LIMSpec Wiki
Contidos
Éaco foi fillo de Zeus e da ninfa Exina, á súa vez filla do deus do río Asopo. Zeus raptara a Exina e cando Asopo se decatou, rebordou do seu leito para perseguilo, pero Zeus lanzoulle os seus raios e devolveuno ó seu ser [1].
Naceu na illa Exina (así chamada polo nome da nai), que era unha illa deserta. Pero Éaco quería reinar sobre outros homes, así que lle pediu a Zeus que convertese as abondosas formigas en homes. Zeus accedeu á súa solicitude e xurdiu así un pobo ó que Éaco bautizou como Mirmidóns (que significa 'formigas'). Este exército loitará na Guerra de Troia baixo as ordes de Aquiles.
[Zeus] "levou a Exina á illa, que entón se chamaba Enone e que na actualidade recibe o nome de Exina na súa lembranza, e uníndose con ela enxendrou un fillo, Éaco. Como este se achaba só na illa converteu en homes as formigas".Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica III, 12, 6)
"Posto que Éaco non podía, sen aliados, establecerse por falta de homes, ó contemplar unhas formigas pediu a Xúpiter que lle dera homes para a súa defensa. Entón Xúpiter transformou ás formigas en homes, que foron chamados Mirmidóns, porque en grego se chama 'myrmices' ás formigas".(Hixino: Fábulas 52)
Casou con Endeis, filla de Escirón, coa que tivo dous fillos, Telamón e Peleo; outras tradicións só recoñecen como fillo de Éaco a Peleo. Este Peleo foi un dos participantes na partida de caza do xabaril de Calidón [2], e os dous formaron parte da expedición dos Argonautas xunto a Xasón [3].
Posteriormente uniuse á ninfa Psámate, unha das fillas de Nereo, aínda que se metamorfoseara en foca para fuxir de Éaco, este alcanzouna e tiveron un fillo: Foco [4]. Foco sobresaía nos xogos atléticos, o que fixo que os irmáns Telamón e Peleo o mataran por celos. Telamón lanzou un disco que foi dar na cabeza de Foco, matándoo, e enterrou o cadáver no bosque, coa axuda de Peleo. Pero Éaco descubriu o crime e desterrounos ós dous: a Telamón a Salamina e a Peleo a Tesalia. Cando Psámate se decatou de que lle mataran o fillo, vingouse converténdose nunha loba que acabou co gando da illa de Exina.
Esta actuación sobre os seus fillos deulle sona de home extremadamente xusto e piadoso [5]. Por tal motivo resultou elixido para dirixir unha oración a Zeus en nome de toda Grecia para solucionar unha grave seca que sufrían os campos do país. A causa deste mal era o asasinato de Estínfalo, rei de Arcadia, por parte de Pélope, fillo de Tántalo [6]. Logo de matalo, despezouno e esparexeu os restos. Zeus, como castigo, mandara ós campos deixar de dar froito, pero esta pregaria de Éaco logrou o seu perdón.
Existe unha lenda que sitúa a Éaco na construción das murallas de Troia [7], xunto a Apolo e Poseidón [8]. Unha vez rematada a muralla apareceron tres serpes que intentaron entrar na cidade. As dúas que se achegaron pola parte construída polos deuses morreron, pero a terceira logrou entrar pola parte da muralla construída por Éaco, por un mortal. Apolo entendeu que este feito agoiraba que Troia sería conquistada dúas veces: a primeira, por un fillo de Éaco (que resultou ser Heracles, ó cuxo lado loitaban Telamón e Peleo), e a segunda por Neoptólemo (fillo de Aquiles e bisneto de Éaco).
Á súa morte, Éaco foi nomeado xuíz do Hades, para decidir, xunto a Minos e Radamantis, o destino das almas dos mortos. Segundo Platón (que é o primeiro que menciona a Éaco como xuíz no Hades), Radamantis xulgaba as almas dos orientais e Éaco xulgaba ós occidentais, reservándose Minos o voto decisivo.
Notas
- ↑ "Por iso, incluso agora, as súas aguas carrexan carbóns", escribía Pseudo-Apolodoro (II, 12, 6) no século I a.C.
- ↑ Pseudo-Apolodoro: Biblioteca mitológica I, 8, 2.
- ↑ Pseudo-Apolodoro I, 9, 16.
- ↑ "En canto ás fillas de Nereo, vello do mar, Psámata, divina entre as deusas, deu a luz a Foco, unida amorosamente a Éaco, por mediación da dourada Afrodita" (Hesíodo: Teogonía 1004-1006).
- ↑ "Éaco foi o máis piadoso de tódolos gregos" (Pseudo-Apolodoro III, 12, 6).
- ↑ Crime que quizais cometera o propio Tántalo.
- ↑ Píndaro cita a Éaco como construtor da muralla, pois era necesaria a participación dun mortal na obra.
- ↑ Castigados por Zeus a realizar este traballo porque ámbolos deuses, xunto a Hera, intentaran encadealo.
Véxase tamén
Bibliografía
- GRIMAL, Pierre: Diccionario de mitología griega y romana. Ed. Paidós, 1981.
- HESÍODO: ''Teogonía. Trabajos y días. Escudo. Certamen, Alianza Editorial, 3ª ed., 2013 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- HIGINO: Fábulas mitológicas. Tradución, introdución e notas de Francisco Miguel del Rincón Sánchez. Alianza Editorial 2009.
- OVIDIO: Metamorfosis. Tradución de Antonio Ramírez de Verger. Alianza Editorial 3ª ed. 2015, 2ª reimp. 2017, VII, 614-642 [a numeración segue a utilizada neste texto].
- PSEUDO-APOLODORO: Biblioteca mitológica. Tradución e notas de Julia García Moreno. Alianza Editorial 3ª ed. 2016 [a numeración segue a utilizada neste texto].