LabLynx Wiki

Modelo:Xeografía políticaO Grove
Imaxe

Localización
lang=gl Editar o valor en Wikidata Mapa
 42°29′43″N 8°51′51″O / 42.4953, -8.8641
EstadoEspaña
Comunidade autónomaGalicia
ProvinciaProvincia de Pontevedra Editar o valor en Wikidata
CapitalO Grove Editar o valor en Wikidata
Poboación
Poboación10.828 (2023) Editar o valor en Wikidata (508,6 hab./km²)
Xeografía
Parte de
Mancomunidade Voluntaria de Concellos de Arousa
Mancomunidade do Salnés
O Salnés Editar o valor en Wikidata
Superficie21,29 km² Editar o valor en Wikidata
Altitude4 m Editar o valor en Wikidata
Comparte fronteira con
Organización política
• Alcalde Editar o valor en WikidataJosé Antonio Cacabelos (2015–) Editar o valor en Wikidata
Eleccións municipais no Grove Editar o valor en Wikidata
Identificador descritivo
Código postal36980 - 36988 - 36989- 36991 Editar o valor en Wikidata
Fuso horario
UTC+01:00 Editar o valor en Wikidata
Código INE36022 Editar o valor en Wikidata

Páxina webconcellodogrove.es Editar o valor en Wikidata

O Grove é un concello da provincia de Pontevedra, pertencente á comarca do Salnés. Segundo o IGE en 2020 tiña 10 518 habitantes, mantendo un lento declive desde o 2010, cando alcanzou a cifra de 11.297 habitantes; esta curva demográfica mostra un lixeiro ascenso no último censo, con 10.699 habitantes en 2021. Forma unha península situada na beira sur da ría de Arousa. O seu xentilicio (véxase no Galizionario) é «grovense», «groveiro» ou popularmente «meco».

Toponimia e etimoloxía

O topónimo O Grove procede dunha falsa segmentación de Ogrobe, que vén de Ocobre tras unha sonorización da oclusiva velar xorda intervocálica orixinal e posteriormente unha metátese da vibrante. O topónimo Ogrobe está ben documentado desde antigo: "et ecclesiam Sancti Uincentii in insula Ocobre cum dextris suis" (899, San Vicente do Grove). Procede, polo tanto, do termo latino Ocobre. Outras formas testemuñadas son insulam Ocobre (911), sanctum Vicentium de Ogobre (912), Ogoure (1109) ou San Vicente de Ogrove (1115). A terminación en -bre, presente en moitos outros topónimos (Añobre, Barallobre, Canzobre etc.) fai referencia a unha elevación de terreo (relacionada con -briga), mentres que a primeira parte do topónimo podería ser a raíz indoeuropea ok- que significaría "punta".[1] A súa forma orixinal é, polo tanto, Ogrobe (todo xunto), sufrindo en tempos máis recentes, e froito dun proceso de castelanización de topónimos totalmente alleos á evolución etimolóxica natural, a segmentación da vogal inicial "O", cando este se confunde co artigo singular masculino en galego e se traduce por El.[2][3][4] A deglutinación do artigo aparece rexistrada xa dende o século XIV.[1] Non é o único caso de segmentación e hai casos que é imposible que se deban á influencia do castelán.[Cómpre referencia] Estes falsos recortes tamén se produciron noutros topónimos galegos mal castelanizados, como Agolada > A Golada > La Golada > Golada.[5]

De todos xeitos, existe unha disputa nunca resolta entre os partidarios da toponimia oficial (O Grove) e os defensores das formas Ogrove e Ogrobe. Os primeiros deféndeno baseándose, precisamente, na súa oficialidade e no hábito escrito, e os segundos alegan que son estas as formas non deturpadas do topónimo. Así mesmo, tampouco se chega a acordo sobre se debe estar escrito con "b" ou con "v". Por unha banda, alégase que o topónimo procede da palaba prerromana Ocobre ou Ocóbriga, debendo por este motivo ser escrito con "b". Os defensores do "v" baséanse, pola contra, en que a evolución do galego dende o latín é a única causante desta disputa, extremo sempre negado polos defensores do "b".[Cómpre referencia]

Xeografía

O Grove é unha pequena península de 21,89 km², unida a terra firme a través dun istmo coñecido como O Vao, que dá lugar á praia da Lanzada na súa parte occidental e á ampla marisma da enseada do Vao na súa parte oriental. Este istmo conecta O Grove co concello de Sanxenxo.

