Infrastructure tools to support an effective radiation oncology learning health system

Editar as ligazóns

Xeografía
Mapa da Terra.
Orixe do nomeγεογραπηία, grego
OrixeGrecia Grecia, séc. III a.C., Eratóstenes
Influenciasquímica, xeoloxía, matemática, historia, física, astronomía, antropoloxía, ecoloxía, positivismo lóxico
Influenciadosmatemática, astronomía, política, economía, arquitectura, urbanismo, turismo, socioloxía, marxismo, dereitoetc.
Principais nomesHeródoto, Estrabón, Pitágoras, Aristóteles, Eratóstenes de Cirene, Tolomeo, Al-Idrisi, Ibn Battuta, Ibn Khaldún, Abraham Ortelius, Bernhardus Varenius, Gerardus Mercator, James Cook, Alexander von Humboldt, Immanuel Kant, Carl Ritter, Ferdinand von Richthofen, Piotr Kropotkin, Eliseé Reclus, Friedrich Ratzel, Paul Vidal de la Blache, Emmanuel DeMartone, Pierre George, William Morris Davis, Milton Santos, Aziz Ab'Saber, Jurandyr Ross, José William Vesentini, David Harvey, Alfred Hettner, Ruy Moreira, entre outros
Definiciónestuda o conxunto de fenómenos naturais e humanos que constitúen aspectos da superficie da Terra, considerada na súa distribución e relacións recíprocas.
Coñecida porutilizar mapas para localización, viaxes e estudos de lugares.
Pretendeestabelecer relación de espazo entre o home e a natureza
DivisiónsXeografía física, Xeografía humana, Xeografía econômica
Ramificaciónsclimatoloxía, xeomorfoloxía, bioxeografía, hidroloxía, edafoloxía, xeografía matemática, oceanografía, meteoroloxía, xeografía da poboación, antropoxeografía, xeografía económica, xeografía social, xeografía urbana, xeografía política, xeografía histórica

A xeografía (provén do latín geographĭa e este dende o grego «γεωγραφία» xeografía 'descrición da terra'[1], composto de "η γη" (hê gê) a Terra e "γραφειν" [graphein] describir, debuxar) é a ciencia que ten por obxectivo o estudo e a representación gráfica da superficie terrestre así como a distribución espacial de fenómenos significativos na paisaxe.[2][3] Tamén estuda a relación recíproca entre a superficie terrestre e a Lúa e o Sol (xeografía matemática), e entre os humanos e o ambiente (xeografía humana). Un dos temas centrais da xeografía é a relación home-natureza. A natureza enténdese aquí como as forzas que xeraron ou contribúen a moldear o espazo xeográfico, é dicir, a dinámica e interaccións que existen entre a atmosfera, litosfera, hidrosfera e biosfera.

O primeiro autor en utilizar a palabra Xeografía foi Eratóstenes (276-194 a. C.) nunha obra hoxe en día perdida. Con todo, a fundación da xeografía atribúeselle ao tamén considerado pai da Historia, Heródoto (484-425 a. C.). Para os gregos é a descrición racional da Terra, e particularmente para Estrabón, é o estudo das distintas rexións humanas como base para a formación do político.

Existen catro tradicións históricas na investigación xeográfica, as cales son: a análise espacial de fenómenos naturais e humanos, os estudos do territorio (do lugar á rexión), o estudo da relación entre o home e a súa contorna, e a investigación das ciencias da Terra.[4]

A Xeografía moderna é unha disciplina cuxo obxectivo primordial é a explicación de toda unha serie de fenómenos naturais e sociais e non se refire só á localización deses fenómenos, senón que tamén estuda como son e como cambiaron para chegar a ser o que son. A Xeografía divídese en dúas ramas principais, a saber, xeografía xeral e xeografía rexional.

Isto quere dicir que a xeografía é unha ciencia que se cuestiona simultaneamente polas pegadas deixadas polas sociedades (desenvolvemento dos espazos) ou a natureza (oroxénese das montañas, impacto do clima, etc.); así mesmo, a dinámica e organización espacial das sociedades e á súa vez as do medio físico (como o cambio climático ou o aumento do nivel medio do mar). É por iso que a Xeografía interésase nos fundamentos (físicos e humanos) así como nas dinámicas (demográficas, socio-económicas, culturais, climáticas, bioxeográficas, xeomorfolóxicas) que teñen lugar nas distintas rexións. Doutra banda esta disciplina comezou a integrar aos poucos diversos campos culturais, como a pintura paisaxista, a literatura descritiva e inclusive o cine.

