Clinfowiki

Quokka
Estado de conservación
Vulnerable
Vulnerable[1]
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Clase: Mammalia
Infraclase: Marsupialia
Orde: Diprotodontia
Familia: Macropodidae
Subfamilia: Macropodinae
Xénero: Setonix
Lesson, 1842
Especie: S. brachyurus
Nome binomial
Setonix brachyurus
(Quoy & Gaimard, 1830)
Distribución xeográfica
Distribución xeográfica

Distribución xeográfica

O quokka (Setonix brachyurus) é un macrópodo do tamaño dun gato doméstico e constitúe o único membro do xénero Setonix. Coma outros marsupiais da familia dos macrópodos (canguros ou ualabís), o quokka é un animal herbívoro e de costumes principalmente nocturnos. Habita en pequenas illas da costa de Australia Occidental. Ademais, existe unha pequena colonia continental na área protexida de Two Peoples Bay, onde vive xunto co Potorous gilbertii.

Hábitat

O seu hábitat salvaxe restrínxese a unha zona moi pequena do suroeste de Australia Occidental. A súa presenza ten diminuído, pero permanece coma especie protexida nas illas da costa desa área: en Bald Island, Rottnest Island, Garden Island e, cunha presenza menor en Penguin Island. As illas están libres de cans e raposos. En Rottnest Island é unha especie común que ocupa unha serie de hábitats que abranguen dende as matogueiras semiáridas até os xardíns.

Descrición física

O seu corpo é pequeno e gordecho, cunha cabeza pequena e ancha, e orellas redondas. Mide entre 40 e 54 cm, pesa entre 2,5 e 5 kg, e posúe un rabo duns 25 a 30 cm, o cal é pequeno en comparación co doutros macrópodos. Malia á súa aparencia de canguro de pequeno tamaño e aparencia gordecha, o quokka pode gabear ás árbores e arbustos. O seu pelo é duro e dunha cor marrón grisalla que tira a amarelo acastañado nas extremidades posteriores.

Interacción cos humanos

O quokka non ten medo das persoas e é frecuente velo achegarse á xente, especialmente en Rottnest Island. Está prohibido tocar ou molestar os quokkas baixo pena de multa de 100 dólares australianos, podendo chegar aos 1.000 dólares no caso de que o animal sufrise algún tipo de maltrato ou morrese pola acción do home.

Status

A súa poboación é grande nas pequenas illas da costa, vive nunha pequena zona moi delimitada e está clasificado como unha especie vulnerable. A poboación continental vese ameazada pola presenza de cans, dingos, gatos e raposos, especies introducidas, e precisa dunha vexetación baixa e mesta para se protexer. O seu hábitat tense visto reducido por mor do desenvolvemento agrícola, mediante a limpeza e queima de pantanos, o cal contribúe á súa desaparición.

Descuberta polos europeos

O quokka foi un dos primeiros mamíferos que viron os europeos. En 1658 o mariñeiro dos Países Baixos Samuel Volckertzoon, dixo ter visto un "gato salvaxe" en Rottenest Island. En 1696 Willem de Vlamingh confundiu os quokkas con ratas e púxolle o nome de Rottenest á illa, que quere dicir "niño de ratas" en neerlandés.

Orixe do nome

O termo quokka provén dunha palabra da lingua nyungar, probablemente gwaga.

Notas

  1. de Tores, P., Burbidge, A., Morris, K. & Friend, T. (2008). "Setonix brachyurus". Lista Vermella da IUCN de Especies en Perigo (en inglés). IUCN 2008. Consultado o 29 December 2008.  Database entry includes justification for why this species is listed as vulnerable