Pedra cabaleira no cumio do monte Siradella

O istmo do Grove, duns 2 km de lonxitude e uns 500 m de anchura no centro e case 1 km na parte máis ancha, ó norte, formouse como resultado dos depósitos de area procedentes do río Umia, por un lado, e da corrente mariña e ventos predominantes do suroeste, por outro. A conxunción dos dous fenómenos facilitou o depósito de area en forma de cordóns de dunas litorais paralelos á costa. É de formación relativamente recente pero sen poder datarse con exactitude a súa consolidación: o primeiro mapa que representa O Grove como península é de 1784, mentres que outro mapa de 1632 representábao aínda como illa.

Linda ó norte e ó oeste co océano Atlántico, ó leste coa ría de Arousa e ó sur co Atlántico e co concello de Sanxenxo.

As alturas máximas do concello están representadas pola Siradella, de 167 m de altitude, e o Con da Garda, de 95 metros.

Canto á hidrografía, O Grove só conta con pequenos regatos en diferentes puntos da península, entre os que destaca o Rasoeiro, hoxe canalizado na súa desembocadura no casco urbano.

Resulta máis significativa a lagoa da Bodeira, situada na costa norte da península, única lagoa costeira de auga doce na provincia de Pontevedra. Está incluída no ámbito do Complexo Intermareal Umia-O Grove.

Toda a costa sur, oeste e norte está salpicada de pequenos illotes graníticos (Rons, Pombeiro, Murrasas, Pateiros, Redondo, etc.), mentres que na costa leste, en augas da enseada do Vao, dispóñense illas moito máis grandes, como son as da Toxa e Toxa Pequena, Tourís, Beiro e Marma. Unicamente está habitada a illa da Toxa, se ben as outras presentan vexetación herbácea ou de pequeno porte.

Demografía

O Grove contaba en 2020 cunha poboación de 10.518 habitantes (IGE), dos que 5.340 eran mulleres e 5.178 homes, o que representa un descenso respecto ó ano 2014, cando tiña 10.851 veciños; en 2021 observouse un incremento, con 10.699 habitantes en total (5.450 mulleres e 5.249 homes). Divídese en dúas parroquias: a de San Martiño, que comprende o casco urbano, a illa da Toxa e a parte oriental do territorio, e a de San Vicente, ó oeste da península. A poboación está concentrada fundamentalmente na parroquia de San Martiño, con 9.568 habitantes, mentres que a de San Vicente só contaba con 1.131 (2021).

Censo total 2018 10 700 habitantes
Evolución da poboación do Grove   Fontes: INE e IGE.
1900 1930 1950 1981 2004 2009 2011 2012 2013 2014 2015 2016 2017 2018 2019 2020 2021 2022 2023
3969 5888 7380 9917 11 147 11 297 11 241 11 236 11 096 10 851 10 801 10 758 10 746 10 700 10 650 10 518 10 699
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.)

Historia

Sitio arqueolóxico de Adro Vello.
A península do Grove coa ría de Arousa ao fondo, zona de entrada da peste bubónica en Galicia en 1562.

A illa do Grove estivo poboada durante a romanización de Galicia, como testemuñan os restos dunha vila en Adro Vello, posteriormente usada na idade media como camposanto.

As primeiras referencias documentais datan do século VI e sitúan as terras do Grove baixo a xurisdición da diocese compostelá. Así mesmo, o rei Ordoño II fixo doazón no século X das salinas de Noalla (Sanxenxo) xunto coas terras da illa do Grove, coas súas vidas, igrexa e pertenzas, e maila vila de Ardea (hoxe Ardia, un lugar do Grove). Pola súa banda, o bispo Sisnando II entregou ó mosteiro de San Martiño Pinario a igrexa de San Vicente do Grove, coas súas terras e habitantes.

Deste xeito, o arcebispo de Santiago nomeaba, aínda no século XVII, o alcalde do Grove, un procurador xeral, un rexedor para os asuntos de terra e outro para os do mar. Non foi ata mediados do XIX cando un decreto das Cortes reduciu os seus dereitos ó nomeamento dos curatos de San Vicente e de San Martiño.

