Practical Applications of a SDMS (Scientific Data Management System)
Contidos
Oso polar | |||||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Estado de conservación | |||||||||||||||
Vulnerable[1] | |||||||||||||||
Clasificación científica | |||||||||||||||
| |||||||||||||||
Nome binomial | |||||||||||||||
'Ursus maritimus' Phipps, 1774[2] | |||||||||||||||
Distribución
| |||||||||||||||
Sinonimia | |||||||||||||||
Ursus eogroenlandicus |
O oso polar (Ursus maritimus), tamén coñecido como oso branco, é un mamífero da familia dos Úrsidos. É un oso carnívoro cuxo hábitat abrangue unha ampla rexión do Círculo Polar Ártico, no océano Ártico, e as masas de terra que arrodean os mares. É o meirande oso, cun tamaño semellante ó do omnívoro oso de Kodiak (Ursus arctos middendorffi).[3] Un macho adulto rolda entre os 350 e os 700 kg de peso,[4] mentres que a femia adulta pode chegar á metade de peso. Malia que é unha especie irmá do oso pardo,[5] evolucionou para ocupar un estreito nicho ecolóxico, e moitas das súas características corporais foron adaptacións ás baixas temperaturas, a desprazarse pola neve e o xeo, a nadar en mar aberto e a cazar focas, que son a principal fonte da súa dieta.[6] Malia que a maioría dos osos polares nacen en terra, pasan a meirande parte da súa vida no mar conxelado. O seu nome científico significa "oso marítimo", e deriva dese feito. Os osos polares cazan a súa comida preferida, as focas, en banquisas, vivindo a miúdo das reservas de graxa cando non hai xeo mariño. Por mor da súa dependencia do xeo do mar, os osos polares están clasificados como un mamíferos mariños.[7]
Por mor da destrución de hábitat causado polo quecemento global, o oso polar está clasificado como unha especie vulnerable, e polo menos tres das dezanove sub-poboacións de oso polar están en declive.[8] Durante décadas, a caza a grande escala supuxo unha preocupación internacional polo futuro da especie, mais as poboacións recuperáronse despois da imposición de controis.[9] Durante miles de anos, o oso polar foi unha figura chave na cultura material e espiritual dos pobos circumpolares, sendo aínda hoxe moi importantes nas súas culturas.
Clasificación
Phipps foi o primeiro en describir este animal como especie distinta: Thalarctos maritimus (Phipps, 1774). Outros nomes xenéricos foron despois propostos, tales como Thalassarctos, Thalarctos e tamén Thalatarctos. Tendo como base feitos relativos ao cruzamento de osos pardos con osos polares, en xardíns zoolóxicos, estabeleceuse o nome Ursus (Thalarctos) maritimus para esta especie. Máis tarde, debido a interpretacións paleontolóxicas e evolutivas, foi proposta por Kurtén (1964), a integración de Phipps (1774), como a autoridade da especie. Finalmente, o nome Ursus maritimus pasou a ser utilizado até os nosos días, debido a promoción feita por Harrington (1966), Manning (1971) e Wilson (1976) [10].
Pénsase que os procionídeos e os úrsidos se ramificaron hai preto de 30 millóns de anos. O oso de anteollos formou unha póla á parte en torno a 13 millóns de anos atrás. As seis especies actuais do xénero Ursus orixináronse hai uns 6 millóns de anos. O oso pardo e o oso polar diverxeron dun devanceiro común hai preto de 2 millóns de anos e o cruzamento entre as dúas especies xera descendentes fértiles, feito que pode levar á conclusión de que o oso polar é unha subespecie do oso pardo. A perda de dentes molares típicos do oso pardo deuse hai 10 ou 20 mil anos..
A maioría dos científicos non recoñecen subespecies de oso polar. O IUCN/SSC Polar Bear Specialist Group (PBSG) contabiliza 20 grupos de poboación, en tanto que outros científicos apuntan aos seis grupos seguintes:
- Mar de Chukchi, Illa de Wranxel Island e Alasca occidental.
