LIMSpec Wiki

O olor ten un importante papel biolóxico. Na imaxe, nariz dun can.

O olor (do latín odor, -ōris) ou cheiro[1] é a sensación resultante da recepción dun estímulo polo sistema sensorial olfactivo. É unha propiedade intrínseca da materia, e o seu estudo denomínase osmoloxía.

O olor xérase por unha mestura complexa de gases, vapores e po, onde a composición da mestura inflúe no tipo de olor percibido polo receptor. Os termos fragrancia ou aroma úsanse principalmente na industria de alimentos e cosméticos para describir un olor pracenteiro, agradábel, empregándose comunmente para referirse a perfumes. Os olores débense ás substancias disolvidas no aire, aínda que, como noutros sentidos, varios factores psicolóxicos poden desempeñar certo papel na percepción dos mesmos.

Olfacto

Artigo principal: Olfacto.

O olor é o que se percibe polas células sensíbeis do sentido do olfacto. O termo indica tanto a impresión que se produce no olfacto, como o que é capaz de producila. Dise que é odorante toda substancia capaz de provocar a percepción olfactiva, mentres que inodoro é todo aquilo que non posúe dita capacidade.

Natureza química

As moléculas odorantes caracterízanse pola súa composición e estrutura química.

Tipos de olores

Os olores pódense clasificar, subxectivamente, en agradábeis, que son estudados na perfumaría, por exemplo, e desagradábeis, como os que tratamos de controlar por substancias desodorizantes. A parte deste criterio subxectivo, os olores tamén poden constituír grupos consonte os efectos que provocan, como as feromonas ou hormonas sexuais, que activan a libido pola excitación provocada polo aroma.

Papel biolóxico do olor

A percepción dos cheiros ten un importante papel na evolución das especies: moitos animais captan, a través dos olores, a presenza das femias da súa especie, dos inimigos ou das presas, e así o olfacto está bastante desenvolvido nos carnívoros.

Algunhas especies, como as bolboretas, posúen nas súas antenas órganos perceptores dos aromas, en especial das feromonas das femias.

Polo olor as flores atraen insectos co fin de posibilitar a súa fecundación (polinización entomógama); tamén posúen unha percepción similar certos peixes para captaren a presenza de sangue na auga, como os tiburóns.

Caracterización de olores

Os métodos para a caracterización de olores poden ser:

  • Técnicas analíticas, que utilizan métodos analíticos tradicionais para medir a concentración de compostos químicos específicos presentes nun olor.
  • Técnicas sensoriais, que utilizan asesores humanos para medir un olor (ofactometría).
  • Técnicas dixitais (odorografía), que utilizan microchips para codificar os olores e interpretalos de maneira dixital por ordenador. Deriva da técnica da cromatografía, como método de análise química para a separación dos compoñentes dunha mestura por distribución entre dúas fases, unha estacionaria e outra móbil, que nun principio se utilizou para separar as substancias coloreadas.

A cromatografía dos olores (odorografía), resulta, pois, a metodoloxía máis vangardista do momento, pero que xa pode aplicarse e que permitirá medir os olores e saber de onde proceden.

Os olores ou os aromas son gases volátiles que se poden detectar mediante microchips e poden clasificarse atendendo ás súas propiedades físico-químicas. Unha vez separados os compoñentes do aroma, a información resultante chega a un ordenador que á capaz de procesala para interpretar o seu tipo e a súa orixe.

Contaminación ambiental por malos olores

Alegoría do mal olor. Pintura humorística de Jan Miense Molenaar, do século XVII.

Existen numerosas actividades humanas (vertedoiros, depuradoras de augas residuais, industrias químicas, alimentarias, gandeiras etc.) que emiten unha serie de substancias olorosas que producen molestias no contorno. Os malos olores poden ser molestos, causa de rexeitamento, e afectar á calidade de vida das persoas e animais, polo que poden ser considerados como unha forma de contaminación ambiental.

Debido á compoñente subxectiva dos olores, á dificultade para discernir entre os olores "agradábeis" e os desagradábeis", é difícil determinar cando se traspasa o limiar do tolerábel e en que punto se sitúa o xuridicamente permisíbel á hora de establecer uns máximos de tolerancia. Neste sentido, a olfactometría preséntase como unha ferramenta moi eficaz para o estudo e control de olores. Aínda que non se desenvolveu por agora ningunha lexislación nacional que regule o problema dos malos olores, a entrada en vigor en España da Norma UNE-EN 13725 "Calidade do aire. Determinación da concentración de olor por olfactometría dinámica", en febreiro de 2004, permite abordar de forma obxectiva o problema da contaminación ambiental por olores.

Notas

  1. Ás veces, en galego dáse a cheiro o significado de mal olor. Véxanse as definicións de olor e cheiro no dicionario da RAG Arquivado 15 de setembro de 2010 en Wayback Machine..

Véxase tamén

Bibliografía

  • Purves, D. et al. (1999): Neurosciences. París: Éd. De Boeck Université, cap. 14, páxs. 263-266.
  • Rémy, E. & Estades, J. (2007), "Nez à nez avec des nuisances odorantes, l’apprentissage de la cohabitation spatiale", en Sociologie du travail, Vol. 49, Nº. 2, páxs. 237-252.
  • Proust, B. (2006): Petite géométrie des parfums. Seuil. Science ouverte. ISBN 978-2-02-080279-6.

Outros artigos

Ligazóns externas