Clinfowiki

Foca común
Phoca vitulina
Estado de conservación

Pouco preocupante
Clasificación científica
Reino: Animalia
Filo: Chordata
Subfilo: Vertebrata
Clase: Mammalia
Subclase: Theria
Infraclase: Eutheria
Orde: Carnivora
Suborde: Caniformia
Superfamilia: Pinnipedia
Familia: Phocidae
Xénero: Phoca
Especie: P. vitulina
Nome binomial
Phoca vitulina
Linnaeus, 1758 [1][2]
Distribución de Phoca vitulina
Distribución de Phoca vitulina

Distribución de Phoca vitulina
Subespecies
Véxase o texto

A foca común,[3] Phoca vitulina, é unha especie de mamífero carnívoro pinnípede da familia dos fócidos que habita ao longo do litoral dos mares temperados e fríos do hemisferio norte.

Áchase nas augas costeiras do norte dos océanos Atlántico e do Pacífico, como tamén no mar Báltico e mais no mar do Norte, chegando, polo sur, até as costas de Portugal, o que a converte na especie máis amplamente distribuída da superfamila dos pinnípedes.

A poboación mundial estímase que está entre os 400 000 e os 500 000 individuos, estando ameazadas algunhas das súas subespecies en certos hábitats.[4]

A caza de focas, unha práctica común no pasado, é agora considerada ilegal en moitos países con poboacións de foca común dentro dos seus territorios, pero nalgúns deles aínda se continúa practicando.

Taxonomía

A especie foi descrita en 1758 por Linneo na 10ª edición do seu Systema Naturae,[5] que a integrou dentro do xénero Phoca por el creado para incluír varios mamíferos mariños coñecidos na súa época e que non clasificara canda os cetáceos.

Subespecies

Segundo os autores, recoñécense tres,[2] catro [1] ou até cinco subespecies:[1]

  • Phoca vitulina concolor (DeKay, 1842), de Norteamérica oriental.[6] non recoñecida polo WoRMS.[2]
  • Phoca vitulina mellonae (Doutt, 1942), do Canadá oriental, tamén presente en augas doces (subespecie incluída en P. v. concolor por moitos autores).[6]
  • Phoca vitulina richardsi (Gray, 1864), de Norteamérica occidental.[6]
  • Phoca vitulina stejnegeri (Allen, 1902), de Asia oriental. A esta subespecie algúns autores considérana como unha especie separada, Phoca kurilensis ou Phoca insularis.[6] non recoñecida polo WoRMS,[2] nin polo SIIT.
  • Phoca vitulina vitulina (Linnaeus, 1758), do Atlántico oriental (Europa) e Asia occidental. É unha das focas máis comúns do mundo.[6]

Distribución e poboación

A foca común encóntrase exclusivamente no hemisferio norte. Cunha estimación de 400 000 a 500 000 individuos, a poboación non periga a nivel global, e a maior parte das subespecies non se encontran ameazadas, exceptuando as de Groenlandia, Hokkaido e o mar Báltico. Porén, moitas das poboacións locais foron reducidas ou mesmo eliminadas debido ás enfermidades e a conflitos cos humanos, con e sen intención.[4]

Grupo de focas comúns en Svalbard, Noruega.

De todas as súas subespecies, Phoca vitulina vitulina é a única que se encontra nas costas europeas do Atlántico, mar do Norte e mar Báltico (con exclusión do golfo de Botnia).

A súa área de dispersión se estende desde Islandia e a península Escandinava, ao norte, até Portugal, ao sur, pero presenta notábeis variacións de densidade de poboación.

O conxunto destas comprendía, nos anos 1980, da orde duns 50 000 individuos, dos que de 12 000 a 28 000 se encontraban en augas de Islandia; uns 4 000 en Noruega; máis de 3 800 nas costas de Suecia, Dinamarca, Alemaña e os Países Baixos, e de 13 000 a 16 000 nas das illas Británicas.[7]

Colonia de focas comúns na illa de Helgoland, Alemaña.
Na baía de Somme, Francia.

