Type a search term to find related articles by LIMS subject matter experts gathered from the most trusted and dynamic collaboration tools in the laboratory informatics industry.
Fondo Monetario Internacional | |
---|---|
Acrónimo | FMI, FMI, FMI, FMI, FMI, FMI, FMI, FMI, IMF, IMA, IMF, IWF, FMI, IMF, NDF, MMF, FME, MMF, ΔΝΤ, HPF, ХПФ, AGS, IMF, FMI, DMI, SVF, IGF, MFW, FMI, MMF, MDS, FMN, XVF, FMI, XVJ, ХВЖ, MMF, ММФ, MMF, СБП, ไอเอ็มเอฟ, FMI, ԱՄՀ, CAI, TVF, МВФ, МВФ, ХВФ, YMF, ЭВФ, ОУВС, МВФ, MMF, МВФ, FMI, 아이엠에프, ХААФ, სსფ, IMF, ММФ, ХВФ, RVF, IMF e FMI |
Tipo | institución financeira internacional e axencia da ONU |
Data de fundación | xullo de 1944 e 1945 |
Director/a | Kristalina Gueorguieva, Christine Lagarde, Dominique Strauss-Kahn, Rodrigo Rato, Horst Köhler, Michel Camdessus, Jacques de Larosière, Johan Witteveen, Pierre-Paul Schweitzer, Per Jacobsson, Ivar Rooth e Camille Gutt |
Nº de empregados | 2.908 (2022) |
Organización matriz | ONU |
Sede | Washington, D.C. |
País | Estados Unidos de América |
38°53′56″N 77°02′39″O / 38.899005555556, -77.044225 | |
Na rede | |
https://www.imf.org/ | |
[ editar datos en Wikidata ] |
O Fondo Monetario Internacional (en inglés: International Monetary Fund, que acostuma abreviarse como FMI en galego e como IMF en inglés) é, xunto co Banco Mundial, unha das organizacións internacionais denominadas de Bretton Woods, así ditas pola sede da Conferencia que sancionou a súa creación. O Acordo Constitutivo adquiriu eficacia en 1945 e ambas organizacións naceron en maio de 1946. Actualmente os Estados membros son 184. O FMI configúrase como unha institución especializada das Nacións Unidas. A súa sede radica en Washington (Estados Unidos de América). En 2010, durante a 14ª revisión xeral de cotas os fondos financeiros dispoñibles do FMI situábanse en 755 700 millóns de U.S. dólares.[1]
A condicións esixidas polo FMI para a concesión de empréstimos suscitaron unha serie de críticas nos últimos anos. O Fondo Monetario Internacional é, de feito, un dos piares da globalización económica e dos promotores do denominado Consenso de Washington. As principais críticas céntranse no papel dominante que teñen os países desenvolvidos dentro do organismo, o que causa que o FMI oriente as súas políticas globais ó fomento do capitalismo neoliberal,[2] por mor de impor ós países en vías de desenvolvemento -e máis recentemente a algúns países europeos- os seus programas económicos. Os seus préstamos son realizados a cambio do cumprimento destes programas baseados no Consenso de Washington -redución do déficit e do gasto público-, as políticas monetaristas e o neoliberalismo,[3] o que segundo os seus críticos provocou un aumento da fenda entre ricos e pobres e un empeoramento dos servizos públicos, como a sanidade.[4] Tamén está acusada de apoiar e financiar ás ditaduras militares en Latinoamérica e África,[5] e tamén se criticaron puntualmente as súas políticas sobre medio ambiente e alimentación.[6][7]
O FMI foi creado en xullo de 1944 durante a conferencia de acordos de Bretton Woods a fin de garantir a estabilidade do Sistema Monetario Internacional despois da segunda guerra mundial. Comezou a existir oficialmente o 27 de decembro de 1945, cando os primeiros 29 países ratificaron o convenio correspondente.[8] Entre os seus obxectivos estaba impedir que as grandes potencias económicas caesen de novo na situación dos anos 30, durante un período onde as desvalorizacións da moeda e as decisións sobre políticas económicas crearan enormes tensións internacionais.
