Type a search term to find related articles by LIMS subject matter experts gathered from the most trusted and dynamic collaboration tools in the laboratory informatics industry.
Localización | |||||
---|---|---|---|---|---|
| |||||
Estado | España | ||||
Comunidade autónoma | Galicia | ||||
Provincia | Provincia de Pontevedra | ||||
Capital | Pontevedra | ||||
Contén a división administrativa | |||||
Poboación | |||||
Poboación | 82.535 (2023) (699,45 hab./km²) | ||||
Xeografía | |||||
Parte de | |||||
Superficie | 118 km² | ||||
Bañado por | ría de Pontevedra, Océano Atlántico e río Lérez | ||||
Altitude | 24 m | ||||
Comparte fronteira con | |||||
Datos históricos | |||||
Precedido por | |||||
Evento clave
| |||||
Organización política | |||||
• Alcalde | Miguel Anxo Fernández Lores (1999–) | ||||
Eleccións municipais en Pontevedra | |||||
Orzamento | 79.300.000 € | ||||
Identificador descritivo | |||||
Código postal | 36000 e 36001–36162 | ||||
Fuso horario | |||||
Código INE | 36038 | ||||
Outro | |||||
Irmandado con | Barcelos Santo Domingo Nafpaktos Municipal Unit (en) Vila Nova de Cerveira San Xosé Salvador Merlo Gondomar | ||||
Páxina web | pontevedra.gal | ||||
Pontevedra é unha cidade e concello do suroeste de Galicia, capital da provincia de Pontevedra, da comarca homónima e das rías Baixas.[1][2][3][4][5] Está situada nas beiras do río Lérez e da ría de Pontevedra[6] en pleno centro das Rías Baixas e foi alcumada polos medios de comunicación franceses "a cidade onde o peón é rei".[7][8][9][10]
A cidade é coñecida polo seu urbanismo,[11][12][13][14] converténdose nunha referencia internacional[15] en materia de peonalización, mobilidade urbana e desenvolvemento sostible.[16][17][18][19][20][21][22][23] Ten sido galardoada con premios internacionais como o da ONU-Hábitat en 2014 en Dubai[24][25][26] ou o da Comisión Europea en 2020 en Bruxelas,[27][28] entre outros. Tamén é coñecida como a cidade dos nenos, sendo unha das cidades do mundo onde os nenos viven mellor.[29][30][31]
O camiño Portugués, do que é capital en España,[32][33][34] atravesa a cidade de sur a norte.[35] Son testemuñas relevantes monumentos como a igrexa da Virxe Peregrina e a ponte do Burgo, coas famosas cunchas de peregrino esculpidas.
Pontevedra é a segunda das grandes cidades galegas pola súa riqueza monumental, só despois de Santiago de Compostela.[36] Alcumada a Boa Vila (La Bonne Ville ou A Boa Cidade) polo francés Jean Froissart nas súas crónicas do século XIV[37][38] pola súa magnífica situación xeográfica e o seu esplendor económico,[39] atesoura un importante conxunto monumental relixioso (coa basílica de Santa María a Maior ou as igrexas de San Francisco, San Domingos ou San Bartolomeu entre outras) e civil (con casas nobres con escudos, pazos ou mansións como a casa das Campás ou a casa dos Fonseca, os pazos dos Condes de Maceda, o de Mugartegui, o de García Flórez ou o de Lourizán e palacetes como os das Mendoza ou Villa Pilar entre outros, así como unha decena de prazas de orixe medieval). Un símbolo importante é o papagaio Ravachol, cuxa estatua está no centro da cidade.
Pontevedra é un centro administrativo, político, xudicial, militar, histórico e cultural importante. No século XVI era a maior cidade de Galicia.[40] Actualmente está marcada por unha gran presenza dos servizos administrativos (delegacións provinciais da Xunta de Galicia e do goberno central), de xustiza (audiencia provincial e cidade da xustiza), políticos (deputación de Pontevedra, subdelegación do goberno), militares (delegación de defensa, BRILAT) e culturais (museo de Pontevedra, pazo da cultura, teatro principal, facultade de belas artes, centro cultural Afundación, Café Moderno).
O concello de Pontevedra ten unha área de 117 km², e alóngase de norte a sur case 20 quilómetros. Esténdese pola parte sur da ría que leva o seu nome (ría de Pontevedra), onde ocupa os vales fluviais do Lérez e do río dos Gafos. Cara ao sur, chega ata a desembocadura do río Verdugo, en Ponte Sampaio, xa na ría de Vigo. Aséntase rodeado de catro sectores montañosos separados entre si por dúas crebas, unha de dirección meridiana e a outra nordeste-sueste pola que transcorre o leito do río Lérez.
