa que foi creada.
O tempo que tarda en secar unha sección varía entre dúas e doce horas e coñécese como giornata, durante a que o artista aplica os pigmentos en po que vai disolvendo na auga de cal. Esta faise con cal (óxido de calcio) e un agregado de mármore ou area (para dar textura e forza, e homoxeneizar o secado). Aplícanse varias camadas durante varios días, cada vez con menos agregado.
O deseño trazábase antigamente sobre a parede fresca; na Italia renacentista introducíronse os cartóns, desde os que o deseño se transfería á parede mediante punzóns ou, estando o cartón perforado, usando carbón; actualmente úsanse tamén proxectores de diapositivas.
A técnica do fresco coñécese desde a primeira metade do II Milenio a.C., durante a Idade de Bronce, en que se usou nos palacios da civilización minoica. Os etruscos e romanos utilizárono tamén, como na Vila dos Misterios, en Pompeia. Tamén se coñecen frescos na India a mediados do I Milenio a.C. e na China da dinastía Han (século I). O fresco foi moi popular durante a Idade Media e rexurdiu con forza no Renacemento italiano, con artistas como Cimabue, Giotto, Fra Angelico,...