O feito máis relevante na historia moderna do Grove foi a peste bubónica que entrou en Galicia polo porto do Grove en 1562, estendéndose rapidamente pola ría de Arousa e por toda Galicia. Outros factores que influíron decisivamente na súa demografía e economía foron os frecuentes ataques musulmáns e normandos, tanto no propio Grove como ó longo de toda a ría de Arousa, e máis tarde, xa no século XVIII, os dos piratas ingleses.

A promulgación da Constitución de 1812 permitiu que O Grove se convertese en concello en 1822, pertencente á provincia de Vigo. Pero esta situación só durou un ano, ó ser restaurado o antigo réxime por Fernando VII en 1823. Por fin, en 1835, recuperou o status de concello.

Escudo

Escudo do Grove

No escudo do grove reflíctense imaxes do pasado da vila.[6] O edificio que se representa na metade superior, á esquerda, é o pazo chamado A Torre (hoxe, Torre de Escuredo), xa en estado de progresiva deterioración; nas imaxes antigas do escudo eran dous edificios: o pazo e a capela, derruída nos anos cuarenta do século XX. Xunto ó pazo, un ou dous cipreses, elemento imprescindible nestas edificacións, pero que foi talado nalgún momento do século XX. Á dereita vense dous montes e unha árbore, que representa o monte Siradella, o de maior altura do concello, e a figueira do Meco que crece no cumio. Na metade inferior vese a entrada ó porto do Grove, en tempos protexida por unha muralla, e un barco de pesca, por ser esta a principal actividade económica da vila.

A descrición actualizada do escudo, segundo a Deputación de Pontevedra, é a seguinte:[7]

Sobre cartela, escudo cortado: 1.º: de destra a sinistra, en campo de azur unha casa, unha árbore, unha montaña de dous cumios sumada doutra árbore. 2.º: en campo de azur, o porto marítimo mazonado movente da destra sumado de dous farois de prata e unha gamela de ouro coa vela despregada de prata sobre ondas. No timbre, coroa real pechada.

Patrimonio

O Plan Xeral de Urbanismo do Grove catalogou en 2004 un total de 320 elementos merecedores de protección: 10 de tipo arqueolóxico, 34 de tipo arquitectónico e 276 de tipo etnográfico[8].

Patrimonio arqueolóxico

Ver artigo principal: Necrópole de Adro Vello.

Os restos arqueolóxicos presentes na península do Grove están representados principalmente pola necrópole de Adro Vello (na parroquia de San Vicente), pero non son os únicos.

O vestixio arqueolóxico máis antigo do que se ten noticia está hoxe desaparecido. Consistía nun molde de arxila para fundir machadas de bronce.

No extremo máis occidental da península están os restos dun castro provisto de muralla perimetral, que deu lugar ó topónimo O Castriño. Non está escavado. Ó carón do monte da Siradella hai outro castro (probable orixe tamén do orónimo: cidadella) do que só quedan os restos das murallas e a base dalgunhas casas castrexas.

Xa na costa nordeste existen restos dunha necrópole no lugar de Cantodorxo, hoxe parcialmente ocupada por unha fábrica de conservas, na que se atoparon sepulcros de tella da época tardorromana e os restos de dous rapaces e un adulto (este cun cravo no cranio e outros nos pés); tamén se atoparon vasillas de barro e muíños de man. No lugar de Estonllo tamén se atoparon restos doutra necrópole.

Igrexa de San Martiño

Arquitectura relixiosa

  • Igrexa de San Martiño

Está situada no barrio de Vilavella, na parte alta da vila. Esta igrexa foi construída aproveitando os muros dunha edificación anterior románica e algúns outros materiais. É de planta rectangular con ábsida semicircular e dúas capelas laterais (a da dereita dedicada a San Xosé e a da esquerda a Cristo).

Igrexa de San Vicente do Grove.

A única nota de interese artístico desta construción é o arco apuntado que dá acceso á capela do lado do evanxeo, con decoración de comezos do século XVI. Neste arco sitúanse as figuras dos doce apóstolos, coa figura de Cristo na doela central. A reedificación do século XVII engadiu un suntuoso coro alto con balaustrada barroca e a torre campanario, con decoración con placas. O presbiterio está totalmente renovado con criterios actuais, con columnas salomónicas enramadas, que lembra o estilo barroco compostelán.

  • Igrexa de San Vicente

O Libro de fábrica de San Vicente, iniciado en 1688, fala xa da actual igrexa. Situada inicialmente na mesma praia do Carreiro, sobre a igrexa visigótica que existía en Adro Vello, trasladouse ó interior máis tarde, concretamente en 1770. É posible que este traslado obedecese a razóns de tipo relixioso ou ó feito de que a erosión do mar ameazase a estabilidade da primitiva igrexa.

