Type a search term to find related articles by LIMS subject matter experts gathered from the most trusted and dynamic collaboration tools in the laboratory informatics industry.
Sicilia (it) Sicìlia (scn) | |||||
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
País | Italia | ||||
Capital | Palermo | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 4.983.478 (2019) (193,83 hab./km²) | ||||
Lingua usada | Lingua siciliana | ||||
Xeografía | |||||
Superficie | 25.711 km² | ||||
Altitude | 3.340 m | ||||
Punto máis alto | Monte Etna (3.357 m) | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Creación | 15 de maio de 1946 | ||||
Organización política | |||||
Órgano executivo | Government of Sicily (en) | ||||
• President of Sicily (en) | Renato Schifani (pt) (2022–) | ||||
Órgano lexislativo | Assembleia Regional Siciliana (pt) Circunscrición: 9, (Escano: 70) | ||||
Identificador descritivo | |||||
Fuso horario | |||||
ISO 3166-2 | IT-82 | ||||
Código NUTS | ITG1 | ||||
Identificador ISTAT | 19 | ||||
Sitio web | regione.sicilia.it | ||||
Sicilia[1] (en siciliano: Sicìlia) é unha rexión autónoma de Italia. É a máis grande de tódalas rexións da República e ademais a illa máis grande do mar Mediterráneo con 25.711 quilómetros cadrados. Xunto con Sardeña, a illa está clasificada oficialmente como unha rexión da Italia Insular.
Aínda que hoxe Sicilia é unha rexión de Italia, a illa foi unha cidade-estado de propio dereito, que dende Palermo, como Reino de Sicilia, chegou a dominar toda a illa, o sur de Italia e Malta. Con todo, coa unificación italiana de 1860 Sicilia converteuse nunha rexión autónoma do Reino de Italia.
Sicilia ten a súa propia cultura, especialmente con respecto ás artes, a cociña e a arquitectura. Ademais a illa posúe o seu propio idioma, o siciliano, de orixe latina. A economía siciliana baséase principalmente na agricultura (principalmente os hortos de laranxa e limón) e no turismo.
A illa de Sicilia atópase adxacente á tan só 3,1 km da rexión italiana de Calabria, a través do estreito de Messina na súa parte leste. O nome que lle puxeron os romanos a Sicilia era Trinacria, en alusión á súa forma triangular. Con todo, o actual nome provén do nome que lle deron os gregos á illa, Sikelia, debido a que a tribo nativa que a habitaba eran os Sikels. A illa destacou sobre todo durante milenios por ser unha gran produtora agrícola, sendo os cítricos, as laranxas, os limóns, as olivas, o aceite de oliva, as améndoas e o viño algúns dos principais produtos desta terra. Ademais durante o século XIX converteuse nunha das principais produtoras de xofre do mundo, grazas ás minas de Enna (en siciliano: Castrugiuvanni) e Caltanissetta, porén a produción diminuíu na década de 1950.
Sicilia e as súas pequenas illas que a circundan son moi importantes no ámbito da vulcanoloxía. O monte Etna, situado ao leste, é o único volcán na illa de Sicilia, que cunha altura de 3.320 m é o volcán activo máis alto de Europa e un dos máis activos no mundo. Así como o Etna, hai varias cordilleiras non volcánicas en Sicilia: Sicani ao oeste, Eeri na zona central e Hyblaean no sueste. No norte de Sicilia, hai outras tres: Madonie, Nebrodi e Peloritani.
Ao redor da illa atópanse as illas Eolias, ao nordeste, que son importantes por atoparse nelas a illa de Stromboli, onde se atopa outro importante volcán homónimo. Tamén no mar Tirreno atópanse outros tres volcáns activos: Vulcano, Vulcanello e Lipari. Por últimos cómpre destacar que o arquipélago de Malta é de xeito xeográfico parte integrante de Sicilia, incluso Malta estivo unida a Sicilia politicamente até o ano 1798, en que foi ocupada durante case dous anos por Napoleón.