A cidade localízase no fondo da ría de Pontevedra, na desembocadura do Lérez. Está asentada nun outeiro rochoso relativamente aplanado pola erosión que, aínda que non é de moita altura, fai que o Lérez a arrodee polo norte antes de abrirse á ría. Por esta razón as únicas rúas que son algo empinadas son as que baixan á ribeira. A localización resulta estratéxica, xa que é o primeiro punto, vindo desde o mar, a través da ría, polo que se pode cruzar de norte a sur.
Limita ao norte cos concellos de Barro, Moraña e Campo Lameiro; ao leste cos de Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas; ao sur cos de Soutomaior, Vilaboa e Marín, e ao oeste co de Poio e coa ría de Pontevedra.
O clima é morno, cunha media anual de 15 °C e amplitude térmica de 10 °C (10 °C en xaneiro até 20 °C en xullo) e chuvioso (1.600-1.800 mm.), especialmente a finais do outono e no inverno. Ademais, a cidade está suxeita a unha serie de treboadas atlánticas durante o outono e o inverno, e frecuentemente teñen certa violencia.
Pontevedra é a cidade que ten máis horas de sol ao ano entre as grandes cidades galegas, con 2223.
Parámetros climáticos medios de Pontevedra (1972-2000) | |||||||||||||
---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|---|
Mes | Xan | Feb | Mar | Abr | Mai | Xuñ | Xul | Ago | Set | Out | Nov | Dec | Ano |
Temperatura máxima absoluta (°C) | 22,5 | 23,4 | 28,4 | 31,3 | 34,0 | 38,0 | 39,5 | 38,2 | 36,6 | 31,0 | 25,6 | 23,4 | |
Temperatura máxima media (°C) | 13,1 | 14,3 | 16,6 | 17,9 | 19,9 | 23,5 | 25,6 | 25,6 | 23,6 | 19,7 | 16,0 | 13,8 | |
Temperatura media (°C) | 9,5 | 10,6 | 12,1 | 13,2 | 15,4 | 18,5 | 20,5 | 20,4 | 18,8 | 15,6 | 12,3 | 10,5 | |
Temperatura mínima media (°C) | 6,0 | 6,8 | 7,6 | 8,5 | 10,9 | 13,4 | 15,4 | 15,2 | 13,9 | 11,4 | 8,6 | 7,3 | |
Temperatura mínima absoluta (°C) | -3,6 | -1,7 | -2,0 | 0,6 | 4,2 | 7,0 | 9,2 | 9,8 | 7,2 | 4,2 | 0,0 | -1,5 | |
Precipitacións (mm) | 204 | 190 | 126 | 140 | 129 | 66 | 44 | 47 | 108 | 185 | 198 | 254 | |
Horas de sol | 116 | 112 | 179 | 197 | 226 | 270 | 292 | 278 | 212 | 151 | 116 | 98 | |
Humidade relativa media (%) | 73 | 71 | 66 | 66 | 67 | 65 | 65 | 66 | 69 | 72 | 74 | 74 | |
Fonte: AEMET |
Censo total | 82.539 (2015) |
---|---|
Menores de 15 anos | 12.484 (15.12 %) |
Entre 15 e 64 anos | 54.365 (65.87 %) |
Maiores de 65 anos | 15.690 (19.01 %) |
Segundo o Padrón municipal do IGE Pontevedra no ano 2015 tiña unha poboación de 82.539 habitantes (78.715 hab. en 2004) e 83.260 habitantes en 2020 segundo o INE.
O seu xentilicio no Galizionario é «pontevedrés/pontevedresa», «lerense» e «teucrino/teucrina».
Nota: Entre o censo de 1857 e o anterior medra o termo municipal porque incorpora a Verducido. Entre o censo de 1877 e o anterior incorpora Alba, Mourente e Salcedo, entre o de 1950 e o anterior incorpora a Xeve e no censo de 1960 é Ponte Sampaio o que xa está incorporado ao termo da cidade.
Evolución da poboación de Pontevedra Fontes: INE e IGE. | ||||||||||||||||||
1900 | 1930 | 1950 | 1981 | 2004 | 2009 | 2011 | 2012 | 2013 | 2014 | 2015 | 2016 | 2017 | 2018 | 2019 | 2020 | 2021 | 2022 | 2023 |
22.330 | 30.821 | 43.221 | 64.184 | 78.715 | 81.891 | 82.400 | 82.684 | 82.934 | 82.946 | 82.539 | 82.549 | 82.671 | 82.802 | 83.029 | 83.260 | 83.114 | ||
(Os criterios de rexistro censual variaron entre 1900 e 2004, e os datos do INE e do IGE poden non coincidir.) |
O casco urbano ten barrios dende pequeno ata gran tamaño. Estes son:
Existe unha lenda de carácter erudito creada cara ao Renacemento para dotar a vila dunha orixe fantástica, que fai responsable da fundación a Teucro, un dos heroes da Guerra de Troia.[49] A lenda di que chegou a estas terras tras ser exiliado polo seu pai Telamón e fundando un asentamento co nome de Helenes. Após iso casou con Helena, a filla do rei Putrech, quen entón dirixía o exército grego cara á cidade de Atenas.