A súa planta é rectangular e ábsida cadrada; carece de capelas laterais. A capela maior é de cruzaría de simple diagonal. No corpo da igrexa a bóveda é de canón. As únicas notas decorativas están dadas polas xambas barrocas da portada e a suntuosa balconada do coro, con arquiños laterais. A torre érguese no centro da fachada, tamén nun sinxelo barroco de placas. A igrexa ten a particularidade de ter a fachada orientada ó leste, fronte ó habitual que é ó oeste.

  • Igrexa de San Xulián ou de San Caralampio

Esta igrexa está situada ó sur da illa da Toxa. É unha capela de construción moderna, na que perdura o culto ó mártir San Sebastián, de forma practicamente ininterrompida desde o século XII. O elemento máis característico desta igrexa é o recubrimento exterior de cunchas de vieira, polo que se coñece popularmente como a capela das cunchas.

  • Capela de San Roque

Situada en pleno casco urbano, foi levantada no século XVII en agradecemento ó santo por vence-la praga de peste.

  • Capela de San Antonio

Situada preto do porto pesqueiro, do século XVII.

Arquitectura civil

Entre as construcións máis significativas podemos destaca-las seguintes:

  • Gran Hotel da Toxa
  • Ponte da Toxa
  • Pazo do Sineiro
  • Casa do Conde
  • Casa torre de Escuredo[9]
  • Casa La Celestina
  • Casa do Concello

Esculturas

Ver artigo principal: Simposium Internacional de Escultura.
Unha das esculturas premiadas no Simposium Internacional

Desde 1990, e coincidindo coa Festa do Marisco, o concello do Grove organiza un Simposium Internacional de Escultura, coa particularidade de que as esculturas seleccionadas[10] pasan a formar parte do patrimonio artístico do concello e hoxe adornan espazos públicos, como parques, xardíns e rúas, de todo o concello.

Patrimonio natural

Complexo Intermareal Umia-O Grove

Ver artigo principal: Complexo Intermareal Umia-O Grove

No Centro de Interpretación da Natureza, sito no alto do monte da Siradella, pode visitarse unha mostra da riqueza natural da enseada. Depende da Consellería de Medio Ambiente.

Flora

Cistanche phelypaea subsp. lutea

A flora presente no Grove ten pouco que destacar. As antigas carballeiras que houbo na península foron substituídas por plantacións agrícolas e de eucaliptos ou piñeiros, que son os que hoxe dominan toda a superficie forestal, quedando só algúns pés soltos de carballos, castiñeiros e algunha sobreira. En xeral, a flora que se pode observar nos espazos non cultivados é de carácter antropoxénico.

Non obstante, a vexetación do istmo do Vao, tanto na zona central areosa como nas beiras da marisma, é especialmente interesante pola abundancia de especies propias da duna e da zona salobre, algunhas delas endémicas desta zona (como a Cistanche phelypaea ou certa variedade de orquídea).

Fauna

A riqueza faunística do Grove débese principalmente á abundancia de aves mariñas, sedentarias ou migratorias, presentes no xa citado Complexo Intermareal. Nas beiras da enseada hai distribuídos varios observatorios ornitolóxicos, tanto na costa grovense como na de Sanxenxo e Meaño. Así mesmo, non faltan, naturalmente, outras aves comúns non ligadas ó medio mariño.

Outros grupos animais, como anfibios, réptiles ou mamíferos, así como os invertebrados, tamén están presentes no seu territorio. Nas augas da costa hai unha variada representación de moluscos, crustáceos e peixes, así como a presenza habitual de mamíferos mariños (golfiño común, toniña e arroaz) ou esporádica doutras especies deste grupo (zifios, cachalotes, baleas) ou de tartarugas mariñas.