Concepto

Nun sentido clásico a xeografía é a descrición da Terra, pero hoxe en día, ademais de describila, a xeografía trata de explicala. Considérase á xeografía como unha ciencia que aglutina a todas as demais ciencias, tanto naturais como sociais, desde a historia ata as matemáticas, xa que os obxectos de estudo da xeografía son moitos e moi variados. Con todo, a perspectiva da Xeografía é diferente; estuda os modos de organización do espazo terrestre, a distribución dos elementos que compoñen, entre outros, a paisaxe, as súas formas e as súas poboacións. Ademais, establece unha dialéctica entre a explicación e a descrición da paisaxe; e entre o método inductivo e o deductivo. Para iso estes elementos deben ser elixidos, seleccionados, ordenados, xulgados e presentados. A análise leva ao xeógrafo comprender os modos de organización no espazo.

Definición

Etimoloxía

A orixe etimolóxica do nome "xeografía" é derivado do vocábulo grego geographia (γεογραπηία), que significa "descrición da Terra" e "carta xeográfica".[5] O termo está composto polos radicais gregos geo = "terra", + graphein = "describir". O nome da disciplina é representado no latín como Geographia.[5] Esta é a fonte do eruditismo en cinco linguas europeas: en lingua portuguesa e italiana, geografia (século XVI);[6][7] en lingua española, Geografía, (1615);[8][9] en lingua francesa, geographie (cara ao 1500);[8] en lingua inglesa, geography (século XVI).[10] A palabra inglesa geography é unha palabra prestada do vocábulo francés e alemán Geographie (século XVI).[8] O vocábulo alemán Erdkunde deriva de dúas palabras: Erde = "terra", + Kunde = "coñecemento".[8] Esta palabra foi rexistrada polo especialista en lingüística alemán Johann Christian Adelung (1732 - 1806), en 1774.[8] Erdkunde é traducido do vocábulo francés e alemán Geographie .[8]

Pais da xeografía

Precisións

Os xeógrafos abordan o estudo xeral do medio e as sociedades que o habitan desde diversas tradicións, estas son:

  • Os xeógrafos próximos á tradición física estudan varios aspectos do medio físico (relevo, clima, vexetaciónetc.).
  • Os máis próximos á tradición propia da coroloxía estudan sistemas territoriais, xa sexan estes espazos naturais (sistemas naturais/rexións naturais) ou sociais (rexións humanas/espazos sociais).
  • Os próximos á tradición ecolóxica estudan as interaccións entre os grupos humanos e o medio físico (e tamén o medio humanizado).
  • Os que se decantan máis ben pola tradición paisaxística, concéntranse no estudo de paisaxes naturais e paisaxes culturais ou humanos.
  • Os xeógrafos partidarios da tradición espacial estudan a localización e distribución de fenómenos naturais e culturais.
  • Os xeógrafos máis próximos á tradición social estudan ás sociedades e os medios que estas habitan.

De todas estas tradicións, dúas delas foron as principais en todo o século XX, a tradición corolóxica ou rexional e a ecolóxica. Ademais, todas estas tradicións non foron compartimentos estancos, xa que moitos xeógrafos e escolas combináronas e combínanas de formas diversas.

Principios da xeografía

  • De localización-extensión: consiste en situar o feito xeográfico; ademais permite identificar o fenómeno xeográfico. Foi sustentado por Friedrich Ratzel.
  • Da descrición-conexión: permite descifrar e indagar achega do feito xeográfico, analizando a súa causalidade. Foi sustentado polo xeógrafo francés Vidal de la Blache.
  • Da comparación-analoxías: É a través da comparación científica que a xeografía chega a xeneralizar e a universalizar. Foi estudado por Carl Ritter e Vidal de la Blache.
  • Da explicación-causalidade: permite en forma de investigación sinalar o ocorrido, explícase o fenómeno baseándose en comprobacións. Foi sustentado por Alexander von Humboldt.
  • Da observación xeográfica-actividade: permite a visualización dos fenómenos xeográficos tomando como referencia que se orixinan na superficie terrestre ou no espazo en xeral. Foi estudado por Jean Brunhes.
  • Da conexión-relación: Establécese que os fenómenos xeográficos deben ser estudados sistematicamente. Foi estudado por Jean Brunhes.

Historia da xeografía

Mapamundi pertencente ao Libro de Rogelio orientado ao sur.