A illa de Sicilia está regada por varios ríos, a maioría dos cales flúen a través da zona central e entran ao mar na parte sur da illa. O máis grande é o río Salso, que río flúe a través de Caltanissetta, Enna e, antes de entrar no mar Mediterráneo, no porto de Licata, durante 144 km. Outros ríos importantes da illa son o Simeto (113 km), o Belize (107), o Dittaino (105 km) ou o Platani (103 km).
O clima en Sicilia é mediterráneo con veráns calorosos, a causa do vento Siroco que chega de África e xera de improviso cambios na temperatura. As precipitacións son escasas, repercutindo no aprovisionamento hídrico, aínda que isto non impide que a agricultura sexa un dos seus principais recursos económicos. É notable a produción de cereais, xa importante en tempos romanos, e abundante produción de olivas, que asegura unha óptima produción de aceite.
Os máis antigos pobos de Sicilia foron os Elymas no oeste, os Sicanas no centro, e os Siculos na parte oriental, estes últimos probablemente vidos do continente, empurrando cara ao oeste da illa aos poboadores máis antigos. Estes son os que darán o seu nome ao país.
A Sicilia foi primeiro colonizada polos fenicios, os cartaxinenses e os gregos, que alí teñen deixado numerosos vestixios (teatro de Taormina, templos de Segesta, Agrigento e Selinonte, entre outros). Foi gobernada por príncipes chamados "tyranos", entre eles os famosos Denys o Antigo e Denys o Novo (que acolleu o filósofo Platón). Máis tarde caeu nas mans dos romanos despois da primeira guerra púnica, converténdose desde entón nunha importante fonte de cereais para Roma. O rei de Siracusa Hierón foi un fiel aliado dos romanos na segunda guerra púnica.
Sicilia foi a base da resistencia dos últimos pompeianos mandados por Sexto Pompeio, fillo de Pompeio. Despois da caída do Imperio romano, Sicilia pasa ao Imperio bizantino ata a súa conquista polos árabes do 827 ao 902.
A diversidade cultural e a tolerancia relixiosa caracterizaron o período musulmán. Unha familia de normandos (os fillos de Tancredo de Hauteville) conquistou as terras de Italia meridional, o Papa encargoulle ao máis novo, Roxerio, invadir Sicilia para que volvese ao catolicismo (estaba ocupada por bizantinos e sarracenos), e acorda a soberanía sobre as terras a conquistar. Isto lévao a cabo entre 1060-1090. Máis tarde o neto de Roxerio converteu o territorio da illa en reino no 1130, nacendo o Reino de Sicilia. Roxerio II, admirador da cultura musulmá, realizou unha política de tolerancia. Así pois o trono pasou, por herdanza, á dinastía xermánica dos Hohenstaufen que gobernaron a rexión a partir de 1194 e adoptaron Palermo como capital en 1220. Medio século despois, conflitos entre os Hohenstaufen e o Papa provocaron a morte de Manfredo de Sicilia en 1266, o que derivou na conquista da illa por Carlos I, conde de Anjou, derrotando a Conradino en 1268, os partidarios da dinastía derrotada refúxianse no reino de Aragón.
O 30 de marzo de 1282, o día de Pascua, nas Vésperas Sicilianas, provocadas polas taxas excesivas e explotada por Pedro III de Aragón, provocan o masacre dos franceses de Sicilia e a chegada dunha frota aragonesa á illa o 30 de agosto, dirixida polo propio Pedro III. Aclamado polo Parlamento de Sicilia como rei de Sicilia, Carlos tivo que abandonar a illa. En 1285 sucede a Pedro como rei de Sicilia o seu fillo Xaime, tanto Pedro como Xaime nomearon sicilianos nos cargos da illa cunha pequena minoría aragonesa en postos de responsabilidade pública, reduciron a presión fiscal e os comerciantes barceloneses aumentaron a súa influencia na illa.