Praias

Ó se-lo Grove unha península e estar rodeado case totalmente polo mar, posúe un elevado número de praias, a maioría delas de area fina e aptas para o baño e o descanso. Na seguinte relación ordénanse as praias no sentido das agullas do reloxo. Seis delas recibiron en 2008 o distintivo da Bandeira Azul (márcanse en grosas), e mantivérono até 2017, no que o concello renunciou a solicitalas por desacordos pola edición anterior, quedando sen ningunha bandeira (agás a Lanzada que comparte con Sanxenxo, que si solicitou a bandeira azul).[11]

A Lanzada vista desde o alto da Siradella.
  • Praia da Lanzada
  • Praia de Raeiros (ou Paxareira)
  • Praia Sobre do Pozo
  • Praia Area da Cruz
  • Praia Seixeliño
  • Praia do Portiño
  • Praia do Espiño
  • Praia Burato da Londra
  • Praia Farruco
  • Praia da Barrosa
  • Praia da Fervide
  • Praia Canelas
  • Praia Cuazos
  • Praia de Con Negro
  • Praia Aguieira (ou da Poza)
  • Praia Barreiro
  • Praia de Castiñeira
  • Praia Baleela
  • Praia Pateiro
  • Praia do Carreiro
  • Praia do Barreiriño (ou dos Franceses)
  • Praia da Barcala
  • Praia Area Grande
  • Praia do Piñeirón
  • Praia da Mexilloeira
  • Area de Reboredo
  • Praia das Pipas
  • Praia Lavagueira
  • Praia Louxiñas
  • Praia dos Padroneses
  • Praia de Con Roibo
  • Praia de Rons
  • Praia do Confín
  • Praia da Ponte da Toxa (A Ponte Norte e A Ponte Sur)
  • Praia Mourisca
  • Praia de San Marcial
  • Praia dos Fornos
  • Praia da Graña
  • Praia Vilamarín
  • Praia do Guernal

Galería de imaxes dalgunhas praias

Rutas de sendeirismo

  • Ruta dos lagarteiros: comeza nas inmediacións do Centro de Interpretación da Siradella e percorre, durante uns 2 km, os macizos graníticos centrais da península. Chámase así porque durante o seu percorrido é fácil observa-lo voo dalgún lagarteiro ou peneireiro (Falco tinnunculus), frecuente nesta zona. Tamén ofrece espectaculares vistas do istmo da Lanzada.
  • Ruta do Con Negro: percorre a costa oeste da península. Comeza na praia de Canelas e segue cara ao sur ata a urbanización de Pedras Negras, en San Vicente do Mar.
  • Ruta da Lagoa da Bodeira: sae de Punta Moreiras (onde se pode aproveitar para visita-lo Acuario e o Museo da Salga) e diríxese cara ó oeste, bordeando a costa, ata a lagoa da Bodeira.

Ademais das rutas descritas, poden percorrerse dous paseos de madeira bordeando a costa. O primeiro vai desde San Vicente do Mar ata a batería militar inmediata á zona do Con Negro. Todo o camiño vai entre rochas graníticas á beira do mar aberto ó oeste. O segundo percorre toda a praia da Lanzada, desde a zona chamada do Sanatorio[12], ó norte, ata entrar no concello de Sanxenxo.

En novembro de 2007, a Dirección Xeral de Costas aceptou a proposta do goberno municipal de construír unha senda peonil que percorra todo o perímetro da península[13]. En 2024 aínda non se construíra.

A ruta do Padre Sarmiento rodea toda a península nunha etapa circular estimada en 29 quilómetros. Trátase dunha variante do Camiño de Santiago Portugués, que sae desde Pontevedra e vai bordeando Sanxenxo e os distintos concellos do Salnés ata enlazar de novo co trazado tradicional do Camiño Portugués en Pontecesures.

En 2017, o concello deseñou tres rutas (dúas urbanas e outra en coche) que percorre entre 10 e 12 elementos significativos, que foron sinalizados con paneis explicativos (ou indicadores da situación):

  • Ruta dos persoeiros ilustres: permite coñecer doce lugares, rúas ou edificios relacionados directamente con outros tantos persoeiros que contribuíron dun modo ou doutro á historia local: Miguel Gil Casares, creador dun sanatorio antituberculoso na Lanzada; José Riestra López, fundador do balneario da Illa da Toxa; Manuel Lueiro Rey, escritor que viviu case toda a súa vida no Grove; Xacobe Barral Otero, último alcalde da República, etc.
  • Ruta modernista: percorre dez edificios ou conxuntos arquitectónicos da arquitectura modernista no Grove, mellor ou peor conservados na actualidade. O itinetrario remata na ponte modernista de acceso á illa da Toxa.
  • Ruta arqueolóxica: permite visitar once puntos catalogados como de interese desde o punto de vista arqueolóxico: castros de Cantodorxo, do Castriño ou da Siradella, xacemento de Adro Vello, lugares onde se acharon pezas calcolíticas ou romanas, etc.

