LIMSpec Wiki
Contidos
Hugonotes foi o nome que recibiron os protestantes calvinistas no Reino de Francia dende os primeiros anos da Reforma nese país.[1][2][3]
Historia
Un dos primeiros organizadores da reforma foi o propio Xoán Calvino quen dedicou a súa obra fundamental A Institución da Relixión Cristiá a Francisco I de Francia. Consecuentemente, os hugonotes crían na salvación por pura Graza, sen mérito por parte do redimido, na autoridade única da Biblia, rexeitaban a Tradición e ás dignidades e ordes eclesiásticas e practicaban unha moral rigorosa fronte o que consideraban unha relaxación dos costumes por parte da Igrexa Católica. O desenvolvemento destas ideas tivo lugar no Sínodo de París en 1559 e foron presentadas a Francisco II de Francia.
O avance das novas crenzas callou entre burgueses e algúns nobres e as consecuencias non tardaron en chegar. O asunto dos carteis (affaire des placards) aldraxando a eucaristía católica e que chegou á propia cámara real acabou coa protección do católico Francisco I en 1534. Este considerou a acción como un delito de lesa maxestade. As represións por parte da monarquía foron moi duras e prolongáronse no tempo con incidentes que derivaron en sanguentos episodios. Salientou a matanza do día de San Bartolomeu que se espallou por París, Tolosa, Orleáns, Ruán, Bourges.
O célebre hugonote Henrique de Navarra, pasaríase ao catolicismo para acceder a coroa como Henrique IV de Francia. Este rei conseguiría acougar os ánimos mediante o Edicto de Nantes que garantía a liberdade relixiosa. Os hugonotes dominaron cidades e importantes prazas fortes, chegando a constituír un estado protestante dentro do Reino que recibía apoio de potencias estranxeiras.
O Cardeal Richelieu, combateu o poder político dos hugonotes ripándolles, mediante importantes accións armadas, enclaves como La Rochelle 1628), pero respectou a liberdade de culto. Lois XIV de Francia, revogou o Edicto de Nantes en 1685 mediante o Edicto de Fontainebleau e extremou a represión. A monarquía absoluta considerounos un corpo estraño a extirpar provocando un masivo exilio a Europa Central, as Illas Británicas, África do sur e Norteamérica.
A marxinación non rematou ata 1787 co Edicto de Tolerancia de Lois XVI de Francia.
Notas
- ↑ López Martínez, María Cruz (2005). Gran dicionario século 21 da lingua galega. Galaxia. p. 673. ISBN 9788482893419.
- ↑ Britannica Student Encyclopedia. Encyclopedia Britannica, Inc. 2014. p. 92. ISBN 9781625131720.
- ↑ Parrinder, Geoffrey (2008). Breve enciclopedia del cristianismo. Ediciones AKAL. p. 162. ISBN 9788470904066.