A nova orde económica que propuña o representante estadounidense e, segundo se soubo máis tarde, comunista e espía da Unión Soviética,[9]Harry Dexter White, baseábase en tres regras:
Por tanto, o papel do sistema monetario internacional é promover a ortodoxia monetaria para que se manteña un contexto favorable ao desenvolvemento do comercio mundial, tras conceder préstamos a algúns países en dificultades no contexto da reconstrución despois da segunda guerra mundial. Segundo os seus estatutos, os seus obxectivos son «fomentar a cooperación monetaria internacional; facilitar a expansión e o crecemento equilibrado do comercio internacional; fomentar a estabilidade cambiaria; contribuír a establecer un sistema multilateral de pagos para as transaccións correntes entre os países membros e eliminar as restricións cambiarias que dificulten a expansión do comercio mundial; dar confianza aos países membros poñendo á súa disposición temporalmente e coas garantías adecuadas os recursos do Fondo, dándolles así oportunidade de que corrixan os desequilibrios das súas balanzas de pagos sen recorrer a medidas prexudiciais para a prosperidade nacional ou internacional, para acurtar a duración e minorar o desequilibrio das súas balanzas de pagos».[10]
O FMI é máis ou menos, complementario doutras grandes institucións económicas da época como o Banco Mundial, o BIRD (Banco Internacional de Reconstrución e Desenvolvemento), creados ao mesmo tempo, e o Acordo Xeral sobre Aranceis GATT asinado pouco tempo despois.
Durante as negociacións de Bretton Woods, o representante británico, o economista John Maynard Keynes, suxeriu a creación dunha institución máis importante, unha verdadeira Banca Central Mundial que emitise unha moeda internacional, o "Bancor". Esta proposición foi rexeitada porque significaría para os Estados Unidos, unha perda da súa influencia co dólar.[11]
Os órganos principais do FMI son o Consello de Gobernadores (Board of Governors) de composición plenaria; o Consello Executivo ), composto de 24 Directores Executivos (Executive Directors) e o Director Operativo (Managing Director). O Consello de Gobernadores reúnese, por norma, unha vez ao ano e as súas funcións son en boa medida delegadas ao Consello Executivo, que é permanente.
Dos membros do Consello Executivo 5 son permanentes e pertencen aos 5 Estados que contribúen coa maior cota ao Fondo (Estados Unidos, Xapón, Alemaña, Francia e o Reino Unido), entanto os outros son elixidos polo Consello dos Gobernadores a partir dun sistema de reagrupamentos de países (non necesariamente sobre base rexional).
O Director Operativo é elixido polo Consello Executivo e presídeo.
O FMI dispón dun capital posto a disposición dos seus membros e o voto dentro dos seus órganos é ponderado, en razón da cota devengada ao Fondo. Isto fai que, para tomar as decisións máis importantes, son precisas maiorías moi altas (os 2/3 ou os 3/4 dos votos); os Estados Unidos de América e o grupo dos principais países da Unión Europea posúen de feito o poder de veto.
Hai certa confusión entre o FMI e o Banco Mundial. O FMI está encargado dos balances comerciais dos Estados membros con auditoría independente, ademais das funcións sinaladas arriba. O Banco Mundial, fai empréstimos a longo prazo, con propósitos xerais; como banco de investimento é un intermediario entre os solicitantes (gobernos ou países) e os prestatarios (corporacións ou individuos). O FMI só realiza empréstimos cando os seus países membros necesitan estabilizar as súas economías ou as taxas de cambio con certa rapidez, e estes empréstimos han ser pagados nun prazo de 5 anos.
Non é unha regra oficial, mais os directores administrativos do FMI acostuman ser europeos, e o presidente do Banco Mundial, norteamericano.