O mapa do mundo máis antigo coñecido remóntase a antiga Babilonia do século IX a.C.[11] Os antigos gregos foron os primeiros en acumular e sistematizar os seus coñecementos xeográficos e dar nome a esta nova disciplina, Estrabón, Eratóstenes e Claudio Tolomeo, foron os que empezaron a desenvolver teorías e prácticas do que nese momento se coñecia por xeografía. Os romanos continuaron o seu labor engadindo novos datos e técnicas, Pomponio Mela foi un deles. Durante a Idade Media, os árabes como Al-Idrisi conservaron o coñecemento xeográfico grego e romano e desenvolvérono aínda máis de acordo ás necesidades da época. Os chineses tamén desenvolveron para o interior do seu territorio un coñecemento xeográfico que se tardou en descubrir. Nesta era o pensamento xeográfico baseouse na teoría de Claudio Tolomeo na que se consideraba á Terra como o centro do universo. Existían mapas feitos en forma circular do que se coñecía do planeta nese momento (Europa, Asia e a parte norte de África) nos que a cidade de Xerusalén figuraba no centro da Terra. Cosmas Indicopleustes foi un dos xeógrafos medievais máis relevantes, que avalaba a idea xeocéntrica de Tolomeo. A chegada da revolución científica empezaría coa teoría heliocéntrica de Nicolás Copérnico, o fenómeno da rotación terrestre e a idea dunha Terra de forma esférica de Galileo Galilei, a Lei da gravitación universal de Isaac Newton, reforzadas cos descubrimentos de América e máis tarde de Oceanía, teorías que anos máis tarde gañarían aceptación na comunidade científica e manteríanse ata o día de hoxe. Comezaba a Idade Moderna e a ciencia renovábase, houbo que facer novos mapas sobre o planeta, ademais da instalación de novas teorías, o coñecemento sobre a Terra e polo tanto sobre a Xeografía serían distintos dos da Idade Media.

Tralas grandes exploracións e descubrimentos dos séculos XV ao XVII e a revolución científica, a xeografía experimentou profundos cambios. Será a partir de finais do século XIX, cando esta disciplina comezou a ensinarse na educación primaria e secundaría e cando se institucionalizou definitivamente nun gran número de universidades europeas. Bernhardus Varenius como predecesor do estudo científico da xeografía, Mikhail Lomonosov, Alexander von Humboldt, Carl Ritter, Friedrich Ratzel, Élisée Reclus e moitos outros, foron os grandes referentes da Xeografía deste século XIX.

O século XX supuxo un gran desenvolvemento cuantitativo e cualitativo para a xeografía. Esta disciplina desenvolveu diversas tradicións xeográficas (física, ecolóxica, rexional, espacial, paisaxística e social) e novos paradigmas de estudo (ambiental, determinismo, posibilismo (xeografía rexional-paisaxística), xeografía idiográfica, xeografía teorético-cuantitativa, xeografía cultural (tamén vista como unha rama), xeografía do comportamento, xeografía do tempo ou temporal, xeografía humanista, teoría da estruturación, xeografía crítica (en Iberoamérica) ou radical (no mundo anglosaxón), xeografías posmodernas (entre as cales está a nova xeografía cultural, a nova xeografía rexional, a xeografía de xénero ou feminista, etc.), xeografía neo-cuantitativa, etc.). Ademais a xeografía ten fortes vínculos con disciplinas afíns, tanto científico-naturais (xeoloxía ou bioloxía) como científico-sociais (socioloxía, economía ou historia).

Entre os xeógrafos destacados do século XX e de comezos do século XXI atópanse William Morris Davis, Vasily Dokuchaev, Alfred Russel Wallace, Wladimir Peter Köppen, Carl Troll, Paul Vidal de la Blache, Jean Brunhes, Hans Oeschger, Albert Demangeon, Richard Chorley, Alfred Hettner, Ellsworth Huntington, Walter Christaller, Torsten Hägerstrand, Halford John Mackinder, Karl Haushofer, Carl Sauer, Yi-Fu Tuan, Nicholas Shackleton, David Harvey, Milton Santos, Yves Lacoste, Horacio Capel, Richard Hartshorne, Ellen Churchill Semple, Doreen Massey, Robert E. Horton, J. Harlen Bretz, Willi Dansgaard e moitos outros.