Pero o certo é que diversos estudos[quen?] históricos e arqueolóxicos máis recentes non detectan restos de presenza humana neste val anteriores á súa integración no Imperio Romano.
A fachada da casa do concello de Pontevedra, seguindo a lenda de Teucro, ten a seguinte inscrición:
FVNDOTE TEVCRO VALIENTE |
Fundoute Teucro valente |
Despois da integración da Gallaecia no Imperio Romano, procedeuse á construción dunha serie de vías de comunicación que a unisen comercialmente co resto da Península. A vía XIX do itinerario de Antonino, que unía Bracara Augusta (Braga), Lucus Augusti (Lugo) e Asturica Augusta (Astorga), cruzaba o río Lérez por Pontevedra. A mansión de Turoqua (núcleo de poboación; literalmente "Torre sobre a auga") situábase nas proximidades do lugar que ocupa hoxe a ponte do Burgo, en pleno centro histórico da cidade. Foi tempo despois cando se decidiu edificar unha nova ponte para salvar a canle do río. Estas dúas construcións foron decisivas para que se fose conformando un núcleo habitado. O achado en 1988 na cabeceira sur da ponte dunha columna miliaria, dedicada no ano 137 ao emperador Adriano confirma o paso da calzada romana polo lugar.
Durante o reinado en Galicia de Fernando II, na última parte do século XII, produciuse certa reactivación da actividade comercial debido á restauración de camiños e pontes, e parello a este fenómeno o lugar hoxe ocupado pola cidade volveu ser poboado, despois de pasar por un período de certo baleiro no altomedievo.
A ponte vella que xa daba nome á cidade foi substituída por outra medieval -á que hoxe se pode ver modificada- en 1169, cando Fernando II outorgou o foro aos habitantes da vila. Na actualidade non se conserva o foro orixinal de Fernando II, senón unha confirmación de Afonso X do ano 1264. Os privilexios e exencións que se lle foron concedendo á cidade actuaron como importantes dinamizadores da súa actividade económica. Entre as concesións destacan o monopolio da fabricación de saín en Galicia, así como da cura do peixe (non da salga) (1229) e a adxudicación do porto de carga e descarga de Galicia (1452).
As sucesivas ampliacións do recinto amurallado pontevedrés veñen determinadas polo crecemento demográfico e polo desenvolvemento de actividades económicas na vila, que precisaba de espazos máis amplos onde poder expandirse. A estas causas únese o desexo da Coroa por controlar a produción e o tránsito de mercadorías.
A actividade económica da cidade acada o seu maior esplendor baixo o reinado de Henrique IV de Castela, ao concederlle a cidade en 1467 o privilexio dunha feira franca, de 30 días de duración, que se celebraba quince días antes da festividade de San Bartolomeu. Para a celebración destas feiras, ampliouse de novo a muralla para dar cabida á praza da Ferrería, que albergaría o recinto feiral. Esta Feira Franca foi recuperada no ano 2000, celebrándose a primeira fin de semana do mes de setembro.
No século XVI, Pontevedra convértese na cidade máis poboada de Galicia cun gran porto pesqueiro ligado ao comercio internacional, no que destaca a actividade da exportación de peixe salgado a Portugal. Ao final do século XVI comezaron a ser notábeis os síntomas da profunda crise na que se sumiu Pontevedra durante os séculos XVII, XVIII e XIX, debido a diversos factores.
Durante os séculos XVII e XVIII a decadencia agudizouse debido a unha situación de inestabilidade política provocada polas constantes guerras que había nese momento (Portugal e a sucesión á coroa española, a ocupación inglesa), que contribuíron ao decaemento do comercio exterior.
A poboación da cidade reduciuse á metade, nuns séculos nos que se duplicou en Galicia e se triplicou no resto da comarca pontevedresa. Esta crise demográfica foi ocasionada por epidemias e graves enfermidades.
A comezos do século XIX, a economía de Pontevedra baséase fundamentalmente na actividade artesá, no comercio e, en menor medida, na pesca e na agricultura. En 1833, coa creación das provincias, convértese na capital da provincia do mesmo nome cá cidade, o que permitiu a transformación nunha urbe administrativa.