- Mar de Beaufort
- Arquipélago Ártico Canadense
- Groenlandia
- Terra de Spitzberxen-Franz Josef
- Siberia
Algunhas fontes citan estas dúas subespecies:
- Ursus maritimus maritimus
- Ursus maritimus marinus
Aparencia
Os machos desta especie pesan preto de 600 kg, mais poden atinxir 800 kg, e miden até 2,60 m. As femias son de media bastante menores, con 200 a 300 kg de peso e 2,10 m de cumprimento. Ao nacer o fillote ten 0,6 a 0,7 kg. A capa de graxa subcutánea pode chegar a un espesor de 15 cm.
Todo o seu corpo está adaptado para o mellor desenvolvemento na auga e para o frío. Tanto as orellas como os ollos son pequenos e arredondados. As patas dianteiras son longas para facer máis doada a natación e o mergullo e as patas posteriores teñen 5 dedos. O cranio e o pescozo son alongados. Todas esas adaptacións proporciónanlles unha maior hidrodinámica que facilita a natación. As plantas dos pés teñen papilas que facilitan camiñar sobre o xeo.
A pelaxe dos osos polares é branca e cobre todo o corpo, inclusive a planta das patas, como illamento do frío. Componse dunha densa capa de subpelo (5 cm) e unha capa de pelos externos (15 cm). O pelo individual é transparente e oco. No verán a pelaxe tórnase amarelada por mor da oxidación producida polo sol. Ao contrario dos demais mamíferos árticos, os osos polares non sofren proceso de muda estacional. Os pelos nas plantas das patas son duros e proporcionan excelente illamento térmico e tracción sobre a neve. O illamento térmico proporcionado pola pelaxe xeral é tan eficiente que torna o animal practicamente invisíbel a detectores infravermellos. Por riba dos 10 °C, con todo, isto pode levar ao sobrequecemento do animal. Outra característica da súa pelaxe é non reflectir a luz ultravioleta.
Algúns animais cativos, expostos a climas quentes e húmidos, desenvolven unha cor verde grazas a algas que crecen nos seus pelos ocos. Tales algas non son nocivas para o animal e son eliminadas con baños de auga osixenada ou sal.
Distribución
O oso polar é un animal do hemisferio norte que habita o círculo polar ártico. Pódese atopar en Alasca, no Canadá, en Groenlandia, en Rusia e no arquipélago noruegués de Svalbard. O hábitat natural do animal é a capa fina de xeo, onde lle é posíbel cazar focas. Está perfectamente adaptado para a vida no xeo, sendo habitual durante o inverno nos mares conxelados de Chukchi e Beaufort ao norte do Alasca, mares Siberiano Oriental, de Laptev e de Kara en Rusia e no mar de Barents ao norte de Europa. Son comúns tamén na porción norte do mar de Groenlandia, na baía de Baffin e en todo o arquipélago Ártico canadense.
A pesar de diminuír o seu número a partir do paralelo 88°, os osos polares poden ser encontrados virtualmente en todo o Ártico.
Hábitos
Esta especie concéntrase xunto á costa, dado que depende da auga para encontrar as súas presas. Os osos polares son excelentes nadadores e poden percorrer até 80 km sen descanso. Algúns animais migran desta forma do Norte para o Sur seguindo as marxes dos glaciares, mais poden desprazarse tamén por terra firme. O oso polar é un animal de hábitos diúrnos e carácter solitario.
Os machos adultos, como noutras especies, poden atacar e matar as crías. As femias deféndeas mesmo fronte a un macho que mida o duplo do seu tamaño. Aos seis meses de idade, un fillote é capaz de fuxir correndo dun adulto.
Os territorios, moitas veces enormes, non son defendidos. A pesar de non seren sociais, os osos son capaces, con todo, de compartir os restos dunha balea sen maiores conflitos.
Debido á abundancia de comida mesmo durante o inverno, o oso polar non hiberna no sentido estrito da palabra: entra nun estado de somnolencia, no cal a súa temperatura corpórea non cae, pasando a subsistir das súas reservas de graxa corporal.
Os osos polares son animais moi preocupados coa propia hixiene. Despois de cada comida, dedican uns 15 minutos para eliminar a sucidade. Para se limparen, usan as patas, a lingua, auga ou neve. Isto débese ao feito de que a sucidade interfire coa capacidade de illamento térmico da pelaxe.
Reprodución
Os osos polares reprodúcense entre os meses de marzo e xuño, con implantación diferida dos óvulos fecundados, de modo que o período de xestación se torna moi longo, entre 200 a 265 días, variando de acordo coas condicións ambientais.
As crías nacen entre novembro e xaneiro, no abrigo invernal construído pola femia, e non se separan da nai até completaren dous anos de idade. Nacen cegas e pesando moi pouco en relación ao peso adulto, sendo unha das crías menos desenvolvidas dos mamíferos euterios. As femias teñen catro mamas funcionais, mentres que as outras especies presentan seis. Poden xerar até catro fillotes por xestación, aínda que a media sexa de dúas crías.
As femias están aptas para a reprodución unha vez cada tres anos, sendo un dos mamíferos con menor capacidade reprodutiva. Calcúlase que a osa polar ten só cinco niñadas na súa vida.
Atinxen a madurez sexual entre os 5 e 6 anos e en condicións naturais, viven unha media de 15 a 18 anos. Algúns animais salvaxes marcados tiñan un pouco máis de 30 anos. Un espécime do zoo de Londres morreu aos 41 anos.
Dieta
De todos os osos, o oso polar é o máis restritamente carnívoro. A dentición lembra máis a de carnívoros acuáticos que a doutros osos. A súa principal presa é a foca (en especial a foca anelada), a cal tenta capturar cando emerxen polos buracos do xeo para respirar. A súa taxa de éxito, con todo, é baixa. Só o 5% das tentativas ten éxito. Un oso experimentado captura unha foca cada cinco días, o que lle proporciona enerxía suficiente para 11 días. Alén deste método de caza ó axexo, o oso polar emprega tamén o método de persecución para cazar, aproximándose moi lentamente á vítima e disparándose nos 15 m finais, a unha velocidade de até 55 km/h.
Aliméntase tamén de aves, roedores, moluscos, caranguexos, morsas e belugas. Ocasionalmente caza bois almiscrados e até mesmo, aínda que raro, outros osos polares.
Oportunista, a especie pode comer carniza (como baleas varadas) e materia vexetal, como raíces e bagas no final do verán. No depósito de lixo en Churchill, Manitoba, observáronse comendo, entre outras cousas, graxa e aceite de motor.
O oso polar é un nadador e un corredor capaz, o que o torna un cazador eficiente tanto na auga como na terra firme.
Esta especie é extremadamente perigosa para o home, que encara como presa, especialmente se non houber abundancia dos seus alimentos habituais. Na Illa de Baffin, por exemplo, os xeólogos fan os traballos de campo armados de escopetas de caza como medida de protección contra os osos polares.
Ao contrario da crenza, nunca foi observado que o oso polar, en busca da camuflaxe perfecta, esconda o fociño cando está cazando.
Conservación
O oso polar é citado polo CITES como de baixo risco de extinción. Porén, algúns factores poden mudar esta situación para peor.
A redución das capas de xeo e o prolongamento do verán están a obrigar os osos polares a buscaren comida en lugares habitados, colocando a especie en conflito co home. En 2005, afirmouse ter visto un total de cerca de 40 osos nadando centenares de quilómetros en busca dalgunha capa de xeo flotante á cal puidesen subir.
Os pobos índixenas do Ártico cazan osos pola súa graxa e pel. Canadá permite a cazar aos estranxeiros, se van guiados por un inuit na súas zorras de cans. A pesar de que foi florecente no século pasado, este tipo de actividade está en declive actualmente. O interese polas peles de oso diminuíu, así como os seus prezos. Unha pel que se vendía por 3.000 dólares atinxe hoxe o prezo máximo de 500 dólares.