A comezos do século XXI, a situación actual da Xeografía é algo ambivalente. Por unha banda, parece evidente que a visibilidade da Xeografía como disciplina académica diminuíu a nivel popular, isto por exemplo pódese apreciar na redución de número de estudantes na educación superior desta disciplina, ademais agregado a que algúns autores como Richard R. O'Brien e Paul Virilio na década de 1990, apoiándose na desterritorialización do mundo, como consecuencia do desenvolvemento global das novas tecnoloxías aplicadas ás telecomunicacións, apresuráronse a dicir que é o "fin da Xeografía". Pero ao mesmo tempo, pode afirmarse que nunca o saber xeográfico estivo máis difundido entre a poboación: polo nome das novas tecnoloxías cualificadas co adxectivo de "xeográficas" (Sistema de información xeográfica), e pola difusión e ampliación do interese xeral cara aos coñecementos sobre a superficie terrestre, e sobre o planeta Terra en xeral, un coñecemento que se pode chamar xeográfico. Estes cambios están afectando á concepción popular sobre a Xeografía, onde se empeza a acuñar o concepto de Neoxeografía como unha nova etapa da disciplina, onde se di: "O paso dunha Xeografía académica á nova Xeografía caracterízase por un desdebuxamento dos límites entre os roles tradicionais de suxeitos produtores, comercializadores e consumidores de información xeográfica. Na neoxeografía, a liberdade é o primeiro, non obedecendo a ningún criterio daqueles que definiron á ciencia da Xeografía nin da Xeomática". Ademais tamén se produce un profundo debate na disciplina, onde hai defensores das xeografías rexionais e cuantitativas, onde se defende unha Xeografía máis ben descritiva, e os defensores das xeografías radicais, humanísticas e posmodernas, onde se defende unha Xeografía máis crítica dos feitos da realidade ambiental, cultural, económica, política e social. O desprazamento, nas tres últimas décadas dunha ciencia natural ou da Terra cara ás ciencias sociais en varias institucións educativas no mundo, tamén é obxecto de discusión. Para algúns autores a falta de consenso e estes debates terminan por desgastar á disciplina e é outra das posibles causas da diminución da Xeografía a nivel popular.

Disciplinas da xeografía

De acordo ao seu enfoque, a xeografía divídese en dúas grandes ramas: xeografía xeral e xeografía rexional. A xeografía xeral é analítica, xa que estuda os feitos físicos e humanos individualmente, mentres que a xeografía rexional é sintética e ocúpase dos sistemas territoriais particulares. Con todo, a articulación entre ambas ramas foi tradicionalmente un tema de debate dentro da xeografía. Para os xeógrafos de tradición corolóxica, a xeografía é, sobre todo, xeografía rexional, e a xeografía sistemática sería unha propedéutica destinada a emprender o estudo rexional. En cambio, para os xeógrafos cuantitativos defensores da tradición espacial, a xeografía xeral sería a única xeografía científica xa que só esta é capaz de formular teorías e leis. Un terceiro grupo de xeógrafos, próximos á tradición social, defenderon a primacía da xeografía rexional e a visión da xeografía xeral como un estudo comparado e xeralizador dos diversos elementos que conforman os complexos rexionais.

Xeografía xeral

A xeografía xeral presenta un conxunto de diversos tipos de subdisciplinas configuradas ao redor do seu propio obxecto, con fortes vínculos coas súas respectivas ciencias auxiliares e con grados variables de comunicación entre si. Trátase dun estudo de multitude de ciencias específicas que se atopan relacionadas entre si polo obxecto de estudo (o noso planeta, en especial os conceptos e procesos que se presentan na superficie terrestre). Por razóns metodolóxicas que se derivan do campo de estudo tan amplo que desenvolve, subdividese en dúas grandes ramas: xeografía física e xeografía humana.

Xeografía física

Artigo principal: Xeografía física.
Bioxeografía.
Climatoloxía e Meteoroloxía.
Xeografía litoral.

A xeografía física (coñecida nun tempo como fisiografía, termo agora escasamente usado) é a rama da Xeografía que estuda en forma sistemática e espacial a superficie terrestre considerada no seu conxunto e, especificamente, o espazo xeográfico natural.

