Clinfowiki
Contidos
Unha mucosa ou membrana mucosa é un tipo de tecido epitelial que tapiza varias cavidades do corpo e rodea os órganos internos. Consta dunha ou máis capas de células epiteliais que cobren unha capa de tecido conectivo laxo. É de orixe ectodérmica e continúase coa pel en varias aberturas corporais como os ollos (pálpebras), oídos, nariz e boca (beizos), a abertura da uretra e o ano. Algunhas membranas mucosas segregan mucus, un fluído mesto protector con moita mucina. A función das mucosas é deter os patóxenos (aínda que son máis penetrables que a pel, a cal ten unha grosa epiderme queratinizada) e lixo para que non entren no corpo e impedir que os tecidos corporais se deshidraten.
Estrutura
Consta dun epitelio de varias capas de células de orixe ectodérmica[1] situada sobre unha lámina propria de tecido conxuntivo laxo. Os detalles varían segundo a rexión do corpo. Na mucosa da cavidade bucal a capa superior é un epitelio estratificado plano, pero que, a diferenza do da pel, non está completamente queratinizado. Debaixo está a lámina propia e nalgunhas zonas da boca hai unha submucosa laxa. No tubo dixestivo debaixo da lámina propia hai unha capa con fibras de músculo liso, chamada muscularis mucosae, e o epitelio superficial presenta diversas especializacións rexionais. No intestino a capa externa está especializada con células con microvilosidades, que axudan a absorber os alimentos, chamadas enterocitos.
Exemplos
Reviste varias cavidades corporais que están expostas externamente ao ambiente ou no interior dos órganos, e aseguran que os tecidos subxacentes permanezan húmidos. En varios sitios continúanse coa pel: como nas fosas nasais, os beizos, as pálpebras, os oídos. Hai mucosas por exemplo na farinxe, na traquea, no estómago e nos intestinos, na área xenital e no ano.[1] Na muller, a vaxina, o útero e o clítoris teñen membranas mucosas.[2] No home, o pene (na glande e no prepucio) ten membranas mucosas.[3] A uretra está tamén tapizada por unha mucosa.[2]
Algúns exemplos son:
- Mucosa bronquial e o recubrimento das cordas vocais
- Endometrio: a mucosa do útero
- Mucosa do esófago
- Mucosa gástrica
- Mucosa intestinal
- Mucosa nasal
- Mucosa olfactoria
- Mucosa oral
- Mucosa prepucial
- Mucosa vaxinal
Función
A mucosa impide que os patóxenos e o lixo entren no corpo e impide que os tecidos perdan humidade. As membranas mucosas son bastante delicadas; son capaces de absorber varias substancias e toxinas pero son vulnerables á dor. Se o recubrimento se rompe ou desgarra, non pode facer estas misións protectoras.[4] Algunhas membranas mucosas están implicadas na dixestión e na absorción dos almentos e na secreción de substancias.[5] O fluído espeso que segregan algunhas mucosas (e as glándulas asociadas) é o mucus ou moco, con función protectora.[6] Albergan tecido inmunolóxico (ver, por exemplo, tecido linfoide asociado ás mucosas).
Notas
- ↑ 1,0 1,1 "Mucous membrane". Encyclopedia Britannica. Consultado o 1 August 2015.
- ↑ 2,0 2,1 Edward Rigby (1841). A System of Midwifery: With numerous wood cuts. With notes and additional illustrations. Lea & Blanchard. pp. 46–.
- ↑ "Anatomy and Function" (PDF). coloradonocirc. Consultado o 1 August 2015.
- ↑ "What is a Mucous Membrane?". wiseGeek. Consultado o 1 August 2015.
- ↑ "The Role of the Mucus Barrier in Digestion" (PDF). doi:10.1007/s13228-012-0021-1.
- ↑ "Mucus". Encyclopedia Britannica. Consultado o 1 August 2015.
Véxase tamén
Outros artigos
Ligazóns externas
- Mucous Membrane Medical Subject Headings (MeSH) na Biblioteca Nacional de Medicina dos EUA.