Nesta época, diante da necesidade de contar con espazos para a edificación, a cidade cambia a súa fisionomía; deste xeito, derrúbanse as murallas e ábrense novas rúas, como a que conduce hoxe desde a Oliva á Virxe do Camiño (na actualidade rúa García Camba) ou a que vai desde a rúa do Comercio á Michelena. Igualmente, desenvólvense obras de infraestrutura e saneamento, constrúense escolas e hospitais, créanse espazos de uso público como a alameda do Arquitecto Sesmero, e chega o ferrocarril.
Nas primeiras décadas do século XX, Pontevedra viviu un momento de especial efervescencia cultural e política. Ten especial relevancia a creación da Misión Biolóxica de Galicia e a fundación, en decembro de 1931, do Partido Galeguista, dirixido por Bóveda e Castelao, xermolo do nacionalismo galego actual.
En 1936 ten lugar o Golpe de Estado do 18 de xullo de 1936 do xeneral Francisco Franco, que deu paso á guerra civil, fomentada polos odios e enfrontamentos acumulados durante anos. Tras o seu remate tres anos máis tarde, viu a represión por parte dos triunfadores nacionais.[Cómpre referencia] Así as cousas, numerosas persoas foron asasinadas, fusiladas ou obrigadas a marcharen ao exilio.[Cómpre referencia]
En 1944 anexionouse o concello de Xeve,[50] que abranguía as parroquias de Xeve, Santa María de Xeve e Verducido.
Como consecuencia desta guerra, as dúas primeiras décadas da ditadura franquista foron de enormes dificultades económicas para a maioría da poboación. O cambio produciuse na década dos 60, que se caracteriza por un desenvolvemento sostido que empezou a manifestarse máis claramente a principios dos 70, coincidindo coa morte de Franco en 1975 e coa transición democrática española. Nestes anos produciuse un auxe extraordinario da construción que chega a converterse, ata hoxe, nun dos grandes motores da economía pontevedresa.[Cómpre referencia]
Nos últimos tempos véuselle recoñecendo o seu labor en diversos campos a moitos persoeiros do ámbito galego. Así, no ano 1999, o Concello de Pontevedra rendeu por vez primeira unha homenaxe institucional a Alexandre Bóveda (figura clave na historia contemporánea de Galiza) asasinado o 17 de agosto de 1936, e a outras figuras importantes na historia política de Pontevedra que foron fusiladas o 12 de novembro dese mesmo ano por defender a Galiza, a liberdade e a xustiza social: o comandante Ramiro Paz Carbajal, o mestre Germán Adrio Mañá, o avogado e ex gobernador civil José Adrio Barreiro, os médicos Amancio Caamaño, Luis Poza Pastrana e Telmo Bernárdez, o capitán de asalto Juan Rico González, o profesor de instituto Paulo Novás, o industrial Benigno Rey Pavón e o escritor Víctor Casas.
Desde 1999, a alcaldía é ocupada polo médico Miguel Anxo Fernández Lores, do BNG, que gobernou en solitario entre os anos 1999-2003, en coalición do PSdeG-PSOE entre 2003 e 2015 e, dende aquela, novamente en solitario con 12 concelleiros, a só un da maioría absoluta.
Pontevedra procede do latín pontem veteram 'ponte vella', que fai referencia á primeira ponte que os romanos construíron para cruzar o río Lérez e a Ría de Pontevedra.
A cidade conta con numerosos colexios e institutos públicos e privados (entre eles o IES Valle Inclán, primeiro instituto da provincia de Pontevedra), unha escola de hostalería (Carlos Oroza), un conservatorio profesional público de música chamado Manuel Quiroga e outro privado (Mayeusis) e unha Escola Oficial de Idiomas desde 1987.[51][52]
A Universidade Nacional de Educación a Distancia (UNED) conta cun Centro Asociado en Pontevedra, o máis antigo de Galicia,[53] onde se poden realizar unha gran variedade de carreiras universitarias e de idiomas. O Centro Asociado da UNED de Pontevedra é a sede do Campus Noroeste da UNED en España (que comprende as comunidades autónomas de Galicia, Asturias, Castela e León e Estremadura).[54].
Doutra banda, a cidade alberga o Campus Universitario de Pontevedra (dependente da Universidade de Vigo), onde se atopan, entre outras, as únicas facultades e carreiras universitarias de Galicia de Belas Artes, Publicidade e Relacións Públicas, Dirección e Xestión Pública e Deseño.