En 1295, polo Tratado de Agnani, Xaime renunciou a Sicilia devolvéndoa á Santa Sé para tentar calmar a situación internacional que provocara que Xaime sucedera ao seu irmán Afonso como rei de Aragón en 1291. Os sicilianos, descontentos co tratado, proclamaron rei a Federico, irmán de Xaime. Polo Tratado de Caltabellota (1302) recoñecíase a Federico como rei de Trinacria (a illa) e a Carlos de Anjou como rei de Sicilia (a península), mais aos poucos anos Frederico asumiu de novo o título de rei de Sicilia. Foi unha época de prosperidade económica agás nos últimos anos do seu reinado, situación que se agravou durante os reinados de Pedro II, Lois I e Frederico IV e aínda máis coa Peste Negra, que chegou á illa en 1348, e as loitas internas da nobreza entre os proaragoneses e os anxevinos.
En 1377 grazas a unha dispensa papal a filla de Federico IV, María I de Sicilia converteuse na raíña da illa. O rei aragonés, Xoán I de Aragón que recoñecía o papa de Aviñón conseguiu a dispensa para o matrimonio en 1391 entre o seu neto, Martiño o Novo e a raíña María, que residía en Cataluña tras ser secuestrada por un nobre siciliano, coa condición de conquistar Sicilia, o que tras unha longa resistencia dos baróns sicilianos conseguiu. Á morte de Martiño o Novo en 1409 sen descendencia a coroa pasou a seu pai, Martiño de Aragón. En 1414 Fernando de Aragón declarou a unión perpetua das coroas de Aragón e Sicilia, gobernando Sicilia vicerreis en nome do rei.
Debido á Inquisición en 1492 decretouse a expulsión dos xudeus de Sicilia. Nos seguintes séculos a illa viuse afectada por dous terremotos moi graves no leste do país, nos anos 1542 e 1693, ademais só uns poucos anos antes deste último tremor a illa foi golpeada por unha feroz praga. Durante o século XVII houbo varias revoltas, mais foron reprimidas, especialmente as revoltas de Palermo e Messina. Co Tratado de Utrecht de 1713 Sicilia foi asignada á Casa de Savoia, onde gobernaron durante sete até que intercambiaron a illa pola de Sardeña co Emperador Carlos VI da dinastía Habsburgo de Austria.
Mentres que os austríacos estaban preocupados coa Guerra de Sucesión de Polonia, un príncipe Borbón, Carlos III foi capaz de conquistar Sicilia e Nápoles, deste xeito conquistando todo o sur da actual Italia, que estaba en mans de Carlos VI. Ao principio Sicilia permaneceu coma un reino independente, en virtude de unión persoal (ao estilo da actual Commonwealth británica).
Máis tarde produciuse a chegada do Primeiro Imperio Francés de Napoleón, que tomaba tomaba Nápoles na Batalla de Campo Tenese, comezando a dinastía Bonaparte de Reis napolitanos. Así pois o Borbón Fernando III viuse obrigado a retirarse a Sicilia, que estaba aínda baixo o seu completo control coa axuda da mariña británica. Por mor desta situación a illa participou nas guerras napoleónicas, onde Sicilia e Nápoles foron recuperadas, fusionándose formalmente como o Reino das Dúas Sicilias baixo o amparo dos Borbóns. Os principais movementos revolucionarios contra o goberno dos Borbóns producíronse en 1820 e 1848, coa procura da independencia de Sicilia, proclamada finalmente en 1848.
Máis tarde, en 1860, o desembarco de Giuseppe Garibaldi na illa, supuxo que Sicilia pasase a formar parte do novo estado unificado italiano. A pesar dun certo desenvolvemento económico que seguiu á unificación, Sicilia foi superada polo crecemento industrial das grandes zonas urbanas do norte. O crime organizado, coñecido baixo o nome de mafia, supuxo á creación da sociedade criminal Cosa Nostra, que estendeu a súa influencia na fin do século XIX. A mafia foi parcialmente erradicada polo réxime fascista a finais dos anos 1920, non recuperando parte do seu poder até despois da segunda guerra mundial. Durante esta guerra cómpre destacar que Sicilia foi liberada finalmente do totalitarismo polas forzas anglo-americanas entre o 10 de xullo e o 16 de agosto do 1943.