A xeografía física preocúpase, segundo Strahler, dos procesos que son o resultado de dous grandes fluxos de enerxía: o fluxo de radiación solar que dirixe as temperaturas da superficie xunto aos movementos dos fluídos, e o fluxo de calor desde o interior da Terra que se manifesta nos materiais dos estratos superiores da cortiza terrestre. Estes fluxos interactúan na superficie terrestre que é o campo do xeógrafo físico.[12]

Así, a xeografía física é a rama da Xeografía que estuda o medio físico. Os principais elementos que estruturan o medio físico corresponden ao relevo, as augas terrestres, o clima, a vexetación, a fauna e o chan; e o estudo de cada un destes deu orixe a diversas ciencias da Terra, entre as cales atópanse:

  • A climatoloxía ocúpase do estudo do clima, que é o comportamento a longo prazo da atmosfera nun lugar xeográfico determinado, non debe confundirse co tempo meteorolóxico que é o obxecto de estudo da meteoroloxía. Está estreitamente relacionada coa meteoroloxía que estuda especificamente o tempo atmosférico desde o punto de vista físico. Engloba subdisciplinas máis especializadas:
    • A climatoloxía analítica.
    • A climatoloxía sinóptica. O adxectivo sinóptica refírese especificamente aos datos atmosféricos correspondentes a unha superficie bastante extensa (un millón de km2 ou máis) polo que esta rama dedícase á determinación de grandes grupos climáticos en amplos sectores da superficie terrestre.
    • A topoclimatoloxía (climatoloxía dun lugar específico).
    • A climatoloxía urbana, que estuda o clima urbano (refírese aos climas modificados localmente polas actividades urbanas).
    • A agroclimatoloxía, que estuda o clima en relación ás súas características que inciden no desenvolvemento dos cultivos.
  • A xeomorfoloxía estuda de xeito descritivo e explicativo o relevo terrestre, o cal é o resultado dun balance dinámico -que evoluciona no tempo- entre procesos construtivos e destrutivos, dinámica que se coñece de xeito xenérico como ciclo xeográfico, teoría suscitada por William Morris Davis. Unha obra importante neste campo é a de Jean Tricart La epidermis de la Tierra[13] cuxo título fainos ver a súa concepción da xeomorfoloxía como unha rama do estudo xeográfico xeral da Terra. O termo xeomorfoloxía provén do grego: Γηος, é dicir, xeos (Terra), μορφή ou morfos (forma) e λόγος, logos (estudo, coñecemento), é dicir, estudo das formas do relevo. Engloba subdisciplinas máis especializadas como:
    • A xeomorfoloxía fluvial é a que se encarga do estudo das formas ocasionadas pola propia dinámica fluvial: erosión, transporte e sedimentación.
    • A xeomorfoloxía de ladeiras é aquela que estuda os fenómenos producidos nas vertentes das montañas, así como tamén estuda os movementos en masa.
    • A xeomorfoloxía eólica é a que se encarga de estudar os procesos e as formas eólicas.
    • A xeomorfoloxía glacial encárgase de estudar as formas e os procesos dos accidentes xeográficos e relevos glaciares e periglaciares.
    • A xeomorfoloxía dinámica trata dos procesos elementais de meteorización, erosión, dos axentes de transporte, do ciclo xeográfico e da natureza da erosión, que integra a erosión antrópica e os procesos morfoxenéticos.
    • A xeomorfoloxía climática estuda a influencia do clima sobre o relevo, os grandes dominios morfoclimáticos e a pegada no relevo de dominios morfoclimáticos do pasado.
  • A hidroloxía dedícase ao estudo da distribución, espacial e temporal, e as propiedades da auga presente na atmosfera e na codia terrestre. Isto inclúe as precipitacións, as escorras, a humidade do chan, a evapotranspiración e o equilibrio das masas glaciares, mentres que os efectos das augas mariñas sobre a liña da costa quedan dentro da xeografía litoral entre tanto os procesos de erosión e sedimentación costeira, formación de barras e albufeiras, entre outros, quedarían dentro do campo de estudo da xeomorfoloxía. Engloba subdisciplinas máis especializadas como:
    • A potamoloxía que estuda a dinámica dos ríos.
