Os Estados Unidos de América (abreviado EUA e EEUU; en inglés: United States of America, abreviado USA ou US) son un estado federal composto por 50 estados e un distrito federal. 48 deles están situados entre o Canadá (ó norte), o océano Atlántico (ó leste), o golfo de México e México (ó sur) e o océano Pacífico (ó oeste). O estado de Alasca está na parte noroeste de Norteamérica, e o estado de Hawai é un arquipélago no medio do Pacífico. O país tamén posúe cinco territorios poboados e nove non poboados no Pacífico e no Caribe. Con 9,85 millóns de km2 e 318 millóns de persoas, os Estados Unidos son o terceiro ou cuarto meirande país por área total e o terceiro país por poboación. É un dos países máis multiculturais e diversos etnicamente do mundo, debido á inmigración de moitos países. A xeografía e o clima son moi diversos, e o país é tamén o fogar dunha variada vida salvaxe.
Os paleoindios migraron dende Eurasia ata os actuais Estados Unidos hai 15 000 anos, e a colonización europea comezou no século XVI. Os Estados Unidos xurdiron das Trece Colonias Británicas localizadas na Costa Atlántica. As disputas entre o Reino de Gran Bretaña e as colonias levaron á Revolución Americana. O 4 de xullo de 1776, mentres as colonias estaban a loitar contra Gran Bretaña na guerra de independencia, os delegados das 13 colonias asinaron a Declaración de Independencia. A guerra rematou en 1783 co recoñecemento da independencia dos Estados Unidos dende o Reino de Gran Bretaña, e foi a primeira guerra de independencia exitosa contra un imperio colonial europeo.
De acordo coa doutrina do destino manifesto, os Estados Unidos embarcáronse nunha grande expansión en Norteamérica ó longo do século XIX. Isto supuxo o desprazamento das tribos nativas, adquisicións de novos territorios e a admisión gradual de novos estados. Durante a segunda metade do século XIX, a guerra civil estadounidense acabou coa escravitude legal no país. A finais dese século, os Estados Unidos estendéronse ata o Océano Pacífico, e a súa economía comezou a evolucionar.
Os Estados Unidos son un país desenvolvido e a meirande economía do mundo. Mentres a economía estadounidense está considerada como post-industrial, continúa a ser un dos manufactureiros máis importantes do mundo.
|
Artigo destacado
Cidade destacada
Nova York (en inglés: New York; /njuːˈjɔɹk/ (axuda · info)) é a principal cidade do Estado de Nova York e dos Estados Unidos de América. Foi construída a partir dunha pequena colonia na illa de Manhattan, nos seus comezos holandesa co nome de Nova Ámsterdan, que pasou logo a mans inglesas.
Cos seus oito millóns de habitantes, que chegan aos 18,7 millóns na súa área metropolitana, a rexión metropolitana de Nova York é facilmente a maior dos Estados Unidos da América, e a segunda máis populosa da América do Norte (despois da Cidade de México). De feito, apenas dez Estados americanos (non incluíndo nesta lista o Estado de Nova York) posúen máis habitantes do que a cidade de Nova York. Desde a súa fundación en 1625, Nova York ten sido un dos principais destinos de inmigrantes que, chegados de todas as partes do mundo.
As empresas financeiras e comerciais que operan na cidade desempeñan un papel primario na economía dos Estados Unidos e do mundo. Os bancos e as bolsas de valores instaladas na cidade axudan a financiar a maioría das empresas americanas. Varias empresas, centros comerciais e outros estabelecementos, ben como o seu sistema de transporte público (bus e metro) operan 24 horas por día, 7 días por semana. É por iso que ás veces se describe como The City That Never Sleeps ("A cidade que nunca dorme").
Sabías que...?
Categorías
Queres atopar artigos relacionados cos Estados Unidos de América? Proba buscando nas seguintes categorías:
Biografía destacada
Harvey Bernard Milk, nado en Nova York o 22 de maio de 1930 e falecido en San Francisco o 27 de novembro de 1978, foi un político e activista norteamericano, o primeiro político abertamente gai elixido para un cargo público en California. Milk trasladouse dende Nova York ata San Francisco no ano 1972, coincidindo cun aumento do colectivo gai no Distrito Castro. Axudouse do crecemento político e do poder adquisitivo deste distrito para promocionar os seus intereses, presentandose a un cargo público en tres ocasións. As súas campañas "teátricas" aumentaron a súa popularidade, sendo elixido para o posto de supervisor de distrito no ano 1977. Milk serviu case 11 meses neste posto e foi responsable da aprobación dunha rigorosa ordenanza municipal a prol dos dereitos dos gais. O 27 de novembro de 1978 Milk e o alcalde George Moscone foron asasinados por Dan White, outro supervisor que dimitira recentemente pero quería recuperar o seu posto de traballo.
Malia a súa curta carreira política Milk converteuse nunha icona en San Francisco e nun mártir para a comunidade gai. No ano 2002, Milk foi cualificado como o "funcionario LGBT máis famoso e significativamente aberto nunca elixido nos Estados Unidos". Anne Kronenberg escribíu del: "O que diferenciaba a a Harvey de ti ou de min é que el era un visionario. Imaxinaba un mundo xusto na súa cabeza e entón dispoñíase a crealo na realidade, para todos nos". Sobre a súa vida téñense escrito distintas obras, un extenso documental de televisión (The Times of Harvey Milk) e un filme (Milk) dirixido por Gus Van Sant, con Sean Penn no papel de Milk, estreado en 2008. O presidente Barack Obama impúxolle a título póstumo a medalla presidencial da liberdade o 12 de agosto de 2009.
Imaxe destacada
Proxectos relacionados
Estados
Artigos de calidade e bos
Artigos de calidade (20)
Artigos bos (9)
Portais relacionados
Proxectos irmáns
|