Dende 1946 Sicilia é unha rexión autónoma, co que se beneficiou da reforma agraria parcial de 1950-1962, así como dos subsidios especiais, fondos do goberno italiano para as rexións do sur. Nestes últimos anos cómpre destacar un ambicioso proxecto que de levarse finalmente a cabo unirá a illa co continente europeo, cunha ponte colgante de estrada de 5300 metros de lonxitude, a Ponte de Messina, que será a máis longa ponte deste tipo do mundo.[2]
Administrativamente Sicilia está dividida en nove provincias, das que tamén forman parte as pequenas illas que a rodean, como as illas Eolias de Messina, a illa de Ustica (Palermo), as Illas Égadi (Trapani), a illa de Pantelleria (Trapani) e as illas Pelaxias (Agrigento).
Provincia | Area (km²) | Poboación | Densidade |
---|---|---|---|
Provincia de Agrigento | 3.042 | 455.288 | 149,6 |
Provincia de Caltanissetta | 2.128 | 272.359 | 127,9 |
Provincia de Catania | 3.552 | 1.084.674 | 305,3 |
Provincia de Enna | 2.562 | 173.558 | 67,7 |
Provincia de Messina | 3.247 | 654.520 | 201,5 |
Provincia de Palermo | 4.992 | 1.244.012 | 249,2 |
Provincia de Ragusa | 1.614 | 313.698 | 194,3 |
Provincia de Siracusa | 2.109 | 402.680 | 190,9 |
Provincia de Trapani | 2.460 | 435.877 | 177,1 |
Dentro das actividades do sector primario Sicilia é coñecida pola súa cultura do cultivo de laranxas, limóns, mandarinas, hortalizas, legumes e froitos secos, como base dos produtos desta terra. Tamén destaca o cultivo da vide e a produción de viños, moi apreciados sobre todo no estranxeiro. Entre os máis coñecidos están o Viño de Marsala, da provincia de Trapani, o Moscato de Pantelleria, Malvasía de Lipari, Nero de Avola, o máis importante viño siciliano de hoxe día, Cerasuolo de Vittoria.
Dentro da gandería sobresaen os ovinos, caprinos e equinos, que están presentes en cantidade, mentres que os bovinos están presentes en número limitado. A pesca constitúe un recurso moi valioso para Sicilia. Péscanse, ademais de peixe espada, atún, sardiñas e xardas, ademais do peixe azul típico do Mediterráneo, que permite prover a industria da conserva, a materia prima necesaria para o peixe enlatado e o peixe afumado. En Mazase do Valo, na provincia de Trapani, obtéñense boas robalizas, camaróns en Ganzirri, e na a zona norte de Messina, ostras. Os portos máis importantes son os de Palermo, Catania, Messina e Augusta. Son ben coñecidas tamén as salinas de Trapani, desde onde se extrae desde a antigüidade un fino sal mariño.
A industria en Sicilia inclúe a elaboración de alimentos procesados, produtos químicos, petróleo refinado, fertilizantes, téxtiles, barcos, artigos de coiro, viño e produtos forestais. Hai campos de petróleo no sueste, e ademais son producidos gas natural e xofre. Todo este desenvolvemento industrial viuse potenciado por unha importante mellora nas vías de comunicación dentro da illa.
A industria do turismo é unha actividade en crecemento, favorecida pola presenza de numerosos sitios arqueolóxicos (Morgantina, Val dos Templos, Selinunte...) e as belezas naturais que suscitan o interese dos visitantes. Nos últimos anos investiuse sobre a capacidade receptiva dos albergues, favorecendo o incremento da súa presenza na illa.
Entre outros destinos turísticos de renome están localidades como Taormina, Agrigento, Siracusa, Caltagirone, Cefalù e Piazza Armerina (Vila do Casale). O interior da illa é un lugar rico en historia, tradicións e sobre todo en arte e cultura, fortalezas, igrexas, bosques e espazos naturais de importancia que lle dan valor ás áreas internas das provincias de Enna, Catania, Caltanissetta e Palermo.