    • A hidroloxía mariña, así como a oceanografía, que se encargan de estudar a dinámica dos diversos axentes que interveñen nos océanos e nos mares, como as correntes mariñas, as ondas, a composición da auga (salinidade, osixenación, etc.).
    • A limnoloxía que estuda a dinámica dos lagos.
  • A hidrografía pola súa banda estuda todas as masas de auga da Terra, divídese en dúas ramas:
    • A hidromorfometría que se dedica ao estudo das cuncas hidrográficas, en especial ás súas forma, dimensións, composición, tempos de resposta, etc., enfocándose tamén no tipo, trazado e abundancia de drenaxes e corpos lagoares e as súas implicacións no funcionamento da cunca hidrográfica.
    • A hidrografía mariña dedícase á medida, recompilación e representación dos datos relativos ao fondo do océano, as costas, as mareas e as correntes, de maneira que se poidan plasmar sobre unha carta hidrográfica.
  • A glacioloxía a diferenza da hidroloxía, preocúpase dos corpos de auga en estado sólido, tales como glaciares, casquetes, icebergs, plataformas de xeo etc.
  • A xeocrioloxía dedícase ao estudo do permafrost.
  • A xeografía litoral estuda as dinámicas das paisaxes costeros.
  • A bioxeografía é a ciencia que estuda a distribución dos seres vivos sobre a Terra, así como os procesos que os orixinaron, que os modifican e que os poden facer desaparecer, incluíndo tamén a relación destes co medio. Entre as súas ramas están:
    • A fitoxeografía que trata sobre as plantas.
    • A zooxeografía, subdisciplina que se enfoca nos animais.
    • A bioxeografía de illas, é un subcampo que establece e explica os factores que afectan a riqueza das especies de comunidades naturais. Neste contexto unha illa pode ser calquera área de hábitat rodeado por áreas inadecuadas para as especies; poden non ser illas verdadeiras rodeadas polo océano, senón tamén, montañas rodeadas por desertos, lagos rodeados pola terra firme, fragmentos de bosques rodeados por paisaxes alteradas polos humanos, etc.
  • A pedoloxía ou edafoxeografía estuda o chan no concernente á pedoxénese (a orixe do chan, a súa formación, clasificación, morfoloxía, taxonomía e tamén a súa relación e interacción co resto dos factores xeográficos na dinámica do ciclo xeográfico).[14] Dentro da pedoloxía aparecen varias ramas teóricas e aplicadas que se relacionan en especial coa física e a química.
  • O estudo dos riscos naturais, xa que pese a que o número de desastres naturais non aumentou nos últimos anos, si que aumentou o número de persoas aos que afectan. É un tema do que tamén se ocupa a xeografía humana.
  • A ecoloxía da paisaxe é unha disciplina entre a xeografía física orientada rexionalmente e a bioloxía. Estuda as paisaxes naturais prestando especial atención aos grupos humanos como axentes transformadores da dinámica físico-ecolóxica destes. Recibiu achegas tanto da xeografía física como da bioloxía, xa que aínda que a xeografía achega as visións estruturais da paisaxe (o estudo da estrutura horizontal ou do mosaico de subecosistemas que conforman a paisaxe), a bioloxía achegaranos a visión funcional da paisaxe (as relacións verticais de materia e enerxía). Este concepto comeza en 1898, co xeógrafo, pai da pedoloxía rusa, Vasily Vasilievich Dokuchaev e foi máis tarde continuado polo xeógrafo alemán Carl Troll. É unha disciplina moi relacionada con outras áreas como a xeoquímica, a xeobotánica, as ciencias forestais ou a edafoloxía.
  • A paleoxeografía é a disciplina xeográfica encargada de investigar e reconstruír a xeografía de épocas pasadas e a súa evolución, sendo de grande importancia dentro da xeografía física, xa que serve para comprender mellor a dinámica actual da xeografía do noso planeta. Engloba subdisciplinas máis especializadas como:
    • A paleoclimatoloxía que trata sobre o estudo dos climas do pasado.
    • A paleobioxeografía, subdisciplina que se enfoca no estudo da interacción dos seres vivos do pasado co seu ambiente e a súa distribución.
    • A paleohidroloxía que estuda os corpos de auga e augas correntes pretéritos.
    • A paleopedoloxía dedícase ao estudo dos paleosuelos e dos chans relictos.

