Type a search term to find related articles by LIMS subject matter experts gathered from the most trusted and dynamic collaboration tools in the laboratory informatics industry.
O tiro de corda[1] é un deporte popular que se practica en diversas partes do mundo e que mesmo conta cunha Federación Internacional, a Tug of War International Federation. No estado español practícase, ademais de en Galiza, en Asturias[2], Cantabria[3] e Euskadi[4], onde recibe o nome de Sokatira, entre outros.
As normas deste deporte son as establecidas pola Federación Internacional de Tiro de Corda, coñecidas xenericamente como Normativa TWIF. Compiten dous equipos que turran dunha corda, cada un nun extremo da mesma, intentando arrastrar ao contrario.
A TWIF recoñece as seguintes categorías:
1. En herba (Outdoor) e en chan de goma (Indoor). 2. Feminino e masculino. 3. Senior (maiores de 18 anos), menores de 23 e junior (entre 15 e 18 anos; no caso da competición feminina, entre 16 e 18 anos). Xa que logo, un xogador de entre 18 e 23 anos pode escoller participar na competición sénior ou na de menores de 23 anos, sendo as dúas opcións excluíntes entre elas. 4. Mixta 4*4 (4 mulleres e 4 homes).
Tamén se teñen en conta rangos de pesos, referidos ao equipo completo. Son os seguintes:
1. Ultrapluma (Ultra Featherweight), máximo 480 quilos. 2. Pluma (Featherweight), máximo 520 quilos. 3. Lixeiro (Lightweight), máximo 560 quilos. 4. Medio lixeiro (Light Middleweight), máximo 600 quilos. 5. Medio (Middleweight), máximo 640 quilos. 6. Cruceiro (Cruiserweight), máximo 680 quilos. 7. Pesado (Heavyweight), máximo 720 quilos. 8. Libre (Catchweight), sen límite.
Na modalidade mixta 4*4 o peso non pode superar os 600 quilogramos.
Cada equipo consta de oito compoñentes e só se permite unha única substitución unha vez que o equipo pricipiou a turrar. O peso máximo do conxunto do equipo non se pode aumentar co peso do substituto, aínda no caso de que o peso do equipo fose inicialmente menor que o peso máximo permitido para esa clase. No caso de que algún xogador sufra unha lesión e xa se fixese a substitución autorizada permítese continuar con sete tiradores. Non se permite o xogo con menor número de compoñentes nun equipo.
Cada equipo conta tamén cun adestrador (coach), cuxa principal función é a de dirixir as tiradas. Tamén teñen un preparador (trainer), que coida do equipo antes e despois de cada tirada. Non se lle permite falar cos xogadores durante o transcurso das mesmas.
O uniforme, común para todos os membros dun mesmo equipo, debe consistir nunha camisola ou xersei de deporte, pantalón curto e medias ou calcetíns. O uso dalgún tipo de peza para a cabeza é opcional, se ben, de a levar, debe ir acorde coas cores do resto do uniforme.
As pezas protectoras deben ir por embaixo do uniforme, a criterio do árbitro, agás os cintos de protección, que cómpre que vaian por enriba. A roupa protectora usada polo xogador que exerce de áncora (o que se sitúa en última posición) non pode exceder dos 5 centímetros de grosor, colocándose entre a corda e o corpo. Non se permite ningún tipo de ferramenta que poida bloquear a corda.
O uso de resina nas mans está autorizado para facilitar o agarre da corda. No caso de competición sobre goma só se poderá usar se o autoriza o recinto deportivo onde se celebre o xogo e sempre baixo a supervisión do árbitro.
O tipo de calzado utilizado vai depender de se a competición é sobre herba ou sobre goma. No primeiro caso, permítese un tacón chapado de metal de espesor non superior a 6,5 milímetros, pero máis nada. Se o xogo se desenvolve sobre goma usarase calzado deportivo normal sen ningún tipo de engadido.
As cordas deberán ter un diámetro de entre 10 e 12,5 centímetros, cunha lonxitude mínima de 33,5 metros. Non poden presentar nós nin outro tipo de suxeicións para as mans, rematando nos extremos a xeito de fusta. Levarán debuxadas unhas marcas, que varían en función do tipo de xogo:
1. En competición sobre herba levan unha marca no centro da corda, outras dúas a 4 metros da central a cada lado da corda e dúas máis a 5 metros. Cada tipo de marca deberá ser de cor diferente. 2. En competición sobre goma, ademais da marca central, levarán dúas únicas marcas máis a 2,5 metros da central a cada lado da corda, sendo tamén cada clase de marca dunha cor distinta.
As marcas pódense substituír por cintas de cores.
A TWIF recomenda unha lonxitude de 36 metros e un ancho de entre 1 e 1,2 metros. Debuxarase unha liña central e outras dúas a 4 metros da anterior, cada unha a cadanseu lado do campo.
Non se permite:
1. Termar da corda polas zonas delimitadas polas marcas ou cintas exteriores. 2. Practicarlle á corda nós ou argolas, nin entrelazala con ningunha parte do corpo. 3. Cruzar a corda sobre si mesma.