Economía

Tradicionalmente O Grove foi unha vila dependente do mar e os seus produtos: pesca de baixura, cría de mexillón e outros bivalvos, industria conserveira etc, representando a agricultura unha porcentaxe moito menor. Porén, desde os anos 80 o turismo constitúe unha fonte de ingresos cada vez maior, que se traduce nun gran número de hoteis e restaurantes de tódalas categorías e un crecemento constante do sector servizos. O turista non só dispón de numerosas praias senón que pode gozar doutras actividades de lecer, como rutas de sendeirismo, un Acuario, un Museo da Salga, paseos en barco pola ría, festas gastronómicas etc., ademais das que pon á súa disposición o complexo hoteleiro da Illa da Toxa, con casino, balneario e campo de golf. De feito, O Grove está catalogado como Municipio de Excelencia Turística.

Na zona costeira do sur da península existen diferentes urbanizacións que acollen boa parte dos turistas que veranean no concello. Destaca entre elas a zona de San Vicente do Mar, con bloques de apartamentos xunto a chalés de luxo e dotada recentemente dun porto deportivo.

Etnografía

Refraneiro
  • Se de rico te queres volver probe sal de Cambados e métete no Grove[14]
  • Se queres amolar a un probe sácao de Cambados e méteo no Grove[14].
  • Se queres foder a un probe, sácao de Cambados e cásao no Grove[14].
Cantigueiro
  • Nenas do meigo xardín/ de San Vicente do Grove/ desprezástesme por probe/ e agora andas tras de min[15].

Lendas e tradicións

Véxase tamén: Lenda do Meco.

Corren diversas lendas nas terras do Grove, pero a máis coñecida é a do Meco, que chegou a da-lo alcume dos veciños desta vila, coñecidos popularmente como mecos.

Festas locais

  • Festa do Carme (Patroa dos mariñeiros, 16 de xullo)
  • San Martiño (Patrón do Grove, 11 de novembro)
  • San Vicente (Patrón da parroquia de San Vicente do Grove, 22 de xaneiro)

Festas gastronómicas

Festa do Marisco 2009.
Ver artigo principal: Festa do Marisco.
  • Festa do Marisco, o segundo domingo de outubro.
  • Xornadas da Centola, a finais de novembro ou primeiros de decembro.

Galería de imaxes

Artigo principal: Galería de imaxes do Grove.

Parroquias

Lugares do Grove

Para unha lista completa de todos os lugares do concello do Grove vexa: Lugares do Grove.

Notas

  1. 1,0 1,1 Boullón Agrelo, Ana Isabel (2011). "O artigo na toponimia galega: aspectos da estandarización". Revista Galega de Filoloxía. ISSN 1576-2661. 
  2. López Ferreiro, Antonio (1899-1904). Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela. II-VII. Santiago de Compostela. 
  3. Recuero Astray, Manuel; González Vázquez, Marta; Romero Portilla, Paz (1998). Documentos Medievales del Reino de Galicia: Alfonso VII (1116-1157). Colección Diplomática da Galicia Histórica. Santiago de Compostela: Xunta de Galicia. 
  4. González Balasch, María Teresa (1987). El Tumbo B de la Catedral de Santiago (edición y estudio). Universidad de Granada. 
  5. Cabeza Quiles, Fernando (2000). Os nomes da terra. Topónimos galegos. Toxosoutos. p. 201. 
  6. Francisco Meis (7.01.2025), que publica o documento de 1876 no que o concello informa a Madrid explicando o escudo do Grove.
  7. "Heráldica municipal da provincia de Pontevedra". Deputación de Pontevedra. 
  8. La Voz de Galicia, 11.01.2004.
  9. TurGalicia
  10. Nos primeiros anos, entre 4 e 6 cada convocatoria; desde 2009, só unha.
  11. "Playas de Galicia con Banderas Azules en 2017". 20minutos.es. 09-05-2017. . Consultado o 15.12.2018.
  12. Nome que recibe por estar ó pé dun antigo sanatorio antituberculoso.
  13. La Voz de Galicia, 11.11.2007.
  14. 14,0 14,1 14,2 Leiro Lois, Adela (dir.) (1986). Cambados: a tradición oral. Cambados: Colexio Público Castrelo. 
  15. Fermín Bouza Brey 1929, 158; recollida en Cambados.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas