Potency and safety analysis of hemp-derived delta-9 products: The hemp vs. cannabis demarcation problem

Flores secas da planta Cannabis sativa. Os tricomas conteñen grandes cantidades de THC, CBD e outros cannabinoides.

O cánnabis é unha droga extraída da planta Cannabis sativa. Na súa forma vexetal chámase marihuana e na súa forma resinosa chámase haxix.

Trátase dunha substancia psicoactiva que se consome habitualmente por vía respiratoria, en forma de cigarro, aínda que tamén é posible o seu consumo por vía oral, normalmente en preparados ó efecto.

A marihuana preséntase en diferentes formas. A máis coñecida son as flores secas (normalmente os gromos das plantas femininas). Existe tamén o "aceite de cánnabis", en inglés honey oil ('aceite de mel'), que é un concentrado cuxa extracción xeralmente implica o uso de disolventes como o alcohol e os filtrados con carbón activo, o cal potencia os seus efectos.

Unha variedade manufacturada da marihuana é o haxix (que en árabe significa herba seca), e que é a secreción resinosa da planta (a resina), normalmente secada e cortada en bloques de cor castaña bastante escura e levemente verdosa e do que tamén existe unha variedade líquida ou hash oil (aceite de haxix).

Formas de consumo

A forma máis usual de consumo é en forma de cigarro leado á man: nestes casos úsanse directamente as follas ou os gromos, secos e desfeitos, ou ben a resina mesturada co tabaco louro. Outros métodos inclúen o uso de pipas comúns e de "narguiles" ou "cachimbas" (pipas de auga), para fumar o cánnabis mentres arrefría o fume, ou no caso dos "bongs", quitando o alcatrán ou as impurezas non desexadas.

O cánnabis úsase tamén na cociña, para a preparación de receitas como "space cake" ('torta espacial') e "hash brownies" ('bolos con haxix'). A inxestión por vía oral debe ser sempre ben medida, xa que desta forma se ingresa moita máis porcentaxe de THC que fumado ou vaporizado. Ademais, ao ser inxerido, o THC pasa polo fígado antes de chegar ao cerebro, sufrindo leves cambios no fígado, que converten o THC noutra substancia distinta, con máis poder psicodélico e que pode provocar ataques de pánico. Tamén pode tomarse disolvéndoo en copas de café, creando así un "bhang" (do hindi).

A posoloxía é variable, como é natural, e depende do xénero consumido e da persoa, aínda que algúns expertos[Cómpre referencia] no seu consumo informan que non se rexistra intoxicación letal ningunha (nin sequera intoxicación aguda) por vía respiratoria. A intoxicación aguda por vía dixestiva require grandes cantidades do produto.

Usos

Actualmente investíganse os usos médicos da marihuana para diversas enfermidades, o que xerou, de novo, certa polémica. Os seus defensores afirman[Cómpre referencia] que hai evidencias segundo as cales é beneficiosa para eliminar as náuseas da quimioterapia e, no tratamento contra a sida, o seu efecto estimulante do apetito axuda a combater a inapetencia. Tamén pode axudar a reducir a presión dos fluídos nos ollos asociados ao glaucoma. Hai numerosos estudios[Cómpre referencia] que demostraron que pode axudar a reducir o medo e os tremores da esclerose múltiple. Outras visións más restritivas afirman que actualmente existen tratamentos e medicacións, sempre legais, para conseguir os mesmos efectos que se poidan lograr coa marihuana, se ben os críticos argumentan que esa maior eficiencia non foi probada nin contrastada pola comunidade científica.

Efectos do consumo de cánnabis

Artigo principal: Toxicidade do cánnabis.

Os efectos da marihuana dependen da interrelación de diferentes factores, como as características da substancia e a forma en que se consuma ou as características persoais do consumidor (personalidade, peso, idade, estado de saúde e de ánimo, así como as experiencias pasadas). Tamén dependen das circunstancias nas cales se consome a droga (compañía, lugar, legalidade).

Basicamente a marihuana produce os seguintes efectos:

  • No plano fisiolóxico: aumento do apetito, secura da boca, enroibamento da conxuntiva dos ollos, brillantez da córnea, taquicardia, suoración, analxesia moderada, somnolencia e dificultades na coordinación motora.
  • No plano psicolóxico: sensación de euforia, relaxación, desinhibición, cambios sensoriais e perceptivos, perda de concentración e diminución da coordinación. En altas doses pode provocar alucinacións (este é o efecto que fai que algúns autores consideren á marihuana como un alucinóxeno menor).

Cando se consome fumada, o fume é rapidamente absorbido polos pulmóns e chega ao cerebro nun curto período de tempo, polo cal os seus efectos comezan a notarse aos poucos minutos, alcanzando o seu pico máximo ao cabo duns trinta minutos e prolongándose por dous ou tres horas.

Cando é inxerida por vía oral, os efectos demoran máis en aparecer e poden chegar a durar entre tres e catro horas.

En canto ao seu potencial adictivo, é dicir, en canto á súa capacidade para xerar dependencia, o cánnabis non parece dar lugar a dependencia física, aínda que se describiu certa reacción de abstinencia en usuarios crónicos ao interromper o seu consumo, caracterizada por ansiedade, irritabilidade, perda de apetito, tremores e insomnio.

Por outra banda, pode conducir a certa dependencia psicolóxica, entendendo por tal a dificultade para experimentar determinadas sensacións e facer fronte a certas esixencias cotiás se non se está baixo os efectos da substancia.

Riscos

Os principais riscos do cánnabis están asociados aos efectos prexudiciais que podería chegar a xerar no sistema respiratorio cando é fumada. O fume da marihuana pode chegar a producir bronquite crónica, enfisema pulmonar e cancro de pulmón.

Debe terse en conta ademais que, para experimentar ao máximo os efectos desta substancia, os consumidores inhalan profundamente o fume, retéñeno ao máximo nos pulmóns e non usan filtro. Por outra banda, o consumo asociado de tabaco pode incrementar as probabilidades de que se dea algunha disfunción deste tipo no sistema respiratorio.

En canto ao sistema circulatorio, o consumo de cánnabis provoca de xeito case inmediato taquicardia, polo cal as persoas que padecen insuficiencia cardíaca ou hipertensión poderían ver empeorados os seus síntomas.

Pode entorpecer a memoria, sobre todo, a memoria a curto prazo, o cal dificulta a retención dos sucesos que se viviron baixo os efectos da substancia. Tamén pode alterar a capacidade de concentración.

En caso de ser consumida con alcohol, esta combinación pode dar lugar a lipotimias (mareos ou desmaios) como consecuencia da acción vasodilatadora do alcohol e o aumento no consumo cerebral de osíxeno que provoca o THC. O cerebro necesita máis osíxeno do habitual e dispón dunha cantidade menor do mesmo.

Podería ademais xerar certos problemas psiquiátricos naqueles usuarios crónicos cunha condición esquizofrénica preexistente.