Porén, a dinámica das poboacións nesta zona variaron profundamente desde aqueles tempos, con caídas recentes a grande escala nas subpoboacións do norte do Reino Unido, e aumentos rápidos da poboación, interrompidos por descensos importantes debido ás enfermidades no mar de Wadden, as do sur de Inglaterra, Kattegat e Skagerrak, e un aumento gradual despois da case extinción na década de 1970 no Báltico. En xeral, a poboación de P. v. vitulina aumentou desde a década de 1970.[4]

Na zona sur da área de distribución, desde hai máis ou menos tempo, rexístrase unha regresión continua da poboación. Dúas das colonias situadas no canal da Mancha, a da illa de Wight e da baía de Somme, desapareceron na actualidade. Esta última contaba con moitos centos de animais a principios do século XIX e só con algunhas decenas a finais do mesmo. A súa caza, e as molestias continuas que sufría, fixeron que deixase de reproducirse contra 1930. Así mesmo, constatouse que se produciu unha diminución alarmante nas costas do mar do Norte. No delta do Rin o número de focas decaeu de 800 en 1959 a menos de 50 en 1971, e no mar de Wasdden nese mesmo ano non se contaban máis de 233 animais, mentres que eran máis de 1 000 algúns anos antes. O principal factor desta regresión parece ser que foi a acción dos contaminantes sobre a fecundidade.[7]

Aínda que a área de distribución se estende até Portugal, parece que nunca existiu unha colonia de reprodución máis meridional que a citada do Somme. As observacións feitas nas costas francesas da Mancha e o Atlántico, ou máis ao sur (España, Portugal), mostran que se trata con frecuencia de individuos xuvenís e, raramente, adultos erráticos.[7]

Descrición

As principais características da foca común son as seguintes:[7][3]

Descansando nun bloque de xeo.
Coa boca aberta, amosando os dentes.
  • De pequeno tamaño (comparado con outros fócidos), ten o corpo alongado e de perfil arredondado.
  • Pode chegar a medir 1,8 m de lonxitude, cun peso de até 150 kg, nos machos; as femias son xeralmente máis pequenas (até 1,60 m).
  • A cabeza é arredondada, ancha, en razón á bóveda cranial esférica, co fociño de perfil cóncavo, a rexión nasal curta e os ollos grandes.
  • As narinas, que vistas de fronte teñen un perfil en "V" ben aberta, e que se reúnen cerca da súa base, son unha característica da propia da especie.
  • O meato auditivo é pouco visíbel desde o exterior.
  • As extremidades anteriores son de tamaño reducido en comparación co corpo. Os dedos preséntanse nunha orde de tamaños decrecente, e están armados con uñas, de forma triangular, agudas, dun tamaño similar ao do dedo, pero pouco visíbeis porque superan pouco a pelaxe das patas. As aletas posteriores teñen o segundo e o quinto dedo de tamaño similar. A cola é reducida, aínda que robusta.
  • A femia posúe un só par de mamas.
  • A dentición está formada por 34 pezas, con 3 incisivos, un canino e 5 poscaninos na hemimandíbula superior, e 2, 1 e 5, respectivamente, na inferior.
  • Os dentes poscaninos están rematados en tres cúspides, a central grande e as outras dúas máis pequenas.
  • A cor da pelaxe, similar en ambos os sexos, é moi variábel. En xeral é máis escura na rexión dorsal que na ventral, e varía entre a amarela agrisada pálida á parda escura, con manchas case negras, de forma a repartición irregulares, que destacan máis ou menos claramente.

Bioloxía

Hábitat e comportamento

As focas comúns caracterízanse por mostraren un forte grao de fidelidade a un sitio na elección de lugares para descansar. O seu sedentarismo habitual fai que a composición dos grupos, que non presentan unha organización social xerarquizada, sexa máis ou menos igual durante todo o ano. Os lugares de descanso poden ser costas ásperas e rochosas, como as das Hébridas ou as de Nova Inglaterra pero, máis frecuentemente, prefiren os anchos estuarios que ofrecen numerosos bancos de area descubertos na marea baixa e separados por canles bastante profundas; o mellor exemplo deles é The Wash. É en tales biótopos onde se observan os grupos máis importantes pero, en todos os puntos do seu hábitat, a especie é gregaria.[7]

Estas focas poden pasar varios días no mar, e viaxar até 50 km en busca de lugares onde alimentarse, e tamén poden internarse nos ríos. Ás veces poden tamén remontar considerábeis distancias nos ríos, e tamén entrar en portos perseguindo as súas presas (de aí, un dos seus nomes en inglés, harbor seal).

Alimentación

Os hábitos alimenticios foron ben estudados, e son moi amplos e variados: desde camaróns e outros crustáceos litorais, a peixes como anchoas, robalizas, arenques, bacallaus e pleuronectiformes, até luras e outros cefalópodos, que consomen conforme á súa dispoñibilidade segundo as estacións do ano.[7]

Para alimentarse son capaces de somerxerse durante dez minutos, alcanzando profundidades de 457 m ou máis,[8] pero o máis usual é que duren uns tres minutos a profundidades de ao redor de 20 m.

Reprodución

Femia coa súa cría.