En Pontevedra atópase tamén o Centro Galego de Tecnificación Deportiva, centro de formación de deportistas de alto nivel, e a Escola Superior de Conservación e Restauración de Bens Culturais de Galicia.
Pontevedra alberga un dos cinco Centros de Recursos Educativos da ONCE en España, o do noroeste do país.[55] A cidade tamén conta coa única Escola Profesional de Cómic e Ilustración de Galicia (privada), cuxo nome é O Garaxe Hermético.[56]. En Pontevedra atópase tamén a Misión Biolóxica de Galicia, un centro do Consello Superior de Investigacións Científicas situado na parroquia de Salcedo.
Moitos lugares de interese da cidade sitúanse no centro histórico, no recinto que estivo amurallado. Esta zona está peonalizada por completo.
A Alameda é unha ampla zona verde na que se atopa a Cruz aos Caídos e o Monumento aos heroes de Ponte Sampaio; na mesma zona na que se atopa a xa citada Alameda, atópase o Parque das Palmeiras, chamado así polas súas altas palmeiras. No contacto da Alameda co Centro Histórico, na praza de España, edifícanse a Casa do Concello sobre os restos das antigas Casas do Concello de Pontevedra (séculos XV-XVI) e o edificio da Subdelegación do Goberno. Na Gran Vía de Montero Ríos sitúanse os organismos oficiais como o Pazo da Deputación Provincial de Pontevedra, monumentos como as Ruínas de San Domingos, ou edificios como o do Instituto Valle Inclán, a antiga Escola Normal e diante dos Xardíns de Marescot a antiga Maestranza.
Desde aí, pola Avenida de Santa María, chégase á praza Alonso de Fonseca onde se atopa a Basílica de Santa María A Maior, símbolo do apoxeo pontevedrés do século XVI. Moi preto, na rúa Amargura atópase a Casa dos Vaamonde, unha das construcións civís máis antigas da cidade. Baixando pola rúa de Sabela II, no primeiro cruzamento á esquerda, encóntrase o Santuario das Aparicións, antigo colexio das Nais Doroteas e onde viviu Sor Lucía, despois da aparición da Virxe de Fátima.
Pola rúa da Ponte dáse ó pazo que foi a antiga residencia dos Condes de Maceda e que desde 1955 abeira o Parador de Turismo, coñecido como o pazo dos Condes de Maceda ou Casa do Barón. Moi preto, na praza do Peirao, atópase o edificio do Colexio Oficial de Aparelladores e Arquitectos Técnicos de Pontevedra e no final da rúa Real a Casa do Correo Vello. Subindo pola rúa do Barón chégase ata a praza das Cinco Rúas onde, diante da casa que habitou Valle-Inclán, pódese ver un cruceiro do século XVIII con figuras de Adán e Eva.
Pola rúa da Princesa chégase á praza do Teucro, enmarcada polos pazos señoriais de Gago e Montenegro e do Marqués de Aranda dos séculos XVII e XVIII e nos que se atopan bos exemplos da riqueza heráldica de Pontevedra. Nas proximidades desta praza, bautizada co nome do mítico fundador da cidade, sitúase a Capela do Nazareno, o Teatro Principal, o Liceo Casino e a Casa das Campás, a construción civil máis antiga da cidade.
Seguindo pola rúa de Manuel Quiroga chégase á praza de Curros Enríquez co monumento ao insigne galeguista Alexandre Bóveda e co Casino Mercantil e Industrial, unha sociedade deportiva, social e cultural. Detrás da praza atópase a Capela das Ánimas. A escasos metros está outra das prazas históricas da cidade, a praza de Méndez Núñez. Baixo un gran magnolio, plantado pola irmá do navegante, encóntrase unha escultura de Valle-Inclán.
Baixando cara ao mercado de Abastos de Pontevedra, no primeiro desvío á dereita, atópase a praza da Pedreira, onde se levanta o Pazo de Mugartegui. Subindo pola rúa dos Arcos, atópase a igrexa de San Bartolomeu, unha das creacións máis destacadas do barroco galego e o antigo colexio barroco da Compañía de Xesús.
Continuando pola rúa Sarmiento cara ao leste, dáse con outros dous lugares de gran tradición histórica: a praza da Leña e a praza da Verdura, que fan referencia aos produtos que alí se vendían.
Na praza da Leña están tres dos edificios do Museo de Pontevedra, un dos mellores de Galicia pola súa gran riqueza e diversidade. Entre eles destacan os pazos barrocos de García Flórez e de Castro Monteagudo. No seu interior pódense atopar pezas e documentos que van desde a prehistoria ata o presente.