No cume do G20 de 2009, o Fondo Monetario Internacional cuadriplicaba a súa capacidade financeira a mil millóns de dólares. Ademais encargóuselle supervisar se os países estimulaban suficientemente as súas economías e se estaban a reformar os seus sistemas regulatorios, ademais de alertar sobre os problemas financeiros.[12] Preto de 500.000 millóns de dólares serían destinados a rescatar as economías en problemas[13] e o organismo dispón dunha liña de crédito que non esixe ós debedores levar a cabo reformas económicas impopulares,[13] como a redución do gasto fiscal, aínda que só algúns países poden optar a este tipo de crédito.[13] Para os outros países, o fondo obrigará a que se reduzan os gastos fiscais ou se eleven as taxas de interese aínda que tratará de protexer os programas para os máis pobres.[13]
En marzo de 2008 as accións con dereito a voto dos países en desenvolvemento ó Fondo Monetario Internacional crecerían en 5,4 puntos porcentuais. Para Brasil, isto significa un 1,7%. A participación da China é de 3,8%. Estes aumentos marxinais aínda non se fixeron efectivos.[14] Durante a reunión do Fondo Monetario Internacional en abril, os países encargáronlle a misión de combater a recesión global e impedir que se producisen novas recesións.[13] Por iso último, levouse a cabo unha proba do sistema de advertencia temperá, dando advertencias e ditando políticas ós países de maneira privada.[13]
Con todo, as súas políticas (especialmente, as condicións que impón ós países en vías de desenvolvemento para o pago da súa débeda ou en outorgar novos préstamos) foron severamente cuestionadas como causantes de regresións na distribución das rendas e prexuízos ás políticas sociais. Algunhas das críticas máis intensas partiron de Joseph Stiglitz, economista xefe do Banco Mundial de 1997 a 2000 e Premio Nobel de Economía 2001.[16]
Algunhas das políticas criticadas son:
Estes puntos foron centrais nas negociacións do FMI en Latinoamérica como condicionantes ó acceso dos países da rexión ó crédito, nos anos oitenta. Arguméntase que provocaron unha desaceleración da industrialización, ou desindustrialización na maioría dos casos. As recesións en varios países latinoamericanos a finais dos anos noventa e crises financeiras como a da Arxentina a finais de 2001, son presentadas como exemplos do fracaso das "receitas" do Fondo Monetario Internacional, por canto eses países determinaron a súa política económica sobre a base de recomendacións do organismo.
Un equipo de funcionarios do FMI reúnese, xeralmente tódolos anos, con autoridades do goberno e do banco central (sindicatos, asociacións de empresarios, catedráticos, órganos lexislativos e operadores financeiros) de cada un dos países membros a fin de examinar a evolución e a política económica do país. Para realizar a supervisión dos países, un equipo do FMI visita o país, obteñen información económica e financeira e analiza coas autoridades nacionais o acontecido recentemente no plano económico e as políticas monetaria e fiscal, así como as medidas estruturais. Normalmente, os funcionarios preparan unha declaración final que resume o discutido co país membro deixándoo en mans das autoridades quen teñen a opción de publicalo. No plano global, o Directorio Executivo parte en gran medida dos informes elaborados polos funcionarios técnicos sobre as perspectivas da economía mundial e os mercados financeiros. Con todo, un informe independente elaborado por un equipo da Oficina de Avaliación Independente do FMI '(OIE) para o período (2004-2007), que precedeu á crise económica de 2008 sinalou a incapacidade do FMI de prever a crise durante estes anos.[17] O informe sinala que durante este período "a mensaxe repetida constantemente era o dun optimismo permanente" e o FMI compartía a idea estendida de que "unha crise grave dos principais países industrializados era pouco probable". Ata os primeiros momentos da crise e mesmo en abril de 2007, "a mensaxe do FMI ... presentaba unha contorna económica internacional favorable". O FMI prestara pouca atención á deterioración dos balances dos sectores financeiros, os posibles vínculos entre a política monetaria e os desequilibrios mundiais e a expansión do crédito. O FMI non vira os principais compoñentes subxacentes da crise en xestación. O presidente ruso Vladímir Putin tamén destacou este problema, pedindo unha reforma do FMI para que sexa máis rápido na toma de decisións efectivas nunha contorna financeira moi cambiante rapidamente.[18]