Xeografía humana

Artigo principal: Xeografía humana.

A xeografía humana é a ciencia social centrada no estudo das sociedades e dos seus territorios; tamén estuda ao ser humano e as súas reaccións coa súa contorna tanto no aspecto estático da súa organización, como no dinámico dos cambios que experimentan. Para algúns a xeografía humana pode ser unha práctica humana de coñecer onde se vive para comprender e planificar o espazo onde se vive. A pesar do foco principal da xeografía humana non ser a paisaxe física da Terra (ver xeografía física), dificilmente se pode discutir a xeografía humana sen se referir á paisaxe física onde as actividades humanas acontecen. A xeografía humana contén varias subdisciplinas:

  • Xeografía da poboación: estuda os patróns e procesos involucrados no estudo da poboación dos distintos espazos; a súa distribución, o seu dinamismo natural e os movementos migratorios, así como os problemas demográficos (despoboamento rural ou éxodo rural, fluxos migratorios internacionais, envellecemento, entre outros.). Ten como ciencia afín á demografía. E a diferenza entre as dúas ciencias céntrase nunha distinción do punto de vista: a demografía estuda a poboación desde a perspectiva da estatística, mentres que a xeografía da poboación estúdaa tendo en conta a distribución espacial da poboación e das súas características.
  • Xeografía rural: estuda o mundo rural e os espazos rurais, as actividades económicas que levan a cabo nestes (agricultura, gandería, turismo), os tipos de asentamento e os problemas destas áreas (despoboamento, problemas económicos, problemas ambientais, etc.). Como ciencias afíns poden citarse á agronomía, a socioloxía rural e a economía.
  • Xeografía urbana: estuda as cidades e as rexións urbanas, a súa morfoloxía (plano, estrutura, edificación, sectores, procesos ecolóxicos), as súas características socioeconómicas, os seus cambios e problemas. Como ciencias afíns están o urbanismo e a socioloxía urbana.
  • Xeografía médica: estuda os efectos de variables ambientais na saúde das persoas e da distribución xeográfica das enfermidades incluíndo tamén o estudo dos factores ambientais que inflúen na súa propagación. A súa ciencia afín é a medicina.
  • Xeografía do transporte: ocúpase dos sistemas de transporte como parte da organización dos espazos xeográficos. Os seus temas principais de estudo son a configuración e características das redes de transporte, os fluxos que se dan sobre estas redes e os problemas relacionados co transporte, como a conxestión, a contaminación, o seu papel no desenvolvemento socioeconómico dos espazos xeográficos en que se integran, etc. Como disciplinas afíns poden citarse a historia do transporte e a economía do transporte.
  • Xeografía económica: estuda as actividades económicas que se desenvolven nos distintos espazos, a localización das actividades económicas e os problemas económicos (desenvolvemento xeográfico desigual, globalización, deslocalización das actividades, etc.).Para Krugman é a "rama da economía" acerca da "localización da produción no espazo".[15]

Xeografía matemática

Artigo principal: Xeografía matemática.

A xeografía matemática , estuda a representación matemática da superficie da Terra e a súa relación coa Lúa e o Sol. Esta vocación dual non é contraditoria, porque a través do estudo dos fenómenos da superficie que ocorren produto da interacción co Sol e a Lúa pode ser mapeado no ecuador, os trópicos, as liñas polares, coordenadas xeográficas e ata medir o tamaño da Terra. Inclúe ramas como:

Xeografía rexional

Artigo principal: Xeografía rexional.
Rexións de Europa.      Europa central      Europa do leste      Europa do norte      Europa do oeste      Europa do sur      Países de Asia que teñen territorios en Europa

A xeografía rexional ou corolóxica (do grego «χώρα», espazo, país, rexión e «λόγος», coñocemento, estudo) é a disciplina que estuda os sistemas ou complexos xeográficos. Porén, non hai consenso á hora de definir que é un complexo xeográfico nin o papel da xeografía rexional no conxunto da xeografía.

Para algúns xeógrafos, a xeografía rexional é a disciplina encargada do estudo sintético dos complexos xeográficos (territorios, lugares, paisaxes ou rexións entre outras denominacións). Sería polo tanto unha parte da xeografía en condición de igualdade coas múltiples disciplinas que conforman a xeografía xeral ou sistemática, as cales estudan analiticamente diversos fenómenos nas súas características e distribución (relevo, clima, vexetación, poboación, organización económica, organización política, comercio, transportes, etc.).

Para outros xeógrafos, pola contra, a denominación xeografía rexional é redundante pois toda a xeografía é rexional. É dicir, a xeografía ten por obxecto estudar os complexos xeográficos a calquera escala (localidades, comarcas, rexións, países, grandes rexións, etc.) tanto de forma sintética coma temática. As diversas disciplinas que conforman a xeografía xeral serían polo tanto, o achegamento temático e comparativo ao estudo dos complexos xeográficos. Así, segundo Robert E. Dickinson, «A xeografía é fundamentalmente a ciencia rexional ou corolóxica da superficie terrestre», e para Manuel de Terán, «A primacía da xeografía rexional non é discutible na situación actual da ciencia xeográfica. A xeografía moderna é fundamentalmente xeografía rexional, coma na Antigüidade foi Coroloxía e Chorografía».