Subindo pola rúa San Romano chégase á praza da Ferrería que recibe o nome das antigas forxas existentes nos seus soportais. É digna de visitar a igrexa de San Francisco, unha edificación do século XIII que destaca polas súas bóvedas de cruzaría e polas súas vidradas cristaleiras e a fonte da Ferrería nos xardíns de Casto Sampedro. Na praza da Estrela, adxacente á praza da Ferrería, atópase a casa das Caras, de orixe renacentista.
Subindo pola praza de Ourense, na praza da Peregrina, está a Igrexa da Virxe Peregrina, levantada á beira do camiño portugués a Santiago sobre unha planta inspirada nunha cuncha de vieira, símbolo dos peregrinos.
No ensanche da cidade atópanse distintas mostras da arquitectura modernista como a Casa de Correos e Telégrafos, o Café Moderno (na praza de San Xosé), o edificio Gran Garaje, o instituto Valle-Inclán, Villa Pilar (na rúa Marqués de Riestra), o pazo de Lourizán (nos arredores), ou na cidade vella a antiga casa da Confraría da Peregrina na praza da Peregrina e os edificios centrais do lado oeste da Praza da Ferrería. Outros edificios senlleiros se atopan nas rúas que seguen o trazado da antiga muralla como a Mansión do Marqués de Riestra ou o antigo Edificio do Banco de España na rúa Michelena e preto das antigas murallas, no ensanche ou nas antigas Moureiras outros como o Convento de Santa Clara, a Casa dos Fonseca, a capela de San Roque, a praza de touros, o edificio da Caixa de Aforros Provincial de Pontevedra, o edificio da delegación de Defensa e o Hospital Provincial de Pontevedra.
Cruzando unha das pontes do río Lérez chégase á parroquia do Burgo. Preto do Campus Universitario de Pontevedra atópase a Illa das Esculturas, un parque de 70.000 m² con mostras de arte contemporánea.
Na cidade tamén se atopan mostras da arquitectura moderna e contemporánea como o Edificio Castelao do Museo de Pontevedra, o Edificio Central da Xunta de Galicia en Pontevedra de Manuel Gallego Jorreto na cidade administrativa de Campolongo, o Pavillón Municipal dos Deportes de Alejandro de la Sota, o pazo de congresos e exposicións e auditorio e o Recinto Feiral de Pontevedra, ambos de Manuel de las Casas ou a Cidade da Xustiza da Parda.
Nos arredores da cidade atópanse o mosteiro barroco de Lérez, a igrexa neogótica da Nosa Señora dos Praceres e o pazo de Lourizán. Na parroquia de Ponte Sampaio atópase a ponte de Ponte Sampaio.
Distintas esculturas e grupos escultóricos están distribuídos pola cidade, especialmente no casco antigo e o ensanche. Entre eles destacan os monumentos conmemorativos dedicados a personaxes de relevancia na historia da cidade como o monumento aos heroes de Ponte Sampaio, o monumento á tertulia, Valle-Inclán, Castelao, Teucro, Cristóbal Colón, o monumento aos caídos ou personaxes populares como o Papagaio Ravachol, o Fiel contraste ou a muller con galiñas; outros dedicadas ao carácter marítimo da cidade como o monumento aos navegantes, a dorna homenaxe ao camiño de Santiago ou a muller do emigrante e outras máis puramente artísticas.
Pontevedra, cuxo propio nome deriva de ponte, é por excelencia a cidade das pontes en Galicia. O río Lérez e a ría de Pontevedra están atravesado por nove pontes de distintas épocas (desde a Idade Media á actualidade) no tramo urbano desde o barrio de Monte Porreiro ata o barrio de Mollavao: a ponte da Palabra, a ponte antiga do ferrocarril preto da praia do Lérez, a pasarela peonil da illa das Esculturas, a ponte dos Tirantes, a ponte de Santiago, a ponte do Burgo, a ponte das Correntes, a ponte da Barca e a ponte da Ría (parte da AP-9).
Os edificios da rúa Pasantería albergan arte e arqueoloxía, onde se atopa a recreación do despacho do almirante Méndez Núñez. As ruínas do convento de San Domingos, na Gran Vía de Montero Ríos, albergaban todos os brasóns nobiliarios rescatados por Casto Sampedro e outras pezas, entre elas un miliario atopado a carón da ponte do Burgo.
Como proposta de cultura alternativa, dende 2011 a cidade conta co Liceo Mutante, unha asociación autoxestionada.
Nas asociacións de veciños tamén hai exposicións temporais de cando en vez, pero menos importantes.