Certas actividades humanas como a exploración de gas e petróleo, o turismo, a investigación científica e deportes na neve, perturban o animal no seu ambiente. A contaminación ambiental é outra ameaza. Estando no cumio da cadea trófica, o oso polar concentra substancias tóxicas no seu organismo. A cantidade de metais pesados e hidrocarburos clorados mostra unha curva ascendente en mostras de tecidos.
Os derramamentos de petróleo tamén afectan os osos polares. O petróleo é altamente tóxico e de lenta descomposición, sendo inxerido polo animal cando este se alimenta ou executa o seu aseo.
A poboación actual de osos polares estímase entre 22.000 e 27.000 individuos, o 60% dos cales viven no Norte do Canadá.
Cultura e relixión
- Os inuit veneran o oso polar, ó que chaman nanuk, crendo que o mesmo se deixa abater polos cazadores a cambio de ferramentas que usaría despois da morte. Poeticamente tamén o chaman Pihoqahiak, o eterno andarillo.
- Os skalds, poetas nórdicos, cuñaban epítetos para os osos como "o terror da foca", "o matador de baleas" e o "cabaleiro dos icebergs", entre outros.
- Os saamis non pronuncian o seu nome por medo de ofendelos. Prefiren chamar os osos "cachorro de Deus" ou "o vello de manto de pel".
- Os ket de Siberia reverencian todos os osos e os chaman gyp ou qoi, que significa "avó" e "padrasto", respectivamente.
- No leste de Groenlandia chámaselle Tornassuk, "o mestre dos espíritos prestativos".
Notas
- ↑ Schliebe, S., Wiig, Ø., Derocher, A. & Lunn, N. (IUCN SSC Polar Bear Specialist Group) (2008). "Ursus maritimus". Lista Vermella de especies ameazadas. Versión 2013.1 (en inglés). Unión Internacional para a Conservación da Natureza. Consultado o 2013-07-24.
- ↑ Phipps, pg. 185
- ↑ United States Fish and Wildlife service (ed.). "Polar bear, (Ursus maritimus)" (PDF). Arquivado dende o orixinal (PDF) o 11 de xullo de 2008. Consultado o 9 de setembro de 2009.
Appearance. The polar bear is the largest member of the bear family, with the exception of Alaska's Kodiak brown bears, which equal polar bears in size.
- ↑ Kindersley, Dorling (2001). DK Publishing, ed. Animal. Nova York. ISBN 0-7894-7764-5.
- ↑ Wozencraft, W.C. (2005). "Order Carnivora". En Wilson, D.E.; Reeder, D.M. Mammal Species of the World: A Taxonomic and Geographic Reference (3rd ed.). Johns Hopkins University Press. p. 589. ISBN 978-0-8018-8221-0. OCLC 62265494.
- ↑ Gunderson, Aren (2007). Animal Diversity Web, ed. "Ursus Maritimus". Arquivado dende o orixinal o 24 de outubro de 2007. Consultado o 27 de outubro de 2007.
- ↑ "List of Marine Mammal Species & Subspecies". Arquivado dende o orixinal o 06 de xaneiro de 2015. Consultado o 30 de setembro de 2016.
- ↑ IUCN Polar Bear Specialist Group, 2014.Summary of polar bear population status Arquivado 24 de decembro de 2015 en Wayback Machine.. Consultado o 22 de decembro de 2015.
- ↑ "Why is polar bear hunting allowed?" Arquivado 08 de xullo de 2015 en Wayback Machine.. Consultado o 8 de xullo de 2015.
- ↑ "IUCN Red List of Threatened Species". Arquivado dende o orixinal o 18 de xaneiro de 2007. Consultado o 27 de xullo de 2006.
Véxase tamén
Ligazóns externas
- O quecemento global fai que os oos polares pasen fame, reportaxe da BBC Brasil.
- Polar Bears International, en inglés.
- WWF's Polar Bear Tracker, en inglés.
- Webcams
- Polar Cam, en directo no zoo de San Diego.