LIMSpec Wiki
Contidos
Antebrazo | |
---|---|
O antebrazo é a parte do membro superior entre o cóbado e o pulso | |
Latín | antebrachium |
MeSH | Forearm |
En anatomía, o antebrazo é a parte da extremidade superior ou membro superior do ser humano situada entre o cóbado e o carpo (ou pulso).
Anatomía
O antebrazo está formado polos ósos ulna ou cúbito e radio, unidos por unha membrana interósea. Ademais de se artellar co cóbado, o antebrazo ten dous movementos propios, a pronación e a supinación e, por esa razón, ten músculos específicos para eses movementos, alén de albergar os músculos flexores e extensores dos dedos. O movemento en relación ao cóbado é realizado polo músculo braquiorradial.
En sección transversal, o antebrazo encóntrase dividido en dous compartimentos fasciais: o compartimento posterior contén os extensores das mans, que son comandados polo nervio radial; o compartimento anterior contén os flexores, comandados polo nervio mediano.
As arterias radial e ulnar e as súas ramificacións fornecen o sangue ao antebrazo e normalmente encóntranse na face anterior do radio e da ulna, ao longo de todo o membro.
As principais veas superficiais do antebrazo son a vea cefálica, a antebraquial media e a basílica. Estas veas son moitas veces usadas para a venipuntura, aínda que a fosa cubital sexa o lugar preferido para a extracción de sangue.
Músculos do antebrazo
O antebrazo está formado por 20 músculos, que poden ser organizados en 3 grupos principais, consonte á súa localización:
- Grupo anterior - Inclúe 8 músculos, agrupados en:
- Camada superficial - Pronador redondo, Flexor ulnar do carpo, Palmar longo, Flexor radial do carpo e Flexor superficial dos dedos.
- Camada profunda - Flexor fondo dos dedos, Flexor longo do polgar e Pronador cadrado.
- Grupo lateral - Inclúe 4 músculos: Braquiorradial, Longo extensor radial do carpo, Curto extensor radial do carpo e Supinador.
- Grupo posterior - Inclúe 8 músculos, agrupados en:
- Camada superficial - Extensor dos dedos, Extensor do dedo maimiño, Extensor ulnar do carpo e Ancóneo.
- Camada profunda - Abdutor longo do polgar, Extensor curto do polgar, Extensor longo do polgar e Extensor do dedo maimiño.
Imaxes adicionais
-
Músculos superficiais do antebrazo
-
Músculos profundos do antebrazo
-
Sección transversal no medio do antebrazo