Pontevedra, como as demais cidades galegas, ten xardíns e parques moi espallados pola cidade. En total, estes parques teñen unha extensión de 190 000 m², é dicir, 2,32 m²/habitante; na cidade, a diferenza doutras galegas, atópanse moitos pequenos parques que en certa maneira incrementarían estas cifras:
Arredor da cidade, existen eucaliptais na súa maioría. Tamén hai piñeirais, soutos e carballeiras. Unha parte da superficie forestal foi destruída nos incendios de 2006, aínda que foi repoboada con especies autóctonas grazas ao plan Monte Vivo aprobado en 2008, e que tiña como obxectivo repoboar 12 parroquias do concello a razón de catro árbores por cada pontevedrés.
Nos parques da cidade abundan palmeiras (sobre todo no parque homónimo), camelias (ornamentan amplos espazos verdes e unha parte das rúas da cidade. Tamén hai plátanos na zona da Alameda e en avenidas como Bos Aires ou María Victoria Moreno.
En canto a pequenos arbustos e plantas herbáceas, o parque natural das marismas de Alba é un importante ecosistema.
Na cidade abundan gaivotas e pombas. Nos parques hai unha cantidade algo relevante de merlos e estorniños. Os patos son importantes no río dos Gafos.
Nos bosques do arredor da cidade, abunda a fauna típica do bosque litoral galego. Nas Marismas de Alba hai anfibios, entre outros.
Á parte da ría e das fragas, as Marismas de Alba é un dos núcleos máis prezados. Comezan na cidade (barrio do Burgo) e alóngase ata a parroquia de Alba que na Idade Media tiña un porto pesqueiro.
Anfibios, aves e plantas de marisma conviven nesta feble contorna que se viu mellorada recentemente coa intervención das institucións.
O día 20 de xaneiro celébrase a festividade de San Sebastián, patrón da cidade, e o día 18 de decembro, a da Virxe do O, a patroa.
Porén, as festas de máis sona son as da Virxe Peregrina (patroa da provincia), celebradas entre o segundo sábado e o terceiro domingo de agosto. O segundo domingo de agosto é o día da Peregrina, cando se celebra unha procesión que remata coa actuación do grupo de danzas Duos Pontes co seu famoso e tradicional baile de cintas, soltando unha pomba ó final do mesmo.
Tamén teñen repercusión as festas do Santiaguiño (25 de xullo, patrón da parroquia do Burgo), a romaría de San Benitiño de Lérez (11 de xullo, patrón da parroquia de Lérez), o Entroido pontevedrés e a Feira Franca (primeiro sábado de setembro).
Pontevedra está irmandada coas seguintes poboacións[61]:
Desde a Idade Media, a vila de Pontevedra foi lugar de asentamento de actividades comerciais e artesanais, que se agrupaban en gremios ou confrarías de traballadores nun mesmo oficio. Hoxe moitas rúas levan, precisamente, o nome destes. Coa capitalidade provincial, creada en 1833, Pontevedra tornouse unha cidade administrativa e comercial.
Ao campo só se dedica o 5 % da poboación. Está limitado ás parroquias rurais.
Comezouse a instalar en Pontevedra só desde a década de 1960, e hoxe ocupa ao 17% dos pontevedreses; con empresas como ENCE ou as desaparecidas Tafisa ou Elnosa. Debido á imposibilidade de utilizar o porto propio por falta de calado suficiente, úsase o de Marín.
Existen varios polígonos industriais nos arredores da cidade, aínda que no concello o principal é o polígono industrial do Campiño. Existen outros como o sito en Campañó, que comparte co veciño Poio; o situado en Barro-Meis; o polígono industrial de Xeve, o sito na estrada de Vigo que engloba un gran número de concesionarios e talleres etc.
Outras empresas importantes localizadas en Pontevedra son Construcciones José Malvar e Constructora San José.
Hoxe en día, o sector terciario, ocupa o 65 % da poboación. O pequeno comercio é a base deste sector, aínda que tamén cadeas nacionais e internacionais de roupa teñen tendas na cidade; sobre todo na rúa Benito Corbal, eixo comercial da cidade xunto a outras rúas como Michelena, Peregrina, Oliva, Sagasta ou Castelao.
A zona vella da vila de Pontevedra e boa parte do Ensanche está peonalizado, polo que nesa zona o transporte de motor está restrinxido a residentes e servizos. No 2010, Pontevedra foi a primeira capital de provincia de España en reducir a 30 quilómetros por hora a velocidade máxima na zona urbana. A cidade converteuse nos últimos anos en referente das reformas urbanas das cidades no mundo. Pontevedra propón un novo modelo que consiste en dar prioridade ás persoas, máis espazo público, accesibilidade universal, tráfico só de necesidade, seguridade viaria, menos fumes, menos ruídos... é a cidade dos nenos e as nenas coa que o pedagogo italiano Francesco Tonucci soñaba no seu libro A cidade dos nenos[62]. Pontevedra foi cualificada en 2018 polo xornal británico The Guardian como un paraiso entre as cidades españolas.[63][64][65][66][67].