Nos Estados Unidos, o FMI non analizou a degradación das regras para a concesión de hipotecas, nin o risco desta situación para as institucións financeiras e "mantívose optimista sobre a propensión á titulización para diluír os riscos". En febreiro de 2006, o "Programa de Avaliación do Sector Financeiro" (PESF) que trataba sobre o Reino Unido afirmaba que "as carteiras de préstamos hipotecarios dos bancos non parecen representar unha fonte importante de vulnerabilidade directa". En canto a Islandia, onde o crecemento do sector bancario aumentou do 100 % ao 1 000 % do PIB en 2003, a supervisión do FMI "fallou notoriamente ao non sinalar os perigos dun sistema bancario sobredimensionado". En 2007, os informes do FMI afirmaban que "as perspectivas a medio prazo de Islandia seguen sendo envexables". O FMI saudaba as "innovacións financeiras" e recomendaba a outros países avanzados o uso dos mesmos métodos que os Estados Unidos e o Reino Unido. Neste contexto, o FMI criticaba en 2006 a Alemaña e ao Canadá. Para este último país, declaraba que "as tímidas estratexias" do sistema bancario do Canadá ofrecían rendementos dos activos moito máis baixos que nos Estados Unidos". Os consellos do FMI a estes países centrábanse especificamente en contra das "barreiras estruturais, algunhas das cales axudaron a protexer a estes países dos factores que desencadearon a crise".[19]
Se o informe de primavera do 2008 "sobre a estabilidade financeira no mundo" (GFSR), informaba de que as principais institucións financeiras poderían ter problemas de solvencia no verán de 2008, o FMI "afirmaba con énfase que a crise estaba baixo control". En maio de 2008, en Bruxelas, Dominique Strauss-Kahn dixo sobre o sector financeiro que "as peores noticias deixámolas atrás".[20]
O informe da OIE explica a incapacidade do FMI para identificar os riscos e dar avisos mediante varios factores:
Os críticos do FMI pensan que as condicións negociadas co FMI, unha entidade internacional, en forma de plans de axuste estrutural limitan a soberanía das economías das nacións axudadas ao dirixir certos aspectos da política do Estado en cuestión.
Critican tamén o impacto destes plans sobre a economía. Desde o seu punto de vista, a redución de salarios diminúe o poder adquisitivo nominal, e a privatización das empresas públicas reduce a capacidade de intervención do Estado. Ademais, o aumento das importacións adoita pór en dificultades as economías locais dos sistemas de produción tradicionais.
A supresión de programas de saúde pública resulta tamén nun aumento de enfermidades como as infeccións por sida ou a tuberculose, o que resultou en maior número de mortos, e tamén aumentos dos custos da sanidade para facer fronte a estes novos enfermos e empeoramento da economía por estes custos adicionais, perda de man de obra e baixas laborais.
O 18 de novembro de 2008, o director do FMI, Dominique Strauss-Kahn, resume a súa reunión con Muamar al-Qadafi: "os encontros que mantivemos son mostra do noso punto de vista común sobre as realizacións de Libia e sobre os principais desafíos aos que se enfronta. As reformas ambiciosas dos últimos anos produciron un forte crecemento […]. O reto principal é manter o ritmo das reformas en curso con vistas a reducir o tamaño do Estado".[21]
Esta análise económica confirmouse seis días despois do comezo das revoltas en Bengasi que significaron o comezo da Guerra de Libia o 15 de febreiro de 2011. Un informe do FMI encomiaba a boa xestión económica de Libia do coronel Qadafi, animábao a "continuar mellorando a economía", mencionando o seu "ambicioso programa de reformas".[22]