É obrigatorio:
1. Ao comezo da tirada a marca central da corda deberá coincidir coa marca central do chan. 2. Os xogadores suxeitarán a corda coas mans espidas, as palmas cara a arriba e pasando a corda entre o corpo e a parte superior do brazo. Ao xogador que actúe de áncora, isto é, ao último tirador do equipo, permíteselle reter a corda por embaixo do nivel do cinto de protección, por razóns de seguridade. A posición que debe adoptar a áncora ven minuciosamente detallada na Normativa TWIF; a corda débelle pasar ao longo do corpo e en diagonal polas costas, descansando por riba do ombreiro oposto, en sentido posterior - anterior. A que sobre irá por debaixo da axila, quedando o final libre.
As infraccións máis comúns no tiro de corda son:
1. Sentar (sitting). Sentar no chan a propósito, ou permanecer nesa posición tras esvarar. 2. Apoiar (leaning). Tocar o chan con calquera parte do corpo que non sexan os pés. 3. Bloqueo (locking). Bloquear a corda. 4. Agarre (grip). Calquera método de suxeición da corda que non sexa o anteriormente descrito. 5. Apontoar (propping). Suxeitar a corda de xeito que non pase entre o corpo e a parte superior do brazo. 6. Subir pola corda (climbing the rope). Pasarse a corda a través das mans. 7. Preparador (trainer). Como xa se mencionou antes, o preparador non pode falar co equipo no transcurso dunha tirada. 8. Posición da áncora (anchor position). Calquera diferente á que se detallou máis arriba. 9. Inactividade (inactivity). Cando os equipos evitan, de xeito prolongado, realizar esforzo nunha tirada, coa conseguinte paralización da mesma, o árbitro principal poderá declarar unha tirada nula (no pull). Se unha tirada con períodos de inactividade dura máis de dez minutos poderase decretar igualmente a tirada nula.
Tamén se pode declarar tirada nula se os dous equipos son culpables de infraccións tras seren avisados dúas veces, se soltan a corda ou se a tirada se interrompe por causas non constitutivas de infracción.
Un equipo é descualificado se comete outra falta tras recibir dous avisos por faltas nunha mesma tirada.
A cargo de velar pola legalidade dos encontros estarán un árbitro ou xuíz central e un xuíz de liña ou xuíz lateral.
Cada xogo consta de dúas tiradas, cun período de descanso entre as mesmas. Sortéase o lado que lle toca a cada equipo ao comezo do xogo, mudándoo ao rematar a primeira tirada. Se fose precisa unha terceira tirada vólvese sortear.
O xogo gáñase de xeito diferente segundo sexa en herba ou en goma. No primeiro caso vence o equipo que consegue que algunha das marcas exteriores do lado contrario da corda pase a liña central do chan. Se é sobre goma, cómpre que algunha das marcas exteriores sobrepase a marca exterior do lado oposto do chan.
Cando se disputa unha competición en fomato de liga, o equipo que gañe por dúas tiradas a cero anótase tres puntos e o que perda cero. Se se rexistra un empate a unha tirada cada equipo levará un punto.
As orixes do tiro de corda son incertas, pero o que semella claro é que se trata dun xogo antiquísimo, probablemente asociado nos seus inicios con rituais relixiosos. Acháronse restos dun gravado no que aparece representado este deporte na tumba de Meretaku, en Sakara, Exipto, datado no 2500 a. C.. Existen tamén evidencias da súa práctica na China, Myanmar, Papúa Nova Guinea e a India, entrando en Europa probablemente a través de Grecia, berce dos Xogos Olímpicos.
As primeiras referencias na Europa Occidental datan do ano 1000 da nosa era, circulando historias de campións orixinarios da Escandinavia e Alemaña, nas que guerreiros viquingos turraban de pelellos de animais sobre pozas a arder.
Xa a partir do século XV hai constancia da existencia de torneos de tiro de corda na Francia e na Gran Bretaña, sendo a partir do século XIX cando se dan os primeiros pasos para a súa organización coa creación de clubs e federacións.
O tiro de corda foi deporte olímpico en cinco xogos, de 1900 a 1920, ano no que foi suprimido por votación no seo do Comité Olímpico Internacional, nun intento de diminuír o número de participantes nas Olimpíadas que se consideraba excesivo. Estes foron os resultados:
Ano | Cidade | Ouro | Prata | Bronce |
---|---|---|---|---|
1900 | París, Francia | Equipo mixto de Suecia e Dinamarca | Francia | Deserto (só competiron dous equipos) |
1904 | Saint Louis, Estados Unidos | Estados Unidos | Estados Unidos | Estados Unidos |
1908 | Londres, Gran Bretaña | Gran Bretaña | Gran Bretaña | Gran Bretaña |
1912 | Estocolmo, Suecia | Suecia | Gran Bretaña | Deserto (só competiron dous equipos) |
1920 | Anveres, Bélxica | Gran Bretaña | Países Baixos | Bélxica |
Segundo a Asociación Galega do Xogo Popular e Tradicional o tiro de corda en Galiza encádrase dentro do tipo de xogo tradicional para persoas adultas. Esta asociación ofrece competicións deste deporte en diversas festas, feiras e foros semellantes.
Existen numerosas referencias da práctica deste deporte espalladas por toda Galiza. Por exemplo en Beluso (Bueu)[5], Cabo de Cruz (Boiro)[6], Pedornes (Oia)[7], Ribeira[8] ou en Escairón (O Saviñao, véxase artigo). En todas elas non hai unha observancia total das regras da Normativa TWIF o que dá orixe a diferentes modalidades, carecendo dunha federación ou asociación que homoxeneíce todas estas prácticas ou que elabore un campionato a nivel galego.