O seu alcalde recolleu premios por este fito en moitos lugares, destacando entre eles Dubai[68] (premio ONU Hábitat 2014), Nova York[69] (Center for Active Design da Fundación Bloomberg no 2015) ou Mobilidade intelixente[70] (Shenzhen, 2016), entre outros. Así mesmo, a axenda do grupo de goberno está pragada de visitas a unha ampla diversidade de lugares do mundo para expoñer o seu multipremiado modelo urbano, chegando a participar no Cumio do clima de París[71] (2015), en Mextrópoli [72](Cidade de México, 2018) en xuntanzas da OCDE[73] en Atenas (2019).
A cidade de Pontevedra está ben comunicada co exterior mediante unha completa rede de infraestruturas que a conectan cos principais núcleos urbanos galegos, peninsulares e incluso internacionais.
A autoestrada do Atlántico (AP-9), que atravesa todo o territorio da Comunidade Autónoma galega desde Ferrol ata Tui, pasa pola cidade.
Outras importantes vías de comunicación para esta urbe son a autovía das Rías Baixas e a do Noroeste. A primeira enlaza no Porriño coa autoestrada do norte de Portugal que pasa polas cidades de Tui, Braga, Porto, ata enlazar con Lisboa. Por outra banda, a autovía do Noroeste conéctaa coa cidade de Madrid e co resto da meseta.
Ademais destas tres vías, a rede estatal de estradas comunica Pontevedra coa súa comarca, así coma con todas as capitais de Galiza. A N-550 que une A Coruña con Tui; a N-541, que é a principal vía cara ao interior pasando por Ourense; a PO-546 vai cara a Marín; a PO-308 e o corredor CG-4.8 vai cara ao Salnés, a PO-531 con dirección a Vilagarcía de Arousa e a PO-532 cara a Ponte Caldelas.
A estación de Pontevedra está na liña G-1 A Coruña-Vigo, e serve de enlace ferroviario co porto de Marín.
Tamén ten o servizo de longa distancia co Talgo/Altaria a Madrid-Chamartín e a Alacant-Terminal.
Ademais da devandita estación, existe un apeadoiro preto do campus universitario chamado apeadoiro de Pontevedra-Universidade.
A estación de autobuses de Pontevedra conecta a cidade con multitude de destinos autonómicos, nacionais e internacionais. O servizo interurbano de autobús que comunica con Marín, xestionado pola empresa Monbus, segue a ser coñecido popularmente como "trole", polo trolebús que antigamente facía ese percorrido.
Hai varios equipos de sona na cidade:
O Estadio Municipal de Pasarón é o fogar do Pontevedra CF. Ao seu carón, o Pavillón Municipal dos Deportes é sede de partidos de todo tipo, entre eles os do Teucro. A cidade deportiva da Xunqueira alberga varios campos de fútbol. Pontevedra é tamén a sede do Centro Galego de Tecnificación Deportiva, sito no estadio da Xuventude, que posúe piscinas e pistas de atletismo. Á beira do Lérez está o Porto Deportivo de Pontevedra, e na presa do Pontillón do Castro está o centro deportivo que en 2007 acolleu o campionato europeo de piragüismo en augas tranquilas.
O alcalde da cidade é o médico Miguel Anxo Fernández Lores, do Bloque Nacionalista Galego. Os partidos políticos máis relevantes no ámbito local, ademais do BNG, son o PPdeG, cuxo portavoz no pleno é Miguel Domínguez, o PSdeG con Iván Puentes.
O concello de Pontevedra estrutúrase en diferentes concellerías: de cultura e normalización lingüística, de servizos municipais: deportes, mocidade, transportes e iluminación pública; de medio ambiente; de benestar social e participación cidadá, de promoción económica, turismo e comercio e policía local; e de obras. O concello celebra plenos ordinarios cada mes, aínda que frecuentemente se celebran plenos extraordinarios, co fin de debater temas e problemas que afectan o concello.
A corporación municipal ten 25 membros. Deles, 9 forman o equipo de goberno (9 concellarías do BNG) e os outros son 11 do PPdeG e 5 do PSdeG.[74]
No 2020 recibiu o premio da Unión Europea de mobilidade sostible.[75]
Para unha lista completa de todos os lugares do concello de Pontevedra vexa: Lugares de Pontevedra.
Santiago reza, Pontevedra dorme, Vigo traballa i-a Coruña devírtese