LIMSwiki
Contidos
Localización | ||||
---|---|---|---|---|
Capital | Edesa | |||
Poboación | ||||
Relixión | cristianismo | |||
Datos históricos | ||||
Precedido por | ||||
Creación | 1098 | |||
Disolución | 1150 | |||
Organización política | ||||
Forma de goberno | monarquía | |||
O condado de Edesa foi o primeiro, e un dos principados estados cruzados do século XII, centrado en torno á cidade de Edesa, que tiña unha longa historia desde a Antigüidade, ademais dunha extensa tradición cristiá.
O condado de Edesa era diferente do resto dos principados cruzados, pois estaba no interior, rodeado de territorio musulmán, alonxado dos demais principados, e non mantiña boas relacións co seu veciño máis próximo, o principado de Antioquía.
Ademais, a metade do condado, incluída a súa capital, encontrábase ao leste do río Éufrates e, polo tanto, nunha posición moi oriental con respecto aos demais territorios dos cruzados. A súa parte occidental, ao oeste do Éufrates, rexíase desde a fortaleza de Turbessel.
Historia
En 1098, Balduíno de Boulogne, nobre franco que foi un dos líderes da Primeira cruzada, viaxou cos seus irmáns máis vellos, Eustaquio (máis tarde Eustaquio III de Boulogne) e Godofredo de Bouillon até Heraclea Cybistra en Asia Menor.[1][2]
En 1097 separouse do corpo principal da Cruzada, que se dirixía cara ao sur, cara Antioquía e Xerusalén, e viaxou cara ao leste en dirección a Edesa, cruzando Cilicia.[1][2]
Balduíno conquistou importantes fortalezas nas terras ao oeste do Éufrates coa axuda da poboación armenia local. Thoros de Edesa invitouno a ir a Edesa para loitar contra os selxúcidas. Unha vez alí, convenceu ao señor da cidade, Thoros de Edesa, de que o adoptase como fillo e herdeiro.[1]
Porén, aproveitando unha revolta contra Thoros, Balduíno conquistou a cidade e estableceu o primeiro estado cruzado o 10 de marzo de 1098. Para fortalecer o seu goberno, Balduíno, viúvo, casou cunha nobre armenia, Arda de Armenia.[2][3]
Balduíno entrou nun conflito que duraría moitos anos, con Tancredo de Hauteville, tamén coñecido como Tancredo de Galilea, un señor normando da baixa nobreza, que participaba na Cruzada, pola conquista e dominio da cidade de Tarso, na Cilicia. Tancredo pretendía facerse con algún territorio para establecerse como príncipe en Oriente, e Balduíno debía de ter as mesmas intencións. Balduíno conquistou Tarso, que era de Tancredo. Os exércitos de Tancredo e Balduíno enfrontáronse brevemente en Mamistra, pero nunca chegaron á guerra aberta, e Tancredo seguiu camiño de Antioquía.
Thoros era greco-ortodoxo, e como tal non era do agrado dos seus súbditos ortodoxos-armenios, e pronto morreu asasinado, non se sabe se Balduíno tivo algo que ver na súa morte. En calquera caso, Balduíno pasou a ser o novo señor, tomando o título de conde (xa fora conde de Verdún, en Europa, como vasalo do seu irmán Godofredo).
En 1100, Balduíno converteuse en rei de Xerusalén, cando o seu irmán Godofredo de Bouillon, o Defensor do Santo Sepulcro e gobernador do novo estado, morreu. O condado de Edesa pasou entón ao seu primo Balduíno de Bourg, ao que se lle uniu Xoscelino de Courtenay, como señor da fortaleza de Turbessel sobre o Éufrates, unha importante defensa fronte aos turcos selxúcidas.
Os señores francos mantiveron boas relacións cos seus súbditos armenios, e houbo varios matrimonios mixtos: os tres primeiros condes casaron con damas armenias: Balduíno I casou con Arda, Balduíno de Bourcq casou con Morfia, filla de Gabriel de Melitene e Xoscelino de Courtenay, cunha filla de Constantino I de Armenia.
Notas
- ↑ 1,0 1,1 1,2 Matthew, of Edessa; Ara Edmond Dostourian; Grigor Narekatsʻi Saint (1993): Armenia and the Crusades, Tenth to Twelfth Centuries: The Chronicle of Matthew of Edessa. Trad. por Ara E. Dostourian. Lanham: University Press of America. ISBN 978-0-8191-8953-0.
- ↑ 2,0 2,1 2,2 Baldwin I king of Jerusalem na Enciclopedia Británica.
- ↑ Baldovino I re di Gerusalemme na Enciclopedia Treccani.
Véxase tamén
Bibliografía
- Grousset, René (1949): L'Empire du Levant: Histoire de la Question d'Orient.
- Robinson, John (1994): Dungeon, Fire and Sword: The Knights Templar in the Crusades. Londres: Brockhampton Press. ISBN 1-8601-9952-6.
- Ferdinandi, Sergio (2017): La Contea Franca di Edessa. Fondazione e Profilo Storico del Primo Principato Crociato nel Levante (1098-1150). Roma: Pontificia Università Antonianum. ISBN 978-88-7257-103-3.