As focas comúns alcanzan a madurez sexual entre os 3 e os 6 anos de idade. A época de celo é entre febreiro e outubro, despois da muda da pelaxe. As femias poden ser cubertas por varios machos, e as cópulas fanse sempre na auga.[3] Nesta especie existe o fenómeno da xestación diferida: a implantación do óvulo fecundado prodúcese 2 meses e medio despois da cópula.[7]

A xestación real dura ao redor de 7 meses, e os nacementos ocorren entre finais de maio e mediados de xullo, con lixeiras variacións segundo a latitude. O parto efectúase con frecuencia nos bancos de area que quedan descubertos entre dúas mareas e, máis raramente, en augas pouco profundas.[7][3]

As crías acabadas de nacer teñen xa unha pelaxe análoga á dos adultos, xa que a pelaxe branca embrionaria (tan apreciada polos cazadores de focas e os tratantes en peles) efectúase in utero ou pouco despois do parto. Desde o nacemento, as pequenas focas —que miden aproximadamente 1 m e pesan 15 kg— xa son capaces de nadar. A lactación faise na auga ou en terra firme e dura de 3 a 4 semanas, cando as crías teñen xa todos os seus dentes.[7]

As focas comúns femias teñen unha esperanza de vida de entre 30 e 35 anos, mentres que nos machos adoita ser de 20 a 25. Algúns científicos suxeriron que esta diferenza se debe ao estrés ao que os machos están expostos durante o período de reprodución.[Cómpre referencia]

Estado actual

Ameazas

Os principais depredadores das focas comúns son a candorca, o tiburón branco, o tiburón de Groenlandia e posibelmente outras especies de tiburóns, o león mariño de Steller e a morsa, ademais de aves como gaivotas, corvos e aguias. Non hai información sobre a depredación do oso polar e o oso pardo, pero ambos os dous son posíbeis depredadores de focas.[4]

Medidas de protección

Mentres que é legal matar focas incidentalmente como parte da explotación pesqueira no Reino Unido, Noruega e o Canadá, a caza comercial é ilegal. Porén, as focas tamén son capturadas legalmente como caza de subsistencia por algunhas poboacións norteñas.

Nos Estados Unidos aplícase unha estrita protección, e é ilegal matar focas ou calquera outro mamífero mariño, segundo a Lei de protección de mamíferos mariños.

Status

No ano2008, a UICN, tendo en conta o nivel global da poboación de Phoca vitulina, cualificou a situación da especie como "LC" (pouco preocupante), cualificación que mantén a día de hoxe (2013).[4]

En Galicia

Foca común no Aquarium Finisterrae da Coruña.

Nomes galegos

Ademais de por foca, a especie coñécese en diversos portos do país polos nomes de:[9]

  • Becerro do mar
  • Becerro mariño
  • Lobarraz
  • Lobo
  • Lobo de mar
  • Lobo do mar
  • Lobo mariño
  • Tenro do mar
  • Terneira do mar
  • Vaca
  • Vaca marina
  • Vaca mariña

Díaz d'a Silva e Cartelle danlle, na súa Guía dos mamíferos de Galica, o nome de foca común.[3]

Distribución

Aínda que a súa presenza en Galicia é rara, pódese ver a especie en todo o litoral da nosa comunidade.[3]

Notas

  1. 1,0 1,1 1,2 Phoca vitulina Linnaeus, 1758 no SIIT.
  2. 2,0 2,1 2,2 2,3 Phoca vitulina Linnaeus, 1758 no WoRMS.
  3. 3,0 3,1 3,2 3,3 3,4 3,5 Díaz d'a Silva e Cartelle (2007), p. 98.
  4. 4,0 4,1 4,2 4,3 4,4 Thompson, D. & Härkönen, T. (2008): Phoca vitulina na Lista vermella de especies ameazadas da UICN.
  5. Linnaeus, C. (1758).
  6. 6,0 6,1 6,2 6,3 6,4 UNEP-WCMC Base de datos de Especies Arquivado 30 de maio de 2020 en Wayback Machine. (en castelán)
  7. 7,0 7,1 7,2 7,3 7,4 7,5 7,6 7,7 7,8 Duguy e Robineau (1987), pp.163-176.
  8. Burns, J. J. (2002): "Harbor seal and spotted seal Phoca vitulina and P. largha". En: W. F. Perrin, B. Wursig & J. G. M. Thewissen (eds), Encyclopedia of Marine Mammals, pp. 552–560. Academic Press.
  9. Ríos Panisse (1983), pp. 12-13.

Véxase tamén

Bibliografía

Outros artigos

Ligazóns externas