Unha gran parte dos sicilianos son bilingües en italiano e en siciliano, unha lingua romance totalmente independente, cun vocabulario considerable (cun mínimo de 250.000 palabras). Unha parte destacable das palabras son de préstamo con lixeiros cambios, tendo a influencias do grego, catalán, francés, árabe ou do castelán entre outras.[3] O siciliano a parte da illa tamén é falado en certa medida en Calabria e Puglia, tendo ademais unha influencia significativa na lingua maltesa. Na idade moderna, o italiano ensínase nas escolas e é a linguaxe dos medios de comunicación, especialmente nalgunhas das zonas urbanas, o siciliano é agora un segundo idioma entre a maior parte dos mozos.
Nun principio a lingua siciliana influíu de xeito temperá no desenvolvemento da normativa italiana, aínda que o seu uso estaba limitado a unha elite intelectual. Nesa época houbo unha linguaxe literaria en Sicilia, creada baixo os auspicios de Federico II e a súa corte dos notarios, ou Magna Curia, que, encabezada por Giacomo da Lentini, deu a luz á Escola de Sicilia, amplamente inspirada na literatura trobadoresca. O seu patrimonio lingüístico e poético máis tarde foi asimilado na Florencia de Dante Alighieri, pai do italiano moderno. Ademais nesta lingua apareceu o primeiro soneto, cuxa invención se atribúe ao propio Giacomo da Lentini.
Hai tamén varias linguas non oficiais menos comúns faladas na illa. En cinco pequenas vilas de Palermo fálase o arbëreshë, un dialecto da lingua albanesa debido a un grupo de refuxiados que se asentaron alí no século XV, estas persoas son na súa maioría católicos-bizantinos. As cidades sicilianas fundadas ou repoboadas polos albaneses son Piana degli Albanesi, Santa Cristina Gela, Mezzojuso, Contessa Entellina, Palazzo Adriano, Sant' Angelo Muxaro, Bronte, Biancavilla e San Michele di Ganzaria. Tamén hai varias vilas na provincia de Enna onde se falan dialectos da lingua lombarda. Gran parte destes dous grupos de persoas son trilingües, falando tamén o italiano e o siciliano.
A gastronomía de Sicilia está estreitamente unida á historia e cultura de siciliana, así como coa vida relixiosa e espiritual da illa. Trátase dunha cultura gastronómica rexional complexa e diversa, que mostra claramente a contribución das culturas que se estableceron en Sicilia no transcurso dos dous últimos milenios. Tense, por exemplo, a contribución alimentaria da antiga Grecia mediante o "Monsù" das grandes cociñas nobiliarias, pasando polos doces de influencia magrebí e das especialidades hebreas.
A familia forma parte do corazón da cultura siciliana dende fai moitas xeracións. Tódolos membros da familia a miúdo viven xuntos, permanecendo os fillos habitualmente en casa dos seus pais ata que casan, o que cada vez está a ocorrer máis tarde. As parellas de hoxe teñen menos fillos que antes, con todo, os bebés e os nenos son moi venerados na cultura siciliana e case sempre acompañan os seus pais a eventos sociais.
As vodas sicilianas son luxosas, caras e tradicionais, normalmente celebradas na igrexa. A Igrexa católica é un elemento importante na vida siciliana. Case tódolos lugares públicos están adornados con crucifixos nas súas paredes, e a maioría dos fogares de Sicilia posúen imaxes de santos, estatuas e outras reliquias. Cada vila e cidade ten o seu propio santo patrón, e os días de festa caracterízanse por vistosos desfiles polas rúas con bandas de música e queima de fogos de artificio.
A tradición oral xoga un papel importante no folclore siciliano. Moitas historias transmitidas de xeración en xeración implican a un personaxe coñecido "Giufà". As historias desta personaxe consisten en anécdotas da súa vida que tentan transmitir mensaxes morais.