Ciencias auxiliares da xeografía

A xeografía, debido á amplitude do seu campo de estudo, require dos coñecementos doutras ciencias, que son as chamadas ciencias auxiliares. Entre estas destacan a matemática, a estatística, a astronomía e a xeodesia para a xeografía en xeral; a meteoroloxía, a astronomía, a física, a química, a xeoloxía estrutural, a estratigrafía, a oceanografía, a xeometría, a sedimentoloxía, a petrografía, a ecoloxía, a hidroxeoloxía e a bioloxía para a xeografía física; a socioloxía, a antropoloxía, a economía, a historia, a agronomía, a demografía, a arquitectura, a etnografía e a arqueoloxía para a xeografía humana.

Notas

  1. Portal das palabras. "Xeografía". Consultado o 19/9/2015. 
  2. Definicións no Dicionario da Real Academia Galega e no Portal das Palabras para Xeografía.
  3. Ortega Valcárcel, J (2000), «O termo xeografía aparece entre os gregos no século III a.C., utilizado para identificar a representación gráfica da Terra, a súa imaxe ou pintura. Este é o sentido que lle dá Eratóstenes». Los horizontes de la Geografía,Ed. Ariel, p 41.
  4. Pattinson, W.D. (1964). The Four Traditions of Geography, Journal of Geography, pp. 211–216. http://www.geog.ucsb.edu/~kclarke/G200B/four_20traditions_20of_20geography.pdf
  5. 5,0 5,1 Harper, Douglas. Online Etymology Dictionary, ed. ""geography"" (en inglês). Consultado o 12 de xullo do 2015. 
  6. Dicio, Dicionário Online de Português. "geografia". Consultado o 12 de xullo do 2015. 
  7. Dizionario Italiano (ed.). ""Geografia"" (en italiano). Consultado o 12 de xullo do 2015. 
  8. 8,0 8,1 8,2 8,3 8,4 8,5 A. P. Guimarães; O. Valverde (1993). "Geografia". En Encyclopaedia Britannica do Brasil Publicações Ltda. Enciclopédia Mirador Internacional (en portugués) 10. São Paulo. pp. p. 5212. 
  9. Real academia española (ed.). "Geografía" (en castelán). Consultado o 12 de xullo do 2015. 
  10. Merriam-Webster Dictionary (ed.). ""Geografia"" (en inglés). Consultado o 12 de xullo do 2015. 
  11. Kurt A. Raaflaub & Richard J. A. Talbert (2009). John Wiley & Sons, ed. Geography and Ethnography: Perceptions of the World in Pre-Modern Societies. p. 147. ISBN 1-4051-9146-5. 
  12. Arthur Newell Strahler (2008) Visualizing Physical Geography. New York: Wiley & Sons in collaboration with The National Geographic Society. 626 pp.
  13. Jean Tricart. La epidermis de la Tierra. Barcelona: Editorial Labor, 1969
  14. Donald Steila. The Geography of Soils. Englewood Cliffs: Prentice Hall, 1976.
  15. [1] Paul R. Krugman, Geografía y comercio (1992), p. 7.

Véxase tamén

Bibliografía

  • Buzai, Gustavo (2004). Geografía Global. Lugar Editorial. 
  • Canal Apaza, Luis (2007). Geografía Regional. CCITT.
  • Capel, Horacio (2009). Geografía en red a comienzos del tercer milenio: Para una ciencia solidaria y en colaboración. Barcelona: Revista virtual Geocrítica-Scripta Nova. 
  • Ferreras, C.; Fidalgo, C.E. (1999). Biogeografía y edafología. Madrid: Síntesis. 
  • López Bermúdez, Francisco y otros (1992). Geografía física. Madrid: Cátedra Geografía. 
  • Méndez, Ricardo (1997). Geografía económica. La lógica espacial del capitalismo. Barcelona: Ariel Geografía. 
  • Puyol, Rafael; Estébanez, José; Méndez, Ricardo (1995). Geografía humana. Madrid: Cátedra Geografía. 
  • Segrelles Serrano, José Antonio (2005). El compromiso social y la ideología de la geografía: ¿desde la izquierda o desde la derecha?. Ciudad de México: 4ª Conferencia Internacional de Geografía Crítica. 
  • Souto, Patricia (2011). Territorio, lugar, paísaje. Buenos Aires: Facultad de Filosofía y Letras de la UBA, Cátedra Introducción a la Geografía. 
  • Valencia Rangel, Francisco (1987). Introducción a la Geografía Física (13a ed.). México: Herrero. 

Outros